25.1.07

Sen título

Non son proclive ás truculencias da morte. Non entendo á xente que comeza o xornal polas esquelas, aos que se paran nos accidentes estimulados pola carnaza nin aos que inquiren con avidez sobre os cancros dos amigos. O alivio é unha sensación que supoño mobiliza as endorfinas; e baixo esa afección necrófila ao infortunio alleo non hai más ca alivio, o alivio —tan humano— de pensar: menos mal que non fun eu; que ben que, unha vez máis, pasou de longo e non me tocou! Vivimos coa morte, convivimos diariamente coas puntas e o gume da gadaña sen que tal constitúa novidade nin o seu contacto nos provoque máis ca indiferenza : silenciosos, entre masacres, guerras, atentados, sismos, hambrunas, accidentes, pragas, tsunamis, enfermidades, suicidios e asasinatos, centos, miles de cadáveres asáltannos dende as páxinas do xornal no café matutino; no telediario das tres seguen desfilando máis mortos, e coa película americana de Steven Seagal pola noite, con máis difuntos entre golpes e balaseras, dámoslle a extremaunción a un día calquera. E, sen embargo, no caldo dunha sociedade analxésica co hiperhedonismo por monteira, a morte é un tabú, a máxima calamidade, a bicha de quen ninguén quere falar en termos de realidade próxima.
Quere esta reflexión servir de introito a unha expresión de dor, pois non me cabe sentir, como ser humano, máis ca dor, unha dor fría coma un torvo plenilunio, cando a forza do destino cabrón sobarda a dose de desventura que reserva para algúns. Veño de ler no xornal que o neno de nove anos que sobreviviu ao brutal accidente de tráfico de Poio do día 23, no que faleceron a súa nai, de 34 anos, e a súa irmá, de seis, debátese no hospital entre a vida e a morte. E algo simplemente excesivo para o pai, un mozo do Grove que se adica á construción.
Abonda todo comentario. Agardo afervoadamente a recuperación do meniño e sinto non ter un deus a quen rogar por el. Non existe. Non pode existir.

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Lin este post onte. Hoxe ademáis disa desgracia, acontece, perto da miña casa, outra: un neno de 12 anos suicídase, ao parecer, cun rifle do seu pai, da federación de tiro olímpico, na súa casa, mentras estaba só. Deixou unha nota decindo que non se preocuparan, que foran uns bos pais. Unha mala nota, problemas no colexio... En fin: non hai nada máis terrible. Nada máis inconsolable. Qué grandísima tristeza. Para toda a vida.
Por este barrio, andamos todos hoxe máis tristes ca nunca.

juan l. blanco valdés dijo...

Tremenda, devastadora noticia. Eu teño un neno de 12 anos. Nin sequera son quen de imaxinarme na pel dos pais. Non sei que dicir. Probablemente non haxa nada que dicir.

Anónimo dijo...

Absolutamente nada que dicir. Só agardo chegar cedo a casa e bicar ás miñas pequenas. Me cago en todo. Que merda.

juan l. blanco valdés dijo...

O meniño faleceu unha semana despois do accidente. A xustiza é unha entelequia, unha utopía.