14.1.07

Metalinguaxes. Galimatías


Esa expresión tan malévola de que todo crítico literario agocha un escritor frustrado pode resultar en ocasións un consolo. Dígoo porque á vista da fasquía e calidades de certas críticas dá medo pensar no crítico en cuestión metido a labores de cultivo estético das letras. Lícito e normal é que toda metalinguaxe estableza os niveis de especialización necesarios para a expresión unívoca e precisa de conceptos moi perfilados e de intelixencia reservada a iniciados; pero daí ao uso dun código críptico e inintelixible, que ao cabo resulta pretensioso e ridículo, non hai máis ca un paso. O que segue —atopado sen intención entre papeis vellos, cando o que buscaba era outra cousa— é un fragmento da crítica do libro Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas (1999, e unha seguna edición de 2002) de Uxío Novoneyra. Apareceu en La Voz de Galicia o 1 de novembro de 1999.


O don da ollada que se perde no páramo do óntico, no polimorfismo da arela, na hybris da memoria é unha mirada sabática que celebra, coa epifanía de Mnemósine, a caza de Pan. Ese ollo supérstite, mitómano, pero agnóstico, kantiano, concibe o mundo como unha trama labiríntica na que o suxeito (travestido, na súa penuria, de peligrino apofántico que voluntariamente se perde na rede da continxencia para endexamais dar fin a anábase) equivale ó noema da fenomenoloxía de E. Husserl en canto que, constituida como razón, como verdade, como logos, como crónos, rexeita por igual o magma da sincronía e da diacronía suturado por un único gnomon: o pleroma da pancronía (…) So o Paradoxo I pode terminar coas ortodoxias; a ironía, co paradiso. O ollo in itinere, subterfuxio metonímico do cogito, adopta a postura sedente, hierática, maxestática, do pantocrátor románico (entendido ó modo do Libro VI da Estética de G. W. F. Hegel, principio da interioridade, o retorno o ideal en si), pero significa por medio dunha álxebra de planos de luz xustapostos (impulso ascensional que invita ó sublime) directamente inspirados na levedade estructural do gótico flamíxero. A voz do deus (subíndice) do Sinaí e o murmurio do seu Apóstolo son substituídos pola vox populi do antroido e a polifonía da poética materialista de M. Batjin onde a linguaxe galileana (cantigas, lendas, ecos, glosas, xogos alterativos, calambures) é radicalmente dialóxica por tratarse dunha semiose alexandrina, irreverente, que se apoia nun solo morfema: o prefixo a- que nesta gramática de casos ten como sinónimo onomástico a Sant Yago Matamouros.

É exactamente o que penso eu. Demasiao.

5 comentarios:

Anónimo dijo...

Pois eu inda diría máis: aserejé, ja, dejé, de jebe tu de jebere sevionouva, majabi an de bugui an de buididipí.
Pero que conste que estou de acordo co crítico.

Anónimo dijo...

Volvo ler o texto. Coido que piquei: escribíchelo tí. Non pode ser posible que ninguén faga iso en serio. Radicalmente imposible.

Anónimo dijo...

Esa discursividade proteicista arrecende á Filoloxía Santiago. O "escenario", o espazo, se non despacho, nono podería dar concretizado, pero de seguro amósase próximo ó segundo andar. Trataríase dun claro paradigma ou exemplum de(auto)parodia involuntaria.

Anónimo dijo...

O sábado, sen embargo, puiden ler un titular na portada dun xornal igualmente óntico:
Ni el PP, ni las víctimas, ni Zapatero acudirán esta tarde a la manifestación.
Eso sí que é galimatías.

juan l. blanco valdés dijo...

Highway:

Sublime a achega das Ketchup ao universo lírico do bardo do Courel!Polo demais, xuro polo meu honor que non se trata de ningunha superchería. E o que reproduzo é un anaco. Imaxina o resto. Á fonte me remito. Saúdos.

Arume:

Frío, frío (aínda que ben puidera ser: ao mello é da escola).
Sobre o galimatías da mani contra ETA, cfr. o meu último post. O teu comentario vénme que nin pintiparado. Saúdos.