15.3.06

Galaxia


Chégame a través do mail a nova de que Galaxia inaugura nova páxina web. Parabéns a todo o equipo, en especial aos queridos Pilar Sampil, Pepe Soutullo e Víctor Freixanes, amigos e colaboradores en moitas cousas dende hai moito.
Ademais do indiscutible papel paradigmático de Galaxia no seo da cultura galega contemporánea, para min ten un valor emotivo e persoal moi especial que me vencella directamente á lembranza de meu pai, Mario, subscritor da editorial dende o seu nacemento, e da miña nenez e primeira adolescencia. Vexo a un neno entusiasmado entre libros (se hai un editor vocacional ese debo ser eu), facendo un arquivo mecanografado nunha venerable Olympia con fichas de toda a «biblioteca gallega» que era como chamabamos na casa a estantería de oito andeis onde se depositaban os libros de Galaxia, xunto con outros moitos volumes, libros, libriños, folletos e follas de menor contía, en calquera caso relacionadas co país: zaragozanos, moitos libros de Nós, aqueles libeliños de Terra a Nosa! tan mal editados, e cousas aínda máis antigas e curiosas.
Por idade e xeración, meu pai (nado no 17) era coetáneo de toda a vella garda de Galaxia e amigo persoal de moitos deles, vencellos estreitados se cabe polo parentesco co mártir seu tío Roberto Blanco Torres. Os nomes de Illa Couto, Del Riego-Lorenzana, Piñeiro, Cunqueiro, García-Sabell, o gran Valentín... e outros como Dónega, Martínez-Risco (don Bastián para meu pai, con quen traballou como pasante na Coruña), Fole, Xohana Torres, Carmen Kruckenberg, Silvio Santiago, Casares, Cortezón... éranme familiares dende moi neno, coma para os meus irmáns. A percepción temperá daqueles títulos, tan engaiolantes —As calexas do zigurath, Cambio en tres, Vento ferido, O silenzo axionllado, Salnés, Illa Nova, Mito e realidade da Terra Nai, As crónicas do sochantre, Morte na Catedral, Como calquer outro día, Vilardevós, As covas do Rei Cintolo... — foron imperceptiblemente modelando unha bibliofilia que aos poucos, paseniño, íase facendo rabiosa, fanática, militante.
Hoxe sinto o xusto orgullo de ter todas as primeiras edicións de Galaxia e unha colección completa da primeira época de Grial, no que foi unha traslación física ritual da querida «biblioteca gallega» a unha estantería do meu despacho, dende onde os libros de Galaxia miran agora ao val inmenso da Amaía... O tacto do seu papel rugoso, os bordos dentados polo uso da cartolina das cubertas, o aroma a humidade e tempo que desprenden, seguen transportándome ás orixes, aos tempos dourados nos que un neno pelirroxo catalogaba os libros naquela vella Olympia que meu pai me acostumou a poñer sempre enriba dun tapetiño de feltro verde para non raiar a mesa...
Kierkegaard dixo que somos a nosa infancia. E Richard Burton —vai de citas lapidarias— que un é de onde ten os libros. Concordo cos dous.

No hay comentarios: