21.3.06

Accidentes


Os índices de siniestralidade xuvenil na circulación por estrada en Galicia son simplemente estarrecedores. É algo que comento con frecuencia con moitas persoas, con especial preocupación no caso de pais e nais —incorrerei con isto de pais e nais nalgunha incorrección política?— que teñen, como é o meu caso, nenos pequenos ou, o que preocupa máis, rozando a adolescencia.
Na política tan nosa, tan entrañable, do aquí te pillo aquí te mato, cando os datos pasan do gravisimamente preocupante —situación dos últimos anos: 98 falecidos/millón de habitantes de media na franxa de 15 a 34 en España fronte a 201 en Galicia, El Correo Gallego, 21.03.06, páx. 10— ao cuantitativamente intolerable —144 persoas atendidas polo 061 en accidentes de tráfico na última fin de semana: máis da metade tiña entre 15 e 34 anos, ibidem—, os persoeiros de turno reúnense con carácter de urxencia, pregúntanse corteses pola parentela, meten a dieta no peto, constitúense en imprescindible comisión —que achegará a solución defnitiva do tremendo problema—, posan para foto moi arregladiños que dá gusto velos, coa nonchalance de quen está afeito aos flashes, e declaran por esas boquitas que dios les dio cadansúa frase lapidaria, coa esperanza de que algún medio a recolla —con foto, claro— en La frase del día (sección, por certo, nutricia do que algún día puidera ser unha riquísima Antoloxía da parida patria, Floresta de memeces, ou título por un estilo). Algo así como aqueles "destacados" do fútbol na liga de modestos, vamos.
Tenemos que hacer frente a una auténtica guerra y por eso es necesario que contribuya toda la sociedad para ganarla” (Manuel Ameijeiras, Delegado del Gobierno en Galicia, ao lado da foto, claro, cun sorriso de orella a orella que desentona un algo co dramatismo da declaración, ibidem). “La seguridad debe llevarse a las escuelas para usar el vehículo con responsabilidad hacia uno mismo y hacia los demás” (María José Caride, Conselleira de Política Territorial, foto tamén, monísima, ibidem).
Franz-Josef Strauss, aquel político bávaro tan reaccionario e intelixente, recomendaba aos políticos pensaren de xeito complexo e falar de xeito sinxelo. Velaí dous exemplos do contrario, e non é que a señora Caride nin o señor Ameijeiras sexan máis parvos nin máis listos ca o resto dos seus colegas. En declaracións coma as devanditas, perfectamente representativas da linguaxe media dos políticos do momento, a vaciedade de contidos vese patética e insuficientemente sublimada en desiderátums de alcance tan monstruoso (toda la sociedad movilizada, llevar las autoescuelas a la escuela, conducir con responsabilidad) que morren en si mesmos. Nin unha chispa de orixinalidade, de intelixencia, de compromiso humilde co que se pode facer a curto prazo.
En Galicia, onde o lixo non se ve nin estorba, onde o ruído non molesta —o outro día xantei, xuro que por última vez, nun sitio con TRES televisións accesas e os 40 principais de fondo—, onde moitos seres humanos utilizan coma sistema oral de comunicación cos seus conxéneres un xogo de sonidos de gran potencia pero a penas modulados, onde o deterioro do medio ambiente (incendios, feísmo arquitectónico, eucaliptos...) chega a niveis de sadismo, onde o feito de que as estradas crucen as vilas é considerado un elemento crucial de desenvolvemento... o problema da siniestralidade xuvenil nas estradas é un elo máis dunha cadea colectiva, cun secular e, polo momento, insalvable déficit de sociedade civil: a traumática peaxe da transición dunha sociedade rural a unha sociedade moderna que leva por apelido o adxectivo -tan noso, tan enxebre- rururbano. E aí se ceba a morte: noite de copas/botellón+gomina no pelo e peiteado á moda+probables pendentes na orella e/ou piercing (máis as chicas)+coche supertuneado+drogas de deseño+pubs para empezar+discos para terminar...; A Estrada, Noia, Boiro, Ribeira, Malpica, os territorios de caza.
O conxunto é un cóctel mortal adubiado por unha absoluta superficialidade na visión do mundo, que estimula a centrar a existencia arredor do coche, unha completa ausencia de valores (nomeadamente o respecto pola vida propia e, de engadido, pola vida dos demais), valores que ou son transmitidos ex ovo na casa (e non na escola, señora Conselleira: a escola forma, a familia educa) ou simplemente non se adquiren.
Eu non son optimista. Os optimistas son os pesimistas mal informados. Non hai sociedade que mobilizar: a sociedade mobilízase, ou máis ben, móbese polo consumo, a televisión oferta cabalos de potencia —autoemoción e consignas por un estilo— a baixo prezo de forma permanente; hai unha cadea de TV especializada en tunning (que ao meu fillo de once anos o ten fascinado).
Contábame o propietario dun concesionario oficial de coches que a avoa dun mozo de dezaoito anos, recén retornado de Suíza cos pais, tivo a brillante idea de celebrar a maior idade do rapaz co agasallo dun vehículo GTC con DTI e non sei cantas cousas máis. Dous meses despois, no abrente dun domingo, matouse. Darlle un revólver a un chimpancé.
Creo que esta sangría de vidas na flor vai continuar. Non é máis ca o síntoma da corrente. E é moi difícil ir contra a corrente. Eu procuro, con todo, seguir aí, poñendo o lombo.
Sorte á neófita Comisión de Seguridade Vial.

No hay comentarios: