25.1.15

A lei de Todovale



A demasía informativa de Occidente roza xa as lindes do colapso. Sabe Vde. o que é un exabyte? Por se non, déixeme dicirlle que un exabyte é un millón de terabytes. Ou, se o prefire, 1018 bytes, vale? Pois ben, o tamaño calculado da Internet (en almacenamento global de datos dixitais) é de 500 exabytes. Pero o mellor é que, segundo Cisco, a Internet engordará ata 2017 a razón de 134 exabytes anuais (ou, o que é o mesmo, 3’7 exabytes anuais). Para que se faga Vde. unha idea de que estamos falando, neses 134 exabytes compréndese 30 billóns de imaxes, equivalentes a dez imaxes diarias xeradas por cada habitante do planeta durante un ano enteiro. A pera limonera. 
Un tráfico comunicativo de tales dimensións implica, claro está, a máis rampante e inevitable indiscriminación: non existe tempo para procesar tal volume de datos nin o estado mental preciso para a súa análise serena, e, como consecuencia, un acaba crendo todo pildorazo e concedendo creto ao poder canonizador da rede e os mass media. Durante un tempo, crin certa a defunción de certo adestrador canino moi popular da TV, pois un gilipollas calquera introduciu o boato da sá morte na rede.
En España, a bulimia informativa ten tintes propios. Non é a primeira vez, nin será probablemente a última, que me refiro ao dano social que produce o ruído (mellor sería dicir balbordo) mediático que trufa a cotidianidade dos españois do século XXI, razón pola cal eu encarezo ao lector benevolente afastarse de periódicos, telexornais e debates televisivos de toda laia. Este é un país de ruxe-ruxe, de díxome-díxome, un inmenso patio de Monipodio gobernado a golpe de titulares, diariamente interpretados á hora do café por expertos arranxadores do mundo, un país rexido pola densa urdime cotiá de declaracións e contradeclaracións, que, como unha hamaca, non fan máis que mover os cidadáns dun punto a outro sen chegaren a ningún sitio. 
O exceso expresivo, o debate crónico e a mobilización permanente son, ao meu xuízo, os ingredientes dunha fervenza na que todo vale e todos valemos para todo. Como, por exemplo, cando certa asociación insta á Real Academia Española a modificar o seu dicionario (e hai que dicir que un dicionario non é unha obra normativa, senón o inventario no que se espella a realidade léxica dunha colectividade) porque non lles gusta unha das acepcións de gitano. A repanocha.

19.1.15

Razóns para o orgullo




Estimo que en poucas latitudes da actual Europa debe verificarse coa intensidade que o fai en Galicia a colisión entre mundo urbano e rural. O peso da tradición rural e a sobredimensión do sector primario reducen a poboación urbana galega a un 67%, determinando tamén que nin un notable pulo industrial nin o éxodo rural ás cidades fose abondo para o desenvolvemento de grandes urbes: no temos en Galicia a gran cidade que teñen outras comunidades, como Bilbao, Sevilla, Valencia, Murcia ou Zaragoza. A nosa cidade máis grande, Vigo, concello incluído, apenas chega aos 300.000 habitantes, e os medios de comunicación refírense ás sete grandes cidades de Galicia, incluíndo nesta vitola Pontevedra, Santiago de Compostela, Ferrol ou Lugo, que non chegan aos 100.000.
A  migración do rural ao urbano e a difícil convivencia entre as fortísimas inercias da tradición e as suxestivas luces da modernidade amósanse en Galicia cheas de traumáticas mestizaxes e producen contrastes contundentes entre dúas velocidades de desenvolvemento socio-cultural. Íncola dunha urbanización de acaroados na volta de Compostela, teño para min que, en moitos respectos, vivo, razono e funciono a anos-luz de cidadáns que habitan a escasos douscentos metros do meu domicilio. Non fago valoracións éticas sobre estas condicións nin vou recorrer (estou certo de que o prezado lector non ofendería a miña escasa intelixencia supoñéndoo) á deprecación do rural, por subdesenvolvido, fronte ao urbano, por moderno e guai. Ben en troques, a miña fuxida da cidade ao campo (como a de tantos cidadáns occidentais) respondeu a unha revaloración vital da natureza, da súa beleza, da súa sabedoría, fronte aos agobios e falsías da cidade. Pero, precisamente, no contexto dun medio natural soberbio, as mestizaxes rururbanas ás que antes me refería impuxeron no país o cobro dunha peaxe insoportable: o feísmo.
Para min, o feísmo representa un verdadeiro problema vital, que levo, debo dicir, moi mal, pois, enamorado como son da nosa paisaxe atlántica, do engado céltico dos nosos bosques, da luz incomparable desta esquina nórdica e verde, o impacto visual do horror urbanísitico e maltrato do medio é brutal e irremediable. Agora que semos europeos e os nosos fogares e ambientes réxense por altos criterios de estética, calidade e deseño (con obvios beneficios para Ikea), vivir arrodeado de palafitos, salpicón urbanístico, aberracións de ladrillo e cemento, uralita, lixo e aluminio é simplemente un pesadelo: un dos grandes patrimonios de Galicia debidos, por certo, exclusivamente aos galegos

9.12.14

A lingua contra as cordas



Sempre que algún informe estatístcio reflicte a nosa actualidade sociolingüística ármase a marimorena. E, nesta ocasión, non é para menos, cando se constata que só un de cada catro rapaces de entre cinco e 14 anos (é dicir, o relevo xeracional do país) ten o galego como lingua cotiá e que o 47%  do mesmo estrato demográfico non o usa nunca. Eu non son sociolingüísta nin podo achegar unha análise destes datos que vaia para alén das reflexións a que me move a miña condición de usuario e cultivador dunha lingua que levo moi dentro, nesa paraxe onde reside a CPU da nosa alma. Porque, cando falamos da lingua, falamos do bastidor onde facemos encaixar a vida. Se hai un elección persoal e intransferible que contribúe a nos definir como os seres humanos que somos —en realidade son dous, lembrémolo: bipedestación e linguaxe articulada—é a lingua. A lingua e a outredade do mundo que nos arrodea: coa lingua chamámoslle arbore ao que é unha árbore e cabalo ao que é un cabalo, obxectos —árbore e cabalo— de existencia anterior e independente á da súa denominación idiomática. Así é que os obxectos 'árbore' e 'cabalo' son tree e horse, puu e hevonen, Baum e Pferd, segundo a latitude e nación do falante. Non hai nada, polo tanto, máis móbil colectivamente nin máis estable individualmente ca a lingua. Coa lingua enamorámonos, insultamos, convencemos, dicimos as cousas máis fermosas e podemos dicir as máis malvadas.
Por iso, e aínda recoñecendo os encomiables esforzos de tantas beneméritas institucións e persoas a prol dunha lingua que é o meu tesouro, debo dicir que non son moi optimista. Tampouco quixera soar derrotista, pero se existe algo túzaro é a realidade, e, na realidade dun mundo globalizado, que ten elevado a koiné universal, o inglés, á categoría de valor macroeconómico, ficará cada vez menos espazo para o herdo espontáneo e o desenvolvemento funcional das linguas vernáculas de tantos países. 
A apreciación do secretario da Real Academia Galega, o meu prezado amigo Henrique Monteagudo, de que o futuro do galego estásenos indo das mans reflicte, ao meu modo de ver, a cuota de inevitable frustración inherente á pretensión de que as institucións induzan unha elección tan fonda, tan persoal, tan íntima, tan intransferible, tan inxustificable —por non existir razón algunha que nos leve a xustificala— como a lingua na que se vai desenvolver a nosa vida. Pero ogallá me equivoque.

2.12.14

Machos




Hai uns anos, antes de que a tele fose o esterqueiro que é hoxe,  eran acostumados os documentais sobre a vida salvaxe e animal en hora tan deleitosa como a sobremesa. Deste xeito, un podía, aproveitando o sopor post-prandium e comodamente instalado no sofá, ir caendo docemente nos dominios de Pedro Chosco, mentres entrevía, cos ollos semipechados e a conciencia en stand by, programas tan suxestivos como a parada nupcial do pingüíno juanito ou a migración anual do búfalo almiscreiro. Do limiar, pois, dunha destas sonecas, lembro unha excelente reportaxe da BBC sobre os hábitos de vida dos leóns da sabana. As imaxes, opotunamente comentadas pola voz do narrador, amosaban as rechamantes diferenzas de comportamento social entre os cachorros machos e femias. Mentres estas, con parsimonia, se dirixían, entre si e cos adultos, maullidos, lametóns, leves contactos coas patas e delicados revolcóns, os machos ruxían, bradaban, choutaban, trabábanse e agredíanse violentamente coas gadoupas en horrísono balbordo, que importunaba os adultos e descompoñía a harmonía do grupo. Eis a condición xenética do macho de calquera especie de mamíferos superiores. Incluído, claro, o homo sapiens. Eu non teño nova, por exemplo, de que una señora ao volante sinta como unha afrenta imperdoable que outra señora a adiante co seu vehículo. Percibo, por outra parte, que, en reunións, foros e outras catacumbas, o individuo encantado de coñecerse (e de oírse) é un especime que sobrancea máis na súa variante macho ca na variante femia. Unha boa amiga dicíame hai pouco, con brillante metáfora, que certo departamento da súa empresa resulta moi pouco operativo porque nel hai moito macho alfa competindo entre si por impoñer a súa autoridade.

Que douscentos antropomorfos conveñan nunha quedada vía guasap darse de trancazos antes dun partido de fútbol, ademais de poñer en valor os beneficios incontestables das redes sociais, é un feito que reivindica esta dimensión basal do macho, inzada de testosterona, axilas suadas e alaridos rociados de cuspe. Un anuncio de desodorante masculino, que acaso vostede lembre, sobre a imaxe dun fulano que, con pelo a lo Henry Colomer, deixaba emparafuxada a unha señorita co seu irresistible engado masculino, tiña como lema: Vuelve el hombre. O home nunca marchou. Dende o Circo Máximo de Roma ao Estadio Vicente Calderón de Madrid, o macho deambula pola historia do mundo sometendo o seu cerebro ao imperio dos seus testículos e sementando toneladas de sangue estúpida.