31.12.10

Falling down

Ao comezo de Drácula de Stoker, nun momento dado da súa viaxe cara a Transilvania, Jonathan Harker afirma que, canto máis ao leste, máis impuntuais son os trens, e pregúntase: Que ocorrerá en China?
Hoxe, agora, a escasas catro horas das doce badaladas e toda a gilipollada anexa, transcorridos trescentos sesenta e cinco días do ano do señor de dous mil dez, eu comprobo, non sen certo arrepío, que, de 135 posts no ano 2009, este local caeu a 89 -noventa con esta- reflexións neste ano que hoxe remata. O pico da miña creatividade blogueril estivo en 2007 -dous anos despois da creación destes Fragmentos-, con 181 artigos, producíndose logo un suave descenso ata os 137 de 2008 e os xa amentados 135 posts de 2009. Ao igual que Harker con China, eu pregúntome que ocorrerá o ano que vén? E dentro de dous? Será o sino destas páxinas esvaírense na brétema sen que haxa un mortal que chore a súa perda? Será que a crise, que, como a fame, a todas partes chega, fixo presa en min? Será o spleen? Ao mellor teño que reciclarme e dedicarme ao comentario e o analís político, que semella ser o único que pon á peña. En fin, Dios dea traballo, dicía o enterrador.
De momento, e escrúpulos existenciais á parte, quero transmitir a quen me lea os meus mellores desexos de ventura, paz e saúde. Feliz 2011!

28.12.10

Sons doutro mundo

Recibo con agrado a nova de que unha asociación sureña está gardando nun repositorio dixital sons en perigo de extinción. O agrado é tanto maior canto que moi recentemente publiquei eu na prensa un artigo titulado Sons (baseado nun post desta bitácora), no que me refería ao moito que, como xeración, oímos fronte ao pouco que escoitamos, e ao potencial de suxestión ou pulo poético que moitos sons agochan, sendo preciso para percibilos só a ocasión e un chisco de sensibilidade. Malfadadamente, e malia o meritorio e singular esforzo da amentada asociación, penso eu que hai xa sons extintos e perdidos para sempre; algúns deles, cando menos, constitúen para min -e supoño que tamén para aqueles que, por idade, comparten quinta comigo- unha lembranza remota pero aínda evocada coa luz intensa da nenez.
O rinchar dos vellos carros de madeira, hoxe reliquias de museo, aínda se me aparece, estridente e destemperado, nos camiños de antano, como anticipo do benévolo e paciente rostro das vacas unidas polo xugo e precedidas por un paisano ou paisana, que lles aplicaba, máis por mera rutina ca por necesidade disciplinaria, unhas vareadas mansas e inocentes.
O silbato do carteiro nos portais das casas é o outro son desaparecido para sempre. Con que ilusión agardabamos meus irmáns e eu a súa chegada na vella casa da miña avoa, onde viviamos! Calculabamos mentalmente a hora e, ao que sentiamos o pitido, competiamos por ver quen chegaba antes a recoller as cartas de man do funcionario, con risco de apañar un golpe baixando atropeladamente as escaleiras, risco oportuna e sistematicamente lembrado, entre ameazas de castigo inminente, por miña nai, tía ou avoa (ou polas tres de consún).
Anuncia era o nome da leiteira -oficio hoxe perdido- que co seu carromato levaba o nutricio líquido polas casas da vila. Cacharras ou cántaras era o nome que recibían os voluminosos recipientes de follalata, provistos dun tello característico, que contiñan o leite, que, logo, Anuncia verquía nas ollas e fervedores para o consumo de cada casa. A xente, que badúa moito, dicía que Anuncia, como todas as súas colegas de oficio, lle mexaba ao leite para lle tirar máis rendemento ao negocio, pero eu creo que todo era gana de amolar. Aínda, se pecho os ollos, e fago un leve esforzo oio o bater metálico das cacharras coas potas e o murmullo líquido e mesto do leite mentres caía, todo mesturado coa conversa inesgotable da leiteira.
Non moito, un sábado cedo pola mañán, sentín polas rúas da urbanización onde vivo o doce e modulado chiflo dun afiador. Os nenos preguntáronme que era, asombrados, pois nunca escoitaran nada nin remotamente semellante. Contemplando o ordenador no que, naquel momento, estaba eu traballando pensei é un ruído doutro mundo.

26.12.10

Como la luz

En virtude da amizade coa que me privilexia certo impresor -culto, elegante e bon vivant- catro excelentes volumes de poesía caeron ultimamente nas miñas mans: Pablo Anadón: Estudios de la luz (2005-2007), Pre-Textos, 2010; Antonio Mochón: Carretera Blanca, Pre-Textos, 2010; José Rubio: Días aparte, Pre-Textos, 2010; Francisco Brines: Para quemar la noche, Ediciones Universidad de Salamanca-Patrimonio Nacional, 2010. Acaso de non mediar este grato agasallo nunca me tería achegado a tales textos pois eu non son lector de poesía nin, moito menos, comprador de libros de poesía, condición esta última que, confeso, non lembro ter asumido no medio século da miña existencia. E todo isto, malia levar xa publicados dous volumes de poesías en galego, que, como adoita pasar cos versos alentados pola máis íntima pulsión, pasaron desapercibidos, excepción feita dalgunha esporádica reseña, que, todo hai que dicilo, era bastante laudatoria. De feito, teño gardadas nas tripas electrónicas do mesmo cacharro co que escribo estas liñas corenta e cinco composicións máis, estas en castelán, xa un algo comestas da couza, que de seren publicadas algún día, levarán por título Como la luz. 45 momentos (semella que a luz é un elemento claramente poetizable).
Hai moitos meses que non escribo poesía, supoño que porque ando dedicado con máis ou menos intensidade ao cultivo da reflexión breve á que obriga a estrutura dun blog, aínda que, por graza da infinita maleabilidade do texto, ultimamente moitos dos pensamentos que naceron como posts deste blog aparecen en diversos medios de prensa e/ou no meu propio perfil de Facebook. Todo isto deixa pouco espazo ao state of mind preciso para a poesía. Porque na poesía -que, cando auténtica e sincera, non deixa de ser un exercicio de striptease emocional- o contrato que o autor subscribe co seu texo é radicalmente diferente do que se asina cando se cultiva a narrativa ou a prosa ensaística, reflexiva ou máis abertamente periodística. O poeta extravaga, fala só, desángase, saca a roupa do aparente e amosa as súas entranas co pudor daquel que preferiría non berrar no potro do tormento. Creo que foi un dos Panero quen dixo que a falta de todo, nos queda a poesía, pois con ela expresamos, penso eu, a inexpresable maridaxe da escuridade e a luz, do ceo e o inferno, do o alento e o afogo, da carraxe e a ledicia.
Hai unhas semanas a presentadora dun programa de radio ao que acudín para falar da miña catacumbática obra poética recoñeceuse como apaixonada lectora de lapelas. Nas lapelas dos libros, en efecto, procuran o autor e/ou o editor condensar o extracto seco primitivo do asunto ou tema que a obra logo desenvolve con prolixidade e polo miúdo. Esta amiga confesoume que lle gustara moito a lapela do meu segundo poemario Ruínas (2003). Velaí un fragmento: Tecemos o noso poema, grandioso ou miserento, sobre ruínas disfrazadas de presente, galgando, sen mirar a atrás, a lombos da esperanza de renacermos como o fénix. Eu escribo a crónica do meu tempo para encher anecdotarios nos que o aire é anhídrido carbónico e metano probable o chan que piso. Escribo, por exemplo, para a alma da tía que era tonta e un día foi un corpo dependurado dunha corda, ou, tamén, para consagrar o acto do soldado que un día bica un neno en zona de guerra e, ao día seguinte, é asasinado. Ruínas. Dende o máis estrito anonimato escribo, buscándome, con desgana, probablemente lamentado ter escrito algunha vez.
Non é pouca servidume. El haberá que tirarlle o pó e a couza aos meus 45 momentos?

20.12.10

O mal da cereixa e outros contos

Saben que é o "mal da cereixa"? É cando un quere traballar pero o corpo non lle deixa; un mal, paréceme a min, do que anda aqueixada unha boa parte da forza de traballo patria. Coa de horas que, por termo medio, pasamos os españolitos no curro, os niveis de produtividade hispana abren campo abonado ás máis ricas inferencias. No outro extremo do mal da cereixa sitúase que a propia carga laboral nos sobredimensione e, no canto dunha carga, sexa unha sobrecarga, co cal -sendo así que traballo chama a traballo- o propio labor deveña unha angueira máis ou menos insoportable. Eu mesmo, por razóns intimamente vencelladas á lentitude dos procesos na Admón. (unha abreviatura que, por fetichismo dos estancos, me encanta), levo unha boa tempada alternando como podo o choio que ben poderían desenvolver xa non unha senón mesmo dúas persoas (e isto nun país co nivel de desemprego do noso...). Como consecuencia, son as mesmas condicións tecnolóxicas- teoricamente pensadas para alixerirármonos das rutinas máis pesadas - as que, paradoxalmente, se converten nun atranco, acumulativo e progresivamente cargante para un sensato desenvolvemento do labor cotián. Hai anos, bastantes anos, cando a rede estaba saíndo do ovo, oín a un amigo catedrático -hoxe próximo á xubilación- que el non quería correo electrónico nin de lonxe, pois tarde ou cedo se transformaría nunha servidume. Pensei, naquel momento, que se trataba dunha idea retrógrada. Vaites! Canta razón tiña!!
Chego pola mañán ao despacho, e xa sei que, se abro o mail, toda a axenda da mañán vai polo sumidoiro abaixo, pois non son catro nin cinco, senón quince ou vinte mensaxes os que, unha vez liquidado o spam, me comprometen a outros tantos asuntos, novos ou derivacións, e segundas e aínda terceiras partes, doutros asuntos máis vellos. E ademais o mail é especialmente insidioso, e practica a súa insidia en tempo real: un pode solaparse e mandar recado de que "está reunido", eficacísimo remedio para a agresividade do teléfono ou a insistencia presencial de certos individuos (e a teimosía dalgúns adquire proporcións heroicas). Pero o mail é categórico: se o remitente enviou a mensaxe e o abominable Mailer Daemon -que tamén menudo nome- non o devolveu, amigo, estás pillado. A opción está clara: non abrir o mail ata despachada a axenda ou parte dela. Pero -e tal vez a vostede lle pase o mesmo, o cal sería un consolo- non sei que misterioro sex-appeal teñen os segredos agochados nos bits do proceloso ciberocéano que non son quen de resistir a súa sedución. Acaso pola va esperanza de que, algunha vez, transmitan una boa nova, desas que lle alegran a un a mañán e compensan mandar a axenda a tomar p... en fin, no me mal interpreten, que un lle quere moito ao seu traballo.

17.12.10

Pílulas de arte contemporánea

En certa ocasión, mentres mataba o tempo agardando un tren que dende a estación de Atocha me conduciría a Cáceres, entrei no Museo Reina Sofía, onde se celebraba unha antolóxica dun autor canadense, especialista en "instalacións". Unha das obras que incluía a exposición aparecía protexida do público por unhas cintas que, grazas a catro pivotes situados en cada un dos catro vértices, delimitaban un espazo rectangular no interior do cal se exhibía tan rara peza: unha caixa vulgar de froita, desas normais de madeira de piñeiro, dada a volta e, na parte superior, unha vela acesa. Deume rabia que o tempo en retornar á estación me estorbase ficar alí o tempo abondo para comprobar con que frecuencia mudaban a vela, pois quero imaxinar que o lume do cirio e o cirio mesmo eran, para o autor, parte fundamental da "instalación". Para min que a caixa soa tiña pouca personalidade.
Un meu amigo que residiu en Boston por un tempo foi convidado a un concerto de música contemporánea que interpretaba un compositor heterodoxo e rompedor. O compositor heterodoxo e rompedor entretivo o público durante aproximadamente cincuenta minutos sentado nunha cadeira valéndose, como único instrumento, dun triángulo, a percusión do cal mesturaba con berridos, unha sorte de lamentos e outras manifestacións larínxeas e esofáxicas. Ao final, polo que o meu amigo me contou, a xente aplaudía profusamente. Iso si, ninguén pediu un bis.
O outro día caeu nas miñas mans, de xeito inopinado, un volume impreso nunha nación americana do sur, intitulado Antología de la poesía orotraumática y tanática de... (tendo un piadoso veo de silencio sobre o nome do poeta), unha antoloxía, de certo, indescritible.
A min engaiólame a inmensa, inconmensurable variedade humana. Gratifícame fondamente que haxa de todo na viña do Señor. Por iso nada humano me resulta alleo.
Ben, con algunhas excepcións.

7.12.10

Marcos

En 1930 Roberto Blanco Torres adicou un poema elexíaco a Manuel Antonio. Tendendo unha ponte no tempo, galgando por riba do abismo das noites, dos días e dos sentimentos, eu quero roubar aquelas palabras a Roberto para, na sintonía absoluta da dor e o afecto, dirixilas hoxe ao espírito de Marcos:
Natura estaba muda, irta i-enloitada.
A friage do seu corpo
cinguiu de friage a nosa alma.
Era frío, triste, adoecido o día,
como unha trágica noite enrabiecida
que emendase conscente o ritmo krónico.
Na barca impracabre
que cruza sin cesar a Estigia,
levando cruel sempre ôs millores,
non foi solo a frente ergueita,
o home jurdio e mariñeiro,
a canción esgrevia do poeta,
o nidio exemplo d-unha vida.
Non foi solo o infinito,
esnaquizado n-as pupilas daquel neno
milagre de amor dos deuses
que fixeno, pra ensaio sobre a Terra,
o paradigma de toda-las nobrezas.
Na barca terribre
foi tamén o noso corazón,
cabo d-il en festa, sempre ledo,
na quentura fraterna dos seus ollos,
alborozado
no vertical escorzo do seu gesto,
agora co il. incólume,
entrou no outro ar da eternidade.

2.12.10

Su poquito de cabreo

Afeitos como estamos ao extremadamente aburrido e omnipresente discurso dos políticos, politiquillos e politicastros que pululan infatigables polos mass media, e á permanente esexese que unha innúmera lexión de ávidos analistas fai diariamente de tal discurso, esquecemos moitos elementos da realidade, que van para alén dos corenta topicazos ao uso e da polémica que toque. Porque a realidade é moi túzara e, como a lebre, salta cando menos se agarda, amosando toda a súa anatomía de crúa verdade. Dun debate televisivo que me coubo contemplar a outra noite, no que interviñan catro empresarios representantes de significadas firmas do país, quixera salientar:
a) un intercambio de ideas sereno e serio, por completo desprovisto de agresividade, ben fiado e cheo de apreciacións interesantes e estimulantes á reflexión.
b) un panorama argumentativo intelixente e baseado no máis puro sentido común, un sentido común que se relaciona directamente, claro, cun criterio que, dende a política e a a Administración, non se entende, se entende mal ou non se quere entender: a necesidade de recuperar o investimento que se fai, o cal leva a fiar moito en qué e cómo se gasta o diñeiro. É dicir, verse obrigado a responder do diñeiro que se gasta é unha magnífica garantía de eficacia e funcionamento.
Penso que temos chegado a un punto no que cómpre comezar a dicir certas cousas. Eu polo menos vou empezar a facelo e a pensar se monto unha corporación (non me atrevo a dicir partido), con algúns acólitos igual de cabreados, polo Reecontro Cívico co Sentidiño. Vou dar algunhas razóns de tipo práctico.
Non hai moito, e dende a miña modesta experiencia acumulada en vinte anos editando e escribindo libros, houben de perder moitas horas (id est, moita forza de traballo) contraargumentando un conxunto de dislates que, fronte aos meus criterios, presentou en certo organismo corporativo, un representante que, segundo se me informou, é auxiliar administrativo nun negociado. A isto me refiro. Refírome a que cando unha lata de atún de cinco centímetros de diámetro ten que levar os ingredientes en castelán, eusquera, catalán e galego hai que reducir tanto o corpo da letra que os ingredientes non se len en ningún idioma. Refírome a que o empresario dunha multinacional precisou de 640 permisos (!!) para instalar unha planta de montaxe nunha localidade de Castela-A Mancha. Refírome a que un alumno discuta cun catedrático os plans de estudo dunha carreira. Refírome, en fin, a esta borracheira colectiva de democracia mal entendida na que todo vale e o sentidiño se esvae corrompido por un rodillo de irrefreable insensatez.
Eu creo que hai que comezar a podar moitas pólas desta árbore desmandada na que vivimos. Comezo a estar moi farto de tanta tontería, de tanta indocumentación, de tanta memez soberana e de tanto rollo macabeo.
Dixen.

23.11.10

Agasallo de hoxe

Recibo vía e-mail un convite para certa velada poética a celebrar en Campinas, Sao Paulo, Brasil. Sinto esa insoportable levedade, etc, pensando no muito que gostaria... En fin. Na carta de convite inclúese unha redondilha, que me deixa estupefacto. Transmite un pensamento lateral, unha desas chispas de xenio poético que leva a preguntar: como non se me ocorreu antes? Di:
Quando tinha cinco anos
disse a criança de sete
descobrindo a nostálgia.
Poeta é o que conmove. Nin máis nin menos.

16.11.10

Ímola virando

A edición, toda a edición móvese hoxe entre unha disparidade de criterios que por veces chega ao desasosego. Non resulta doado decidir entre as inercias do pasado e as esixencias do futuro, sobre todo cando estas non se amosan de xeito claro. A iso sumo eu o adn propio das universidades. Temos un papel didáctico, de transmisión dos soportes do coñecemento a xeracións permanente renovadas. Nas nosas aulas, cos nosos manuais e monografías fórmanse os nativos dixitais de hoxe. Os do futuro farano en breve. Persoalmente, non me cabe dúbida de que imos progresivamente cara, xa non a un soporte físico diferente do libro impreso, senón a unha interfaz de lectura radicalmente distinta: a solidez do libro impreso e o seu sucedáneo .pdf/ePub/ebook terá que ir licuándose en unidades de lectura hipermedia, un espazo de interactuación co soporte -cada vez máis levián e fluído, pero ao tempo cada vez máis poderoso- que é o territorio onde viven comodamente os estudantes actuais. Onte, cando vin chegar do colexio o meu fillo adolescente cunha mochila cargada con oito libros que importaban os seus bos seis quilos de peso tiven unha visión do futuro.
O camiño non é doado, onde se dixo que o doado fose excitante? De momento, ímola virando. O caso é non perder comba.
Fotos da XXIX Asemblea da UNE.
Entrega dos XIII Premios de Edición Universitaria.

8.11.10

Luns de outono

Malia que esta semana ando máis liado ca a pata dun romano, a min o meu blog seméllame un geranio nun tiesto: se non o regas morre redondo. Xa que logo, aínda que sexa apenas como relanzo mental despois de tanto rigor académico, aí vai un pensamento vagamundo.
Quixera falar de cousas con mala fama que non teñen culpa ningunha. Por exemplo, o luns, o día da semana (despois do muermingo) máis odiado, deostado, e vilipendiado. Maldito luns, puto luns, cajonolunsdediós, por aquí sobrevivindo ao luns... oése o luns no café. Culpa terá o pobre luns de vir despos da finde! Eu coñezo un tipo -militante no máis radical optimismo- que di que o malo dos venres é que xa anda máis preto o luns. Hai que joderse. Al respective, lin hai pouco unha fórmula que lles recomendo: Non é Qué día teño. É Qué día quero ter. A min vaime funcionando, non crean.
O mesmo que lle pasa ao luns lle pasa ao outono. Como vivimos a golpe de caixa tonta e topicazos de Corte Inglés, o outono é o paraíso da síndrome postvacacional, da insoportable lonxanía do próximo verán, da lembranza de churrascos, sardiñadas, verbenas e outras horteradas estivais, da vuelta al cole, dos fascículos e do cambio de hora. Logo anda un medio mes aparvado, preguntando pola vella ou pola nova? Pobre outono.
Eu, xa ven, adoro o outono, as cores do outono, o cheiro a bosque e fume do outono, o doméstico e case materno sosego do outono, o silencio capturado nas pólas baldeiras e na pátina mol das follas secas, un silencio que semella acubillarse no tobo en espera da vindeira luz. O outono nas selvas de Galicia-Broceliande é do mellor que a inmensa deseñadora que é Natura pode servirnos. O malo é traballar, claro. Pero, para outonos jodidos, que lle pregunten aos porcos. Non se consola o que non quere.

4.11.10

Merlín e familia

Un dos efectos máis notables que lembro do lisérxico é a vivísima sensación de verse un a si mesmo desde fóra. Onte, sen necesidade de recorrer aos riscos de paraísos artificiais hoxe venturosamente esquecidos, revivín, de xeito máis sereo e acaso erudito, aquela máxica vivencia. Participei con Ali, Arantxa, Morgana, Carlos e Roberto na tertulia literaria de O sombreiro de Merlín en Radio Obradoiro. Risas, complicidade, amor polas letras, reflexión, anécdotas, lembranzas, analise e bromas mesturáronse dun xeito absolutamente harmónico.
Eu non me teño por escritor, pois tal vitola, ademais de comportar unha certa adicación profesional na miña opinión, fáiseme un pouco elevada e ostensosa á miña modesta condición de artesán das palabras. Con todo, na hora escasa de duración dunha tertulia que tivo a miña obra (e de paso sinto estar utilizando un léxico desproporcionado) como centro de atención, non puiden evitar esa visión dende fóra, que eu evocaba de psicodelias pasadas. Ler a outros cousas que escribiches para ti ten ese xermolo de outredade, que provoca estrañeza e lonxanía do escrito, case como se fose de outro.
En referencia ao texto da lapela do meu poemario Ruínas e tamén á breve mancheta que obra baixo o título desta bitácora, Ali dixo que lle gustaban moito as miñas presentacións. Eu retruquei que me daría por satisfeito se lle gustase máis o que segue.
Por certo, a tertulia emítese o sábado 6 ás 12:00. Pero ao mellor está vostede en misa, no Obradoiro. É mal día.

31.10.10

Las ratas

É curioso como a literatura, e aínda outras creacións intelectuais, se permean inevitablemente do contexto humano e físico na que nacen e se desenvolven. Creo que foi a Félix de Azúa a quen lle lin que todos os grandes filósofos europeos do racionalismo para acó eran nórdicos, melancólicos e enfermos de pulmón. Imaxina vostede a Kierkegaard vivindo en Ibiza ou a Schopenhauer na costa azul? De certo que as neves e o silencio, as brétemas eternas e os solpores prematuros das latitudes boreais explican boa parte do estado de profunda reflexión, preciso para desenvolver certos sistemas metafísicos.
Só cando un atravesa os infindos trigais da Terra do Pan ou as chairas ilimitadas, como mares sólidos, das provincias centrais chega a captar todo o senso poético de Campos de Castilla, de don Antonio. Unha novela, pequena de dimensión -case é un conto grande-, pero xigante no seu alcance, é Las ratas (1962) de Delibes. En poucas ocasións, creo eu, a rexa austerirade castelá, seca como a mojama, ten acadado unha tal simbiose cun relato; narrador e personaxes fúndense nun todo compartido: a crúa invernía e o inferno do estío mesetario; a comuñón cunha natureza inhóspita e ingrata; a latitude tráxica de vidas marcadas polos instintos primitivos e a monotonía, pola paisaxe, infinda de chairas, ruda de ceos atónitos e baldeiros de expresión. Así é que narración, narrador, paisaxe, tempo e personaxes transcenden a súa propia dimensión, e aínda a dimensión pechada -a novela de cento e pico páxinas- na que o seu autor os meteu, para proxectarse nunha peripecia atemporal, sublime e universalmente representativa diso tan complexo que é o ser humano.

26.10.10

Bitácora do día


Fiel ao compromiso de predicar o meu evanxelio noutras catacumbas, hoxe estarei aquí.

23.10.10

Media ducia de rosas vermellas

Deshumanización, automatismo, urxencia crónica, desconfianza social, aceleración permanente, agresividade, intolerancia... contra ese selecto elenco de características da vida urbana moderna reaxe o movemento slow, ao que me refería eu hai un tempo.
Vivimos nun tempo de semánticas ad hoc, nun tempo en que ao recreo de toda a vida se lle chama, polo visto, segmento de lecer. Abonda con que un psicólogo imaxinativo e máis ou menos desocupado tire do sombreiro, cal coello de taumaturgo, unha semántica propia e lla aplique ao sintagma síndrome postvacacional para que a tradicional jodienda de empezar a traballar de novo tras o verán vire socialmente o SPV: un mal endémico, de clarísima etioloxía, que afecta a un (poña vostede a porcentaxe) da poboación e, por suposto, susceptible de atallarse con algún fármaco específico ou, caso contrario, motivo máis que suficiente para unha incapacidade laboral transitoria, vulgo baixa.
O tal movemento slow cobre, dende as latitudes anglosaxonas -que semellan dar valor a caquera patochada- a semántica ad hoc de algo que, na miña opinión, e en Compostela cando menos, coñecemos ben, ao mellor por seguir sendo, como dixo Pedrayo, a meirande aldea de Galicia. O fascinante dativo ético ou de interese combinado con lexicalismos locais, todo ornado, cal capa de azúcar glas, con apelativos especialmente enxebres ofrece pérolas coma ésta, cando, nunha mercería da Algalia, solicitamos da dependenta un certo tipo de botón: Ay, mi rey, es que yo este botón no lo trabajo. Este botón te lo tienen en una mercería que hay en el Preguntoiro, no sabes? Fronte á pijotería e distancia impostada dun polligildo (o palabro é invención dun amigo) de El Corte Inglés, a cercanía, humanidade e pringosa calidez do trato no comercio compostelán de toda a vida, a min, ademais de encherme de emoción, seméllanme un patrimonio tan digno de conservación como o chocolate raposo, a casa da collona ou o arco de Mazarelos.
Busco en google "Interflora Santiago", pois quero agasallar a alguén con media ducia de rosas. O buscador rebótame dez ou quince floristarías. Selecciono a que me acomoda máis. Pincho o teléfono, agardo, resposta unha voz feminina con ese deixo deliciosamente compostelán, me presento, transmito a miña solicitude e máis o texto da tarxeta... e a boa da señora ía dar por finalizada a conversa e case colga. Estrañado pregúntolle:
-Mire, señora, e como fago para pagar?
-Ay bueno, no se preocupe, ya pasará usted por aquí cuando pueda.
Colguei, aspirando aire, bosquexando un sorriso inevitable, absolutamente reconciliado co xénero humano.

20.10.10

Digital divide

O magnífico limiar que o meu caro amigo e vello mestre Darío Villanueva redactou para a tradución galega d’A galaxia Gutenberg ―próxima a publicarse dentro da nosa colección de Clásicos do Pensamento Universal en coidada tradución de Xosé Manuel Outeiriño― fixome reflexionar sobre un acontecemento recente. Refírese Villanueva, entre outras moitas cousas, á evolución terminolóxica que se experimentou no eido das técnicas (ou tecnoloxías, que hai para gustos) da comunicación dende o texto de MacLuhan ―publicado en 1962―, evolución que testemuña no léxico os propios vieiros da eclosión planetaria da comunicación global: do propio clixé galaxia Gutenberg, tan socorrido ―mesmo para o bautizo deste recuncho de reflexión― ata o concepto global village, nunca tan acaído coma hoxe, pois a aldea ecuménica na que vivimos non deixou, dende o pasamento de MacLuhan en 1980, de medrar e globalizarse. Entre a fin da Marconi Constellation, da que os tv children eran vangarda para MacLuhan, aos digital children do gurú Negroponte e, finalmente, ao concepto de nativo dixital, troquelado por Marc Prensky e no que hoxe nos movemos, transitan, máis ou menos e sempre co retraso imputable ao ostracismo franquista, os anos que eu, nacido en 1960, conto. Pode dicirse, polo tanto, que vin a luz na transición da constelación Marconi: lembro, en efecto, da miña primeira nenez unha vella e fermosísima radio Atwater Kent, indubidable protagonista «mediática» da vida dos meus maiores, pero á que eu concedín xa pouca importancia, pois a tele, un rechoncho mamotreto de madeira con grosos botóns aos lados e unhas antenas impoñentes como a cornamenta dun venado, arrogouse para a sociedade na década dos sesenta a absoluta preponderancia, poñendo os alicerces da súa omnipotencia actual. O progresivo ingreso na condición dixital, fronte á analóxica, xa me colleu coa nenez un pouco pasada, pois a primeira vez que sentei diante dun ordenador tiña 25 anos cumpridos. Hoxe, pai de dous adolescentes, podo dicir, con toda contundencia (e sei o que digo), que teño un par de nativos dixitais na casa. Moitas veces teño invocado o privilexio ―non só como editor senón como cidadán do mundo― de ter sido testemuña desta apaixonante evolución. Pero creo ―e a iso me refería arriba cando falaba dun acontecemento recente― que non todo o mundo o percibe así. Coincido plenamente co prologuista de MacLuhan en que cando se fala da digital divide, da fenda dixital, alúdese á diferenza discriminativa e insalvable no aproveitamento das novas tecnoloxías entre os distintos países, pero non menor importancia representa a fenda dixital entre xeracións, algo que se aprecia con especial teimosía no ámbito educativo, desde as escolas primarias até as universidades.
O acontecemento ao que me refería hai un anaco e ao comezo deste post tivo orixe nunha chamada de teléfono, a hora temperá dun luns, cando, como pide a lei de Murphy, adoitan ocorrer tales cousas. Unha voz de muller, trémula e airada, tras presentarse como profesora de certa facultade e participarme os horrores dunha noite de insomnio orixinado nunha insoslaiable congoxa, me solicitou, en canto responsable da editorial universitaria, que retirara sen dilación a súa tese de doutoramento de Google Books. Tras indicarlle, nun exercicio de paciente explicación técnica involuntariamente entorpecido pola somnolencia e as lagañas matutinas, que Google Books só unha procentaxe limitada dos textos aloxados; que todos incorporan unha marca de auga coa mención da titularidade dos dereitos; que, en calquera caso, estes estan nin máis nin menos garantidos que na edición impresa, e que, sobre todos estes supostos, a invitaba a reflexionar sobre as evidentes vantaxes de que a súa investigación tivese unha difusión automática e universal, a miña interlocutora aludiu confusa e nerviosamente a un conxunto de factores que me convenceron, no breve lapso da nosa conversa, de estar falando cunha persoa da outra banda da fenda dixital, incapaz, tal vez por idade ou por outros parámetros que non son quen de penetrar, de ver en Google e a internet máis ca a ora leonis, a boca dun averno proceloso ou babilonia informe onde todo latrocinio ten asento.
Hai dez anos, nun artigo que viu a luz en Grial, eu reivindicaba, contra o binomio analóxico-dixital de Negroponte, o dereito de todo cidadán a non lavar o coche o domingo, carecer de conexión a internet ou ignorar como se abre un CD-ROM. As cousas mudaron moito e xa non estou agora tan seguro do que dixen entón, cando fenda dixital era un concepto inexistente. Na actual encrucillada de incertezas semella claro, non obstante, que non hai que temer ás eleccións pois sempre cabe unha posibilidade: tender unha ponte, ou máis se fora o caso, entre as dúas bandas da fenda e transitar por ela tranquilamente e sen mirar abaixo.

17.10.10

Crítica un pouco parda

Lembro, e talvez vostede tamén o lembre, un personaxe de La colmena celiana, literato bisoño e aínda ilusionado, que, en tanto non atopa editor, anda dándolle voltas ao orixinal da súa primeira novela acerca de cómo titulala: El destino ou Destino, e abofé que existe boa diferenza entre a presenza ou a ausencia do artigo.
Todo editor sabe que unha das operacións máis delicadas no delicado e complexo proceso de produción dun libro é acertar cun título, que non só reflicta de xeito fiel o contido do mesmo senón que o faga dun xeito retador, estimulante e atractivo. Se as señoras lectoras me perdonan o símil un chisco procaz, eu creo que o título dun libro debe ser como a lencería máis picantona: provocativo máis polo que tapa, e polo tanto incita o maxín, ca polo que amosa. Especialmente na edición científico-técnica anóxanme os títulos longos e ampulosos que, sobre unha estéril e pouco intelixente explicitude, pretenden convencer ao lector en tres ou catro liñas da profundidade e completitude do tratado que así bautizan. Imaxinan pedir ao libreiro Introducción a la estructura, tratamiento y rentabilidad funcional de los polisistemas literarios en la ensayística constructivista francesa contemporánea?
Habendo, en punto a títulos, unha casuística universal e inatinguible, é nomeada a predilección de autores de todo tempo e latitude por títulos baseados no esquema FN[Det+N+Mod] ―disculpe vostede o tecnicismo sintáctico, pero así repasa a gramática, que seguro que non lle vén mal―, sendo, claro está, N un substantivo; normalmente Det un artigo ―máis frecuentemente determinado―, e Mod xa un adxectivo, xa unha FPrep. Aí vai unha rea deles, que, para o caso, me veñen á cachola: Los girasoles ciegos; El corazón helado; Las máscaras del héroe; The Third Person; The Remains of the Day; The Western Canon; O porco de pe; La caccia di Diana; Les mystères de Paris; The Tapestried Chamber; As crónicas do sochantre; O dómine indómito; The Bible in Spain; Die verlorene Ehre der Katharina Blum; Os escuros soños de Clío; The Whitered Arm; A rolda invisible; The Fiddler of the Reels; The Grave by the Handpost; La pell freda; A orella no buraco; The Hound of the Baskervilles; The Cask of Amontillado; Der Ring des Nibelungen; A muller de ferro; The Merry Wives of Windsor; Nesnesitelná lehkost byti [A insoportable levedade do ser]; Las inquietudes de Shanti Andía; The Lost Language of Cranes; Les fleurs du mal; O asasino estrábico; Il nome della rosa; The Ghost Pirates; La casa de los espíritus; The Fall of the House of Usher; La lucha por la vida; La familia de Pascual Duarte Tal predilección é lóxica, pois o mundo, a realidade que nos arrodea é substantiva, e substantivos son as palabras precisas para transmitila. O artigo determinado focaliza o substantivo e o modificador engádelle matiz, modúlao.
Toda modificación neste esquema confire ao título da obra, creo, unha personalidade máis específica, unha subxectividade propia do autor destilada nun enunciado arbitrario que foxe conscientemente da convencionalidade: When We Were Orphans; Last Orders; En el norte hay un mar que es más alto que el cielo; Fragmentos de apocalipsis… No que a min mesmo fai, e emulando ao novelista novato de don Camilo, no meu primeiro poemario (e é de advertir que só publiquei dous) dubidei moito entre As ruínas e Ruínas. Ao cabo, igual ca o autor de Destino, optei por eliminar o artigo, pois así ficaba a cousa máis poética, indefinida, bretemosa, inquedante. Supoño que igual de pesimista, pero... onde se escribiu que un poeta deba ser optimista?

14.10.10

Rutas da vida

Noutro recanto deste local, e por razóns que agora non veñen moi ao caso, referíame eu ás vicisitudes, dificultades e íntimas traxedias a que se veu sometida a miña familia na nosa guerra, e a cómo, na posguerra, os seus membros, meus devanceiros, houberon de aclimatarse como boamente puideron ás novas circunstancias que impuxo, a ferro e lume, o glorioso movemento nacional. Teño reflexionado e cambiado pareceres con moita xente acerca do particular e penso, sinceramente, que acadar un certo estado de felicidade baixo a férula dun réxime político tan noxento non deixa de ter o seu mérito. Pero supoño que a nosa obriga ética como humanos é sermos o máis felices que poidamos, e só baixo este convencemento podo interpretar a evolución posterior a 1936 do meu grupo familiar. Ao respecto, unha carta que Fermín Bouza Brey- entre 1930 e 1942 xuíz da Estrada, onde meu avó Mario, republicano de Casares, exercía de Secretario do Xulgado-dirixe ao meu pai en 1959, co gallo do nomeamento deste como alcalde da vila, destila, alén da cortesía e a lóxica ledicia dun amigo, a fonda amargura de quen entende ao cabo que, non habendo outra vida, a que a el lle tocou vivir é a do sometido, a do escravo dunhas circunstancias que lle repugnan. A carta, próxima a ser dada ao prelo para a nosa Miscelánea de historia e cultura estradense, di no seu primeiro parágrafo:
Querido Marito:
Pra min ainda eres aquel rapaz afectuoso e pensatibre que eu conecín nos anos amergurados pra quen che deu o ser. Por iso hoxe, en que me veñen á lembranza todos aqueles dos teus que se foron pra sempre, grandes espíritos eles, chámote "Marito" como entón. Si eles vivisen verían no teu nomeamento de Alcalde o trunfo do ben sobre da ruindá, da honradez sobre da rapiña, do espírito sobre da materia. Dempois de dar a volta a roda das inmundicias, a agulla parouse no que trunfa sempre: a bondade, a lealdade, o traballo de boa lei.
Imaxino que a meu pai, en paz estea, lle humedeceron os ollos lendo estas verbas. A min me humedecerían.

12.10.10

Día da Hispanidade

Hai un chiste sobre a utilidade social dos economistas. Conste que, lonxe do meu ánimo polemizar, a min contoumo precisamente un economista. A cousa é que o primeiro economista certo da historia foi Cristóbal Colón, pois, cando saíu do porto de Palos, non sabía a onde ía; cando chegou a América, non sabía onde estaba, e fíxoo todo cunha bolsa do Ministerio.
Polo visto, agora os republicanos cataláns len a Frei Bartolomé de las Casas, da Orde de Santo Domingo, e interpretan a hispanidade como a conmemoración dun xenocidio. Supoño que lembrarlles que a historia da humanidade é a historia dun continuado xenocidio non serve de nada.
Que facer nun país onde o exercicio cotián máis estendido é coller o nabo polas follas? Por veces, síntese un tan canso, tan canso...

8.10.10

E máis tecnoloxía: o B.O.O.K. (demo)

O curioso deste vídeo que me fai chegar unha boa amiga é que dramatiza un texto que eu xa publiquei, traducido do inglés orixinal en que me chegou a través da rede, hai cinco anos. Serei, como o Xeremías do Pórtico da Gloria, profeta sen sabelo? Ou será, máis ben, que hai cousas que se ven vir?