14.4.15

Lindes



Se algo teñen de mérito os artigos desta bitácora é a súa sinceridade, unha prenda á que, por certo, se acollen como última Thule todos os malos escritores (unha vez máis, lembremos a Wilde: todo poema malo é sincero). Estes fragmentos da galaxia, xa que logo tan sinceros, queren ser trasunto de moitos españolitos de a pé que, non podendo entender de todas as materias, xulgan de todas elas cando menos con sinceridade, punto xa deostado como vicio españolísimo por Fígaro: ignorar lo suficiente de ciencias y letras para poder hablar de todo ello con maestría. 
Vaia, así pois, por diante que eu non son xornalista nin profeso de tal, malia dar cada tanto o meu cuarto a espadas nas páxinas deste melancólico furancho sobre os máis diversos asuntos. Teño o xornalismo por unha profesión moi seria, dun grao de especialización moi elevado e, pola súa altísima responsabilidade nunha sociedade mediática e global, provista dun código deontolóxico especialmente sensible e complexo. A realidade é perceptible e, polo mesmo, interpretable de seu en función do perceptor, o cal, sen entrarmos a indixestas fonduras metafísicas, condensa con mestría a sabedoría popular: cada un fala da feira segundo lle vai nela. Por iso, as lindes do xornalista fronte á pulsión da noticia ou os matices da realidade están moitas veces nesa fina raia vermella que resulta doado ultrapasar. O balbordo e a estridencia son elementos que, malia desventuradamente consubstanciais á verbena informativa que hoxe é España, conveñen pouco a un periodismo rigoroso. Secomasí, un xornalista pode ser incisivo sen agresividade; agudo, sen impertinencia; enxeñoso, sen afán de protagonismo; mordaz, sen ofender; contundente pero non sectario.

Nunha recente entrevista que o ministro García-Margallo concedeu á xornalista Ana Pastor na Sexta, tiven un magnífico exemplo de todo o contrario: unha celeb, encantada co seu estrellato, que non dubida en sacrificar o eventual interese das opinións do xefe da diplomacia española (que algo interesante terá no miolo, digo eu) en aras de seguir demostrando á audiencia que o seu é dar caña a quen se lle poña por diante e usando para iso dunha estratexia, que polo visto arrasa, alicerzada máis en ver por onde pode aturdir o entrevistado que no que este poida dicir, unha estratexia que ten algo de interrogatorio policial. 
Sinto saudades de Balbín e a súa pipa. Cousas de facerse maior.

30.3.15

4U9525



Onte choveu porque unha volvoreta moveu as ás. Hoxe non chove, porque non as moveu. A felicidade, que non é, que nunca foi, que nunca poderá ser un estado constante, aliméntase de pequenos momentos, de ollares intensos, de mans enlazadas, de fluídos, de vencellos e vontades fortes pero invisibles como o aire que esiximos trece veces por minuto. A felicidade nútrese tamén de escaparlle ao plan director do universo que, se non ten todo trazado ao detalle, ás veces o parece. Imos tecendo o poema da nosa vida, sublime ou miserento, cando subimos ao coche, pola mañán cedo, para irmos á praia un día de verán, ao bicarmos os nenos pola noite ou cando poñemos o pote ao lume para cocer unhas patacas, agardando fuxir das xogadas da casualidade e fiados de que, mesmo quen nos mira mal, ha quererlle á vida tanto coma nós. 
Cando somos novos, vivimos a vida revoltosa dos cachorros reputando imposible envellecer pero tras o medio século damos en intuír que, nalgures, borrosa pero indeleble, debe haber inscrita unha data de caducidade e acordamos todos os días pola mañanciña alegres de podermos exprimir o primeiro día do resto da nosa vida. Risos e bágoas, momentos luminosos e lembranzas escuras, afectos e rancores repártense desigualmente, mesmo inxustamente, pois, mentres o virtuoso e sabio sofre calamidades, a aqueloutro, ruín e falso como un can cimarrón, sorriulle de xeito inexplicable a fortuna.
O ceo é azul; o sol da primavera quece aos poucos o mundo e semella que os rigores de novembro son un mal recordo. Tal vez hoxe estaba para chover e, xa ves, con toda a traza que tiña a auga, veu o sol. Agora morre o día e, mentres se anega o val de brétema e do doce rechouchío do melro, vai paseniño a tarde disfrazándose de noite. Mañán será outro día.
Semella imposible, enlouquecedoramente imposible, relacionar a crise existencial dun alemán de vinteoito anos coa morte dunha rapaza de Lugo que un bo día colle un avión en Barcelona canda a nai e mais a avoa. O 24 de marzo de 2015, a volvoreta moveu as ás (ou non as moveu, vaia un a saber) e nin vostede nin eu estabamos  no voo 4U9525 de Germanwings. En memoria emocionada de 149 inocentes que si o estaban, pido emprestado a D. Miguel Torga portugués os versos primeiros dun poema titulado «Bucólica»:  A vida é feita de nadas, de grandes serras paradas, à espera de movimento, de searas onduladas pelo vento 
Non sei que máis dicir.

24.3.15

Os ósos de don Miguel



Semella non existir maior mérito ca morrer. Badulaques e galopíns, tras unha vida de falcatruadas de toda laia, parecen, de súpeto e por efecto da parca inexorable, persoas dignas de todo aprecio; antipáticos, rosmóns e repunantes aos que ninguén tragaba vólvense o día do seu sepelio exemplos de cordialidade e obxectos de universal afecto. En troques, xentes de vitola, que en vida foron comunmente ignorados ou tratados con xeral indiferenza, acadan, ao espicharen, os loureiros da gloria e os méritos da lembranza, teimándose moito en peroratas e panexíricos públicos no urxente que resulta a recuperación da súa memoria, cando hai dous días ninguén lles facía maldito o caso. Disto hai no país, e especialmente no mundo da cultura, exemplos abochornantes. É paradigmático o caso dun escritor (autor, na miña opinión, da mellor novela da lingua galega) que, so e esquecido, malviviu os seus últimos anos da caridade dos frades dun convento. Abondou con que pasase a mellor vida para que a opinión pública sinalase como tarefa urxente a consabida recuperación da súa memoria, pasando axiña a dar nome a premios literarios e institutos de ensino.
A morte, en efecto, ten un efecto curiosamente mitificante, máis se se produce en idade temperá e circunstancia tráxica.Ninguén saberá nunca se James Dean, Kurt Cobain, Marylin Monroe ou Jimmy Hendrix serían os símbolos da cultura popular que hoxe son de teren falecido nun asilo, valetudinarios, con bata de casa, zapatillas e a medicación para o colesterol. O caso é que esa mitomanía da morte é tan intensa que pode operar tamén con carácter retroactivo.
Ignoro que beneficio se seguirá de confirmar, tras tanta artillaría tecnolóxica e o capitalazo investido en todo a tinglado, para alén de toda dúbida, que un oso palomo que leva séculos dando malvas na igrexa das Trinitarias da Vila e Corte corresponde a don Miguel de Cervantes. Meterán o esquelete, se chegan a compoñelo, nunha urna semellante á da santa Minia de Brión para exhibilo na Real Academia e todos como papóns mirando para o aceno sinistro dunha calivera? Repousará máis sosegado o autor de Persiles se soterran os seus pobres despoxos con toda a pompa e ofensiva mediática esperable? Incrementarase, tal vez, o seu mérito literario confirmando que unha tibia roñosa fixo parte algunha vez da esgrevia perna? Ai, se don Miguel erguera a cabeza! Coño, pero se non a ten!!

16.3.15

Na pel dunha árbore



Para a xente da miña quinta, hai tanto tempo que a hipertecnoloxía da comunicación se instalou nas nosas vidas que certas situacións cotiás da nosa nenez semella, de tan primitivas, non teren acontecido. O trío la la la en branco e negro, a carta de axuste, o himno nacional na hora do peche ou Aurora, a operadora telefónica da vila, a quen abondaba con solicitar «Aurora, ¿me pones con mi padre?», son lembranzas case perdidas no limbo gris do tempo, que moi dificilmente son quen de vencellar coa asepsia omnipotente da cultura dixital. A pizarra e o pizarrillo, cos que eu comecei un vigoroso periplo pedagóxico no grupo escolar José Antonio, representan para os meus fillos algo así como un percutor paleolítico de asta de cervo para min. Os chamados (se ben ou mal chamados non o sei) nativos dixitais son usuarios, en efecto, dun firme convencemento: Internet naceu co mundo e é absolutamente imposible que algunha vez, acaso nunha remotísima época, WhatsApp non existise.
Na vertixe crónica dun desenvolvemento técnico sen precedentes na historia da humanidade, que, por contraste, eleva o primitivo á categoría social do sublime, resulta alentador comprobar que, como os vellos roqueiros, hai cousas inmorrentes. De onde procede o costume de comunicar amores nos toros das árbores é algo no que non podo satisfacer a curiosidade do lector amable. Do que si podo dar fe é de que é unha práctica vixente, saudablemente vixente, engadiría eu. En certa alameda veciña á casa, a onde acudo con frecuencia na procura de sosego, atopei hai pouco, de xeito por completo inopinado, unha árbore coa seguinte declaración gravada a punta de navalla (ad pedem litterae): «Tania, estas moy voa, buenisima». Ademais de testemuñar, alén de inestable ortografía, unha indisimulada admiración por Tania e, nomeadamente, pola súa anatomía, o anónimo violador da pel virxinal do plátano venerable é un paradigma de diglosia, iso que, en enxebre denominación, chamamos no país castrapo. Reconforta pensar, polo demais, que entre tanta rede social, tanta milonga e tanta mamarrachada, existen todavía canles de comunicación anacrónicas como un bisoñé, auténticas como o pan de leña, atávicas como a caña branca en botella verde.
Con todo, ao respecto dunha mensaxe tan sincera, persístenme dúas dúbidas: 1) lería Tania o «guasap» arborícola?, e 2) el non sería Pablo Iglesias, enamorado cal Orlando redivivo, o anónimo inscritor?

10.3.15

Editor



Durante moitos anos existiu na produción cultural de Occidente unha orde máis ou menois inmutable segundo a cal o escritor daba rendas á súa creatividade subxectiva ou coñecemento nunha certa materia e compoñía unha obra literaria ou un tratado. Unha vez composta, e, como todo autor, dignamente persuadido do valor da súa creación, a sometía ao criterio do editor, un señor que, usando da súa experiencia, decidía se a cousa tiña interese e oportunidade e, o que é acaso máis importante, vestía co primor da habelencia profesional a creación do autor, en orixe unha morea informe de papel, poñendo moitas veces orde, coherencia e estética onde antes había desorde, arbitrariedade e desleixo. Unha vez ataviada coas galas da boa edición, a obra era xa un libro. Entón, enviábase a un establecemento especializado, a libraría, onde o libreiro o poñía ao dispor do público lector, quen, ao mercalo, pechaba un ciclo produtivo e comercial que aseguraba a pervivencia de todos os factores implicados. 
A edición foi secularmente un negocio a pequena escala, mesmo desenvolvido no eido familiar e hereditario, e do que ninguén pensaba tirar grande proveito económico, alén de contribuír, cunha dose considerable de altruísmo, á cultura e formación dos cidadáns. Pero o nacemento e expansión de Internet mudaron radicalmente este esquema, ata o punto de seren hoxe os autores quen posúen a potestade e a técnica de “autoeditar” os seus textos na rede sen intermediación algunha. ¿É o texto dixital o estímulo global para unha  nova era de autores libres e lectores non limitados á posesión dun obxecto para o exercicio da lectura? Para os tecnófilos radicais, con Internet e os novos modos de publicación en liña, estamos perante un novo concepto de lectura e escritura: é posible ler e escribir de maneira persoal ou en colaboración, sen o sometemento a esixencias editoriais.  
En realidade, a presión do texto dixital, lonxe de troquelar esa nova xeración de escritores independentes da tutela editorial e de lectores desinhibidos e máis libres, sumiu a aqueles (agás contadas excepcións) no anónimo marasmo dunha rede informe e babilónica e afastou os mozos de maneira alarmante das formas e categorías tradicionais do libro, con consecuencias preocupantes sobre a comunicación cultural. 
Tras mil e pico libros editados, e malia desenvolverme profesionalmente dende hai anos entre sofisticadas tecnoloxías, comezo a sentir saudade de tempos en que as cousas eran máis sinxelas. Porque todo o sinxelo é sabio.