O outro día alguén postou en FB un
pensamento tan chocalleiro como fondo de matices e rico de inferencias: hoxe caeume Internet e botei o día coa
familia. Semellan boa xente. O certo é que, para alén de chispeantes
hipérboles, a servidume á que as redes sociais someten a un cada vez máis
crecido número de seres humanos é algo rechamante e que paga a pena ponderar
con certo detemento. Que fascinio engaiolante agocha a máquina para mediatizar
ao seu través as nosas relacións cos demais? É Facebook unha sorte de parapeto
ou peneira que filtra os elementos ao noso xuízo máis suxestivos de nós mesmos
no entanto nos permite subtraer os menos atractivos? Será a xeito de cómodo escaparate
ou feira das vaidades onde exhibimos partes de nós que non ousamos compartir tête à tête por timidez, vergoña, anticipación
do ridículo…? Dicía Ramón Pérez de Ayala que o ridículo é a diferenza entre o
propósito e o logro. Ese é, precisamente, o risco cando un, no mundo real e
perante persoas de verdade (e non os seus trasuntos cibernéticos), se desfai de
molestas amarrallas morais e convencionalismos ditados pola conciencia das nosas
limitacións ou defectos e, baixo o influxo de vaia vostede a saber que (o alcol,
a euforia ou a tontuna repentina), perde os papeis, é dicir, maniféstase
espido, como o mono de Desmond Morris. Ninguén é feo, antipático, insociable ou
aburrido en Facebook, non existe a halitose nin o olor corporal, razón pola cal
alguén afirmou que non só é o país máis grande do mundo, senón que é dos poucos
sitios onde un é como lle dá a gana ser. A propia expresión mundo real para definir o que facemos
cando desligamos o ordenador, a tablet ou o móbil, non deixa de ser
inquietante. Porque, que é hoxe máis real
ca miles de millóns de seres humanos unidos pola fractura definitiva e total da
distancia física? Cando vexo o gústame
dun curmán meu que vive en Dubai nun post meu de Facebook ou o comentario dunha
vella amiga de Boston a unha foto da mocidade, penso que nunca as nosas vidas
foron menos nosas. Non teño, porén, ningunha razón para crer que compartir cun
nivel tan alucinante de transparencia e inmediatez os nosos días, tráfagos,
angueiras e ledicias sexa malo. Ao cabo, as redes sociais están
quintaesenciando o último elo dun mundo global, que comezou hai séculos co
trebello dun tal Gutenberg. O malo é que, se marcha a luz, fica un sen amigos.
15.1.14
23.12.13
San Google
Hai uns días sorprendinme a min
mesmo tecleando o título de dúas obras dun mesmo autor na ventanilla única de Google para deducir se unha delas era máis
«importante» (as aspas son aquí necesarias) ca a outra. A primeira devolvía
600.000 resultados, a segunda 2.400.000. Nin que dicir ten cal foi a miña
conclusión. O que me sorprendeu foi a capacidade canonizadora que, de xeito
practicamente inconsciente e automático, concedín ao veredito de Google, sen
determe a matinar un pouco sobre a calidade e fondura das coincidencias que o
máxico algoritmo do buscador é quen de atopar en décimas de segundo. Que
importa? O caso é o número, unha cifra que establece un ranquin universalmente
recoñecido. Hai unha web moi divertida chamada Googlefight,
onde pode vostede introducir dous criterios de procura para ver quen gaña. Algúns «clásicos» son Steve Jobs /vs/
Mark Zuckerberg; Google /vs/ Microsoft; Luke Skywalker /vs/ Darth Vader ou
MacDonalds /vs/ Burger King. A xente pasa o rato metendo cousas como
Rajoy /vs/ Zapatero, Celta /vs/ Depor, Beiras
/vs/ Feijoo e por aí, o que, entre outras cousas, ademais de evidenciar o pouco
que teñen que facer algúns, demostra a tendencia basalmente binaria do seu
humano. Eu lembro aínda próximos os tempos nos que existía a profesión do
documentalista, un señor ou señora a quen se lle encargaba información
circunstanciada sobre un asunto e, pasados uns días, enviaba un dossier
impreso, relativo ao particular que motivara a consulta, algo inconcibible en
tempos nos que a interfaz de comunicación coa información se basea na absoluta
inmediatez e na ausencia do máis mínimo esforzo. Persoalmente superei hai moito
a superflua dialéctica ‘papel-dixital’ ou, máis amplamente,
‘tecnofilia-tecnofobia’, entre outras cousas porque, en punto a tecnoloxías da
comunicación, a miña profesión de editor obrígame a estar sempre un chisco máis
alá ca o común dos mortais. Pero, poñendo unha vela a Google, non son quen de
non poñerlla a Gutenbeg. Penso, precisamente, na indeleble pegada que unha
cultura (¿) adquirida baixo demanda e desprovista da beneficiosa «xerarquía»
que proporcionaba o papel (non é o mesmo un manual ca un libro de texto nin
unha enciclopedia ca unha monografía) está deixando cada vez con máis
intensidade en xa varias xeracións. Hai unhas semanas reflexionaba neste mesmo furancho sobre o desprezo ao pensamento complexo, case unha característica dos
denominados nativos dixitais. Ata certo punto, Google quintaesencia esa
ausencia de crítica. Anque, polo demais, San Google serve para todo. A viñeta
gráfica é elocuente: «María, ti sabes onde teño os calzoncillos?» «Eu que
carallo sei, busca en Google!».6.12.13
Ambicións e reflexións
Na recente presentación dun libro no
que participo cun breve relato (discúlpeme a promoción pero permítame
suxerirllo como estupendo agasallo de Nadal: España negra. 27 relatos policíacos, Madrid: Ed. Rey Lear), o
editor do mesmo quixo ilustrar ao respectable cunha metáfora da actual
situación cultural de España. Agarrou o botellín de auga mineral que tiña
diante e un rotulador que levaba no peto da camisa e marcou aproximadamente o
quinto superior da botella plástica para afirmar que esa pequena parte, á que
probablemente pertenciamos todos os circunstantes, é a que emerxe dun océano de insondable
incultura, oportunismo, zafiedade e corrupción. O resto da botella é o fondo
dun iceberg social, paradigma do mal momento que vive o país, lentamente fraguado
nos últimos decenios a base dunha alarmante erosión do respecto, a educación e
o cultivo do pensamento. Concedo que existe un conglomerado de factores que
excitaron tan deplorable depauperación cultural pero non quero esquecer a diminución
paulatina dos índices de lectura como un elemento determinante do proceso,
malia dubidar en ocasións se como causa ou efecto. O que si sei é que non teño
nada que ver con ese fondo de iceberg e que, ben en troques, levo traballando
arreo, tanto profesional como persoalmente, contra ese estado de cousas,
esperanzado da miña achega a unha sociedade civil moderna, culta e aberta, practicando,
precisamente, o respecto e a educación e promovendo, no que podo, o cultivo do
pensamento. Por iso sinto que non me merezo un país tan escandalosamente
inculto. Non se trata, ollo, de propender unha aristocracia da lectura e recuperar
a Proust, Lampedusa ou Thomas Mann como autores populares. Pero digo que entre
estes e os produtos literarios de Vicky Martín Berrocal, Naty Abascal ou Belén
Esteban debe haber termos medios, nos que exercitar, con saúde e proveito
espirituais, a imaxinación e o amor polas causas nobres e boas que fan do
patrimonio literario da humanidade un dos cumios do seu xenio. Teño para min
que non ler Shanti Andía, Moby Dick, Robinson Crusoe, O último
mohicano ou Ivanhoe cando se
teñen doce anos é unha perda irremediable. Logo, xa a alma ten callos e durezas
que embotan a imaxinación e a lectura perde o seu compoñente de admirable e
marabillosa aventura. Que as memorias da princesa
del pueblo, compiladas por un tal Izaguirre, e o profundo ensaio Que haría Vicky sexan os best-sellers
deste Nadal constitúen, para oprobio de todos, o símbolo dunha sociedade en
caída libre.
Etiquetas:
cousas nas que anda un,
lectura,
sociedade
3.11.13
A hora dos cidadáns
O recente comentario dun amigo induciume a unha reflexión acerca do alcance da crise dos nosos
días. Concedo, en efecto, como quere o meu amigo, que dende a perspectiva da
gran pestilencia europea de 1348, que levou a unha espantosa morte a 25 millóns
dos nosos devanceiros, ou con imaxes como as de Berlín ou Auschwitz en 1945,
tildar de crise a actual recesión do consumo só é posible dende a analxesia
social a que conduciu o estado do benestar, es decir, a baixísima tolerancia ao
sufrimento e as privacións características dunha xeración cocida ao lume da
hiperabundancia. Non quero dicir, líbreme Deus, que non me sinta solidario cos
desempregados e as familias que as están pasando canutas para chegaren a fin de
mes, eu que teño (de momento) o enorme privilexio de ter un posto de traballo,
con todos os recurtes e desincentivos que se queira. Pero, como mero cidadán,
percibo sinceramente que as dimensións e, por así dicir, a intensidade da crise
actual esváense á luz dun universo, aínda cercano no tempo, sumido no horror dos
campos de exterminio, as cinzas de cidades laminadas e a insondable desventura das
familias desfeitas, a fame, as epidemias, o exilio e a incertidume. Insisto: resulta
doado, e desde logo de produtiva rendibilidade electoral (dicir política
sería facerlle fraco favor a este adxectivo) endosar á crise económica todos os
males. Pero tal vez nos estea ameazando un transo moito máis nocivo e de máis fondo
calado; unha crise profunda do pensamento traducida na ruína dunha lóxica
estable na que ata agora crimos e que semella non funcionar cando un pai non
sabe xa que aconsellar aos seus fillos, pois ve que, nin a mellor formación e a
máis completa cualificación, vanlles ser garantía de nada nin asegurarlles unha
mínima posición dende a que debuxar o seu mapa do mundo. Cando descremos de
todo, e percibimos con dorosísima evidencia que quen nos goberna e debera ser
exemplo moral da comunidade é, ben en troques, paradigma de toda corrupción e
espello de sinvergonzas, carotas, arribistas e indocumentados, acaso teña
chegado, en efecto, a hora dos cidadáns, dos emprendedores, das asociacións cívicas
de todo tipo, dos movementos colectivos forxados dende as iniciativas
individuais, da mobilización do entusiasmo, da militancia na integridade, da
convicción en pertencermos a un gran país onde a clase política hai moito que
deixou de estar á altura dos seus cidadáns. Eu, cando menos, non penso renderme
ao pesimismo e, como antídoto ao lixo e a crónica sensación de derrota que nos
arrodea, seguirei poñendo en práctica o que, supoño, ten levado aos grandes
países do mundo a ser o que son: traballar duro na procura de obxectivos sensatos,
pensando non en min senón no equipo ao que pertenzo e facendo co meu esforzo
individual non só o país que quero senón non o que quero deixar aos meus fillos.
O cal, creo, non é pouco.
6.10.13
Asunta
O marino vascongado Shanti Andía, un
dos meus personaxes literarios de cabeceira, vello e desenganado do mundo, cría
que botar a sonda na perversidade humana é arriscarse a non tocar fondo. Eu
tamén o creo. Para certo libro colectivo de historias negras que verá a luz proximamente,
escribín hai pouco un relato no que unha nai mata o fillo. Algúen díxome que o
conto lle parecía inverosímil pola súa extrema crueza e que unha nai é incapaz
dun acto tan brutal co froito da súa entrana. O rapaz do meu relato ten vinte
anos. Asunta Yong-Fang Basterra tiña apenas trece. Que a realidade supera con
largueza a ficción foi algo que se evidenciou para toda unha xeración de xeito feroz
e incontestable o 11 de setembro de 2001, cando dous reactores atravesaron,
como un dedo a manteiga, a presuntuosa superestrutura do poder e a vaidade. De
por parte, o rostro difuminado de Asunta, encaixado no seu corpo lanzal de
gacela, envíame desde as fotos do xornal unha mensaxe perturbadora: ata a vida
ten, como as moedas, un valor facial, obxectivo, e outro nominal, subxectivo,
que chega ata onde se queira que chegue. Por que mataron a Asunta? Non me
interesa o máis mínimo e abomino radicalmente do circo mediático montado
arredor da súa tráxica morte. Só alcanzo
a sentir a dor e carraxe dun pai que, como calquera outro, non soubo o que é o
amor ata que foi pai. Por que mataron a Asunta? Por diñeiro, por egoísmo, por comodidade,
por ansia de dominio, porque estorbaba? Por que morreron catro millóns de xudeus
en Auschwitz? Por que os hutus mataron 800000 tutsis? O catálogo de causas, o
inventario de matices da maldade é tan ilimitadamente variado como ilimitadamente
variado, por boa ventura, é o repertorio de razóns nobres e boas que conducen o
ser humano á sublimidade, o xenio e o amor polos demais. Pero se algo precisa dun motivo, dunha
causa plausible é a maldade, pois semella que dar cunha razón material e comprensible, acaso mellor canto máis prosaica, para o asasinato dunha criatura
aminora a vesania e ordena un mundo que, doutro xeito, sería aos nosos ollos
insoportable e caprichoso. En troques,
si coñezo, e vostede tamén, as causas, estas perfectamente materiais e
comprensibles, polas que afogaron douscentos inmigrantes a semana pasada en
Lampedusa, homes, nenos, mulleres, os ilotas e esquecidos do mundo, unha nova
que seguramente leu vostede de pasada na sección de internacional, mentres
procuraba con ansia as últimas novidades en páxinas interiores sobre a morte de
Asunta.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)
.jpg)


