Vou falar do códice. Non porque
toque, pois me resulta un asunto carente de todo interese, senón movido por un
exercicio de autocorrección sincera. Se Bill Gates afirmou a mediados dos 80 que
640 Kbytes deberan ser abondo para calquera e aí o teñen, asquerosamente
millonario, non vou eu temer ingresar na confraría dos pensadores estúpidos. O
noso códice é algo moi «de
aquí», como os chocolates Raposo, os sampancracios da cerería do Villar
ou oír á dependenta dunha tenda da Algalia «ay, neniño, yo esto no te lo trabajo». Non é que o códice sexa
―contra o que a nosa habitual pailanez nos quere facer crer― unha obra impresionante
da arte amanuense, pois, a dicir verdade, do punto de vista temático é, na súa
maior parte, un auténtico tostón litúrxico e, do punto de vista artístico, está
lonxe das verdadeiras xoias miniadas medievais. Home, que é unico, pois si, tan
único como calquera outro códice manuscrito anterior á arte mecánica da
imprenta. Pero, en fin, é o noso códice e, como a todo herdo do pasado, os anos
vano enchendo de nobreza e sublimidade. Pois ben, é o caso que hai agora un
ano, co conto do arroubo, este crocodilo chorón atribuía na columna de certo
xornal, con lirismo de enamorado, unha paradoxal ledicia ao vello mamotreto,
que a mans do gatuno fuxía por fin de séculos de tutela clerical: «El
non se sentirá afortunado de vivir, tras centos de anos de mortal aburrimento,
novas experiencias, contento de coñecer novos ambientes, de oír algo máis ca o
roer da couza e voces diferentes das estatuarias salmodias dos curas, de
respirar algo máis ca o arrecendo penetrante do incenso? Os libros deciden o
seu destino, vontade contra a que se estrelan todos os intentos humanos de
mudalo. Como o anel maldito da Terra Media, acaso o Codex, despois de tantos
séculos, quixo desprenderse da crisálida e voar por conta propia. Cando dentro
de mil anos, o propietario que entón o posúa conte a súa historia, de certo que
o roubo de 2011 ha de ser un episodio interesante». Cando vin no televexo que o vello volumen obraba, envolto en bolsas de
mercadona, nun «jaraje» amiense, xustísimo espécime
do máis siniestro feísmo do país, arrodeado de plaquetas, po de cemento e vil ferralla,
sufrín unha conmoción e a punzada penetrante do pudor: como puiden ser tan
inxenuo? Ao día seguinte, un pícaro veciño meu díxome entusiasmado: «¡Juan, ya encontraron el
código clandestino!».
E é que vexo moitas películas.
12.7.12
5.7.12
Mata, mata!
Nun verán especialmente caloroso que abrasaba as colleitas,
a cidade de Roma morría coa fame. O comandante da frota imperial, aportada en
Alexandría, preguntou ao césar, por medio dos correos, qué xénero cargaba nas
galeras, se gran de pantrigo ou area para o circo. O emperador non o dubidou e
a frota transportou toneladas da area da máis fina de Nubia, unha area que
disque enchoupaba especialmente ben o sangue, que, de homes e bestas, manaba en
abundante efusión durante os xogos. O ser humano leva decenas de miles de anos
reiterando comportamentos e actitudes, que, consonte as modas e usos de cada
época, remiten sempre á nosa cerna irracional, imperfecta, contraditoria. Xa
aprete a fame ou a prima de risco; xa preocupe a invasión dos xermanos ou a petulancia
de frau Merkel; xa escandalicen os fastos de Nerón ou as viaxes de Dívar, todo
pode zarrapecharse nun saudable stand-by
mentres damos renda solta ao instinto primixenio: Mata! mata! bramaba aos gladiadores o populacho do Coloseo. Hoxe, é
a caixa tonta a vítima inocente de toda sorte de execracións: «Gilipollas!», bérralle enardecido un honrado dentista a Ronaldo;
«puto inútil!», un avogado de éxito a Arbeloa canda perde un balón; «fillo
dunha cadela!», unha funcionaria do catastro a Buffon cando atrapa o esférico. Imaxino
que Séneca, capaz das máis excelsas reflexións sobre a vida, babeaba co gusto
vendo como unha leona papaba un cristián igual que, dous mil anos máis tarde,
«es don Pancracio Sabino, un señor la mar de fino, pero el domingo en la grada
es un tigre de bengala». Berrei emocionado cos meus fillos e amigos cando lle
empaquetamos catro goles como catro soles a Italia, e compartín a ledicia do país, pois, entre
outras razóns, os frikis incapaces de facer o que fai a maioría só polo gusto
de tocar a paletilla sempre me produciron hipercloridria. Pero nin a
irracionalidade basal nin o medo a parecer un vello lobo, solitario e
cascarrabias, son quen de reprimir certos escrúpulos: que sexan once tíos
arreándolle a unha pelota os directos responsables de ter sublimado (entendo
que puntualmente) a vergonza colectiva da nosa propia bandeira é algo que, no
fondo, debera ser motivo de reflexión para unha sociedade civil. Por outra
banda, sempre estimei como trazo fundamental dos heroes a súa xenerosidade e sublime
desprendemento. A heroicidade da roja
ten tarifa: 300000 napos por heroe. Esa exemplar nobreza do deporte, que tanto
aplaudimos estes días.
4.7.12
Sobre acceso abierto y edicion
[Participación en un congreso: avance de abstract]
Desde la
emergencia y estandarización de la Internet, y las consecuentes iniciativas
internacionales en materia de acceso abierto al conocimiento (Iniciativa de
Budapest, 2002; Declaración de
Berlín, 2003), los países del primer mundo han ido adaptando a esta nueva
filosofía sus prácticas y acciones en cuanto a la difusión de los resultados de
la investigación científica, que se desarrollan, de un modo muy especial, en
sus universidades y centros públicos. En el caso concreto de España, el
preámbulo de la Ley 14/2011 de la Ciencia, la Tecnología y la Innovación,
enfatiza «el compromiso con la difusión universal del
conocimiento, mediante el posicionamiento a favor de las políticas de acceso
abierto a la información científica», declaración de carácter genérico que se
hace eco del desarrollo exponencial que los repositorios de contenidos
digitales de las universidades españolas han conocido en los últimos años,
hasta el punto de que en algunos ránkings internacionales
tres repositorios españoles aparecen entre los 35 primeros del mundo (UAB Dipòsit Digital de Documents; UPC Commons; Digital CSIC). El papel de los editores
universitarios, en cuanto productores de contenidos científicos y
responsables de transferir buena parte del conocimiento generado en sus
universidades, es, por lo tanto, clave en el desarrollo de los repositorios,
pues entre sus estrategias está traducir las potencialidades de Internet y al
acceso abierto en términos de impacto, visibilización y calidad. Pero la propia
naturaleza de la actividad editorial (protección de derechos patrimoniales
derivados de la propiedad intelectual y búsqueda legítima de un retorno
económico de la inversión en producción) impone limitaciones, o cuando menos
ineludibles matices, a la difusión en acceso abierto.
Etiquetas:
edición,
tecnosociedade,
universidade
30.6.12
Palabras de gratitude
[Texto completo do discurso de agradecemento á concesión da Insignia de Ouro da Asociación de Fillos e Amigos da Estrada. No Recreo Cultural da Estrada, a noite do 22 de San Xoán de 2012]
Atribúen ao actor
británico Richard Burton, que viviu nunca vintena de países, o pensamento de
que un é de onde ten os libros. Eu os
libros, centos de eles, herdados en boa parte do avó e en boa parte do meu pai,
téñoos agora nunha biblioteca que mira, dende os cómaros de Brión, o fermoso
val da Amaía, coa torres do Obradoiro e a Berenguela ao fondo, pechando o
cadro. Pero, malia os libros e o fermoso pensamento do grande actor británico,
eu son da Estrada, nacín nesta prezada vila, na rúa Serafín Pazo, barrio de
Bedelle, e alí remiten as lembranzas douradas da nenez, pois como dixo Søren Kierkegaard somos a nosa infancia. O
ultramarinos de Sofía; as correrías e xogos na veciña alameda; as visitas á
alcaldía para pedirlle cartos a papá; o cine, que curiosamente sempre se chamou
Teatro Principal malia que só había un, e no que irmáns e curmáns entrabamos de
gratís, pois o tío Mundo era o xerente; o carro de cabalos que todos os días
viamos pasar para o matadoiro; o tíovivo que polas festas se instalaba nun
solar a carón da casa dos Carballeda e no que había un caballito chamado
Mustang que era o meu preferido; as pelis da infantil ―Maciste, el enmascarado
de Plata con aquelas dobraxes mexicanas irrepetibles― e as bolsas de pipas La Pilarica (Qué rica la Pilarica, repita) e Facundo
(Y dijo el toro al morir: siento dejar
este mundo sin probar pipas Facundo). A miña nenez, que foi unha nenez de
Enciclopedia Álvarez, leite en pó, la canción del Cola-Cao, o grupo Escolar
José Antonio e os veráns no campamento Paco Leis que a OJE tiña na praia das
Sinas, foi unha nenez feliz, malia que, como dixen nun poema moitos anos despois,
ata o universo era escaso naqueles tempos. Emporiso, quen de neno ten afecto
teno todo. Coubéronme en sorte un pai e unha nai que, a falta tal vez doutros
bens máis prosaicos e materiais, me legaron o mellor dos herdos: a universal e
perenne lección da honestidade, da integridade e da coherencia, valores que,
por certo, hoxe resulta ben difícil transmitir. Pero, en fin, todo muda ao son
dos tempos e de pouco vale acubillármonos en saudades superfluas e improdutivas
melancolías que a nada conducen. O mellor aproveitamento que podemos tirar do
pasado é a súa proxección no futuro, algo que, ao meu entender, practica moi
ben a nosa Asociación de Fillos e Amigos da Estrada, que todos os anos, nestes
días limiares do verán e veciños da festa do neno mártir Pelaio, colleita os
froitos de ricas sementeiras e as ofrece como homenaxe de futuro a unha vila
puxante e pródiga en figuras senlleiras nos eidos máis diversos: a cultura, a
ciencia e a investigación, a actividade política e empresarial, o altruismo, o
deporte, as artes… Nesta selecta nómina de figuras a quen a Asociación leva
galardoadas co seu recoñecemento anual, eu atópome, segundo adoita dicirse,
como un polbo nun garaxe, pois sinto sinceramente que a xenerosidade desta distinción
está en proporción inversa aos meus pobres e escasos méritos. Se acaso algún
teño, ese mérito é o do traballo constante, o da convición e o do entusiasmo,
receitas, por certo, ben recomendables para escuros tempos de crise. Pablo Ruiz
Picasso dixo nunha entrevista que a el as musas sempre o pillaban traballando. Mutatis mutandis, eu non coñezo outras
musas que o esforzo, o compromiso, o afán de superación, o traballo en equipo,
o recoñecemento e estímulo aos méritos e capacidades dos demais, e, ao cabo, o
empeño en facer as cousas ben sen agardar máis recompensa nin ouropel que a
satisfacción do labor ben feito. Se credes que isto é merecente do galardón que
hoxe me entregades, douno por ben recibido.
Agradezo á Asociación de Fillos e Amigos da Estrada, e moi
especialmente ao seu presidente don Alfonso Varela ―membro esgrevio dunha
familia moi querida pola miña―, terme incluído na selecta nómina de fillos
predilectos desta miña prezada vila. Ao profesor Manuel Sanmartín, amigo,
colaborador en tantas batallas e paisano, o seu padrinado neste acto.
Dúas palabras finais. Disque detrás dun grande home sempre hai unha
gran muller. Permitídeme que altere esa sentenza, no fondo bastante machista.
No meu caso, si hai unha gran muller, pero non detrás senón ao lado, mesmo
moitas veces diante, e o home é máis
ben normaliño. A Sonia, a miña dona, a miña compañeira de singradura, a nai dos
meus fillos, débolle tanto que supoño que o día menos pensado terá que
rescatarme, como aos mercados financeiros. Finalmente, quero expresar o meu desexo
de que esta distinción honre por sempre a dúas persoas, a quen lles debo, non
moito, senón todo: Carmen Valdés e Mario Blanco. Boas noites e moitas grazas.
20.6.12
Krísis (en grego 'elección')
O chiste, clásico, é do grandísimo
Gila: «―Niño, ¿tú
cuantos años tienes? ―Diez.
―Pues yo a tus años
ya tenía once».
Cantas máis velas, en efecto, engadimos á tarta, máis imos cedendo á perigosa
sedución de «Eu,
aos teus anos…»,
argumento que simboliza unha relación traumática co presente, en virtude da cal
o pasado aparécesenos como unha sorte de Arcadia feliz na que reinaba a
harmonía e os carballos secretaban docísimo mel. Eu creo, polo demais, que é
consubstancial á nosa condición humana crermos que os tempos que nos toca vivir
son sempre os da apocalipse final e que nunca o mundo coñeceu tanta falsidade,
egoísmo, crueldade, depravación, envexa, frivolidade e estupidez. No canto de ler tanta tontería
envolta niso que chaman novidades,
permítome recomendar ao benévolo lector unha novela clásica, Sinuhé o Exipcio, na que o finés Mika
Waltari demostra, con mestría de espadista, que non hai nada novo baixo o sol e
que ata os extremos máis rigorosos da vesania están xa inventados. Baixo este
prisma, intento todos os días relativizar as consecuencias da profunda crise dos nosos días. Vale que
cada momento ten as súas condicións peculiares e que de pouco serve alimentarse
patoloxicamente do pasado, pero levar ao extremo este criterio sería tanto como
negar as proveitosas leccións da nosa propia experiencia. Un exemplo. Cóntanme
que un grupo de alumnos universitarios están pechados en certa facultade pois
reclaman que a súa biblioteca abra toda a noite. Polo visto, se lles explicou
que os custos de mantemento e persoal que esa ampliación de horario supoñería é
inasumible na actual situación de carestía de recursos. Penso: a) se non pode
ser, non pode ser. Que estuden na casa ou dentro dunha banda horaria razoable,
pero b) estes mozos pertencen a unha xeración cunha nula tolerancia ás
negativas. De xeito tal, infiro: a) na miña mocidade, reclamacións sociais,
políticas e ideolóxicas de moito máis calado (e non a pataleta duns
consentidos) se arranxaban en media hora cunha dotación dos «grises», pero b) ¿non é certo
que en todo tempo a mocidade é a idade da rebeldía, e que, mutatis mutandis, é o máis natural que os mozos manifesten a súa
inadaptación? Sinto, ao cabo, que só teño dúbidas nesta época de incertezas e
agoiros. Chego a intuír en cada rescate financeiro un moderno tratado de
Versalles, que rematará por alentar algún mesías de gardarroupía a salvar a
patria. Porque se algo sobra na historia son crises e caudillos.
13.6.12
Mundos paralelos
Dotado da sensatez propia de quen
botou a sonda na tontería humana sen lle atopar fondo, o exalcalde da Coruña,
Francisco Vázquez, referíase en certas declaracións ás preocupacións reais dos
cidadáns fronte ás cuitas que políticos e medios de comunicación queren
facernos sentir coma nosas. Naquelas declaracións afirmaba, con ironía, que a
reforma do Senado era un asunto que de certo non deixaba durmir aos españois.
Eu creo, en efecto, que vivimos en mundos paralelos. Ata a emerxencia da
xeración Marconi, a aldea global e a máis recente eclosión da Internet, a
xeneralidade das persoas apenas si tiñan outro horizonte que as luces e
miserias da súa vida cotiá. De feito, deses mundos paralelos, un, o tanxible e
próximo, segue sendo o mesmo que foi sempre: o constitúen as nosas angueiras,
rutinas, suores, ledicias e tristuras cotiás e abondo temos de aturar con todo:
traballamos (ou buscamos traballo) e representamos como podemos os papeis que a
vida nos asigna: pais, nais, irmáns, fillos, xefes ou mandados, ricos ou
pobres, sans ou enfermos, famosos ou descoñecidos, populares ou anónimos, sos
ou acompañados… O outro mundo é, en
termos históricos, unha novidade, pois ata hai nada o peso dos mass media era socialmente inapreciable:
complexos asuntos que se desenvolven nun entramado paralelo ás nosas venturas e
desventuras íntimas e respecto dos cales, penso eu, se incrementa pouco e pouco
o convencemento da nosa absoluta incapacidade, en canto meros cidadáns, para
influílos. Non sei vostede, pero eu, cando a media mañán, decido tomar un café
cun bocado e botarlle un ollo ao xornal que teña a man, comprobo as miñas
insalvables dificultades para desenguedellar as claves do conflito sirio, da
crise de Bankia ou do rescate financeiro do país, e, cun sentimento non exento
de pudor, mesmo recoñezo que, no maremágnum dos compromisos diarios, me
importan tres puñetas. Ben sei que na periferia informativa (sexa impresa,
dixital ou audiovisual), unha lexión de hermeneutas, eséxetas e arbitristas de
toda laia están ao meu servizo para a correcta interpretación, e aínda
solución, de tan trascendentes cuestións, pero, ao cabo, tal balbordo mediático
remata por frustrar máis a miña pretensión de ser un cidadán exemplar e
impecablemente informado. O finado de meu pai, que era home tamén de probada
sensatez, saltaba directamente todas as páxinas internacionais do xornal. Unha
vez interrogueino sobre unha práctica tan peculiar e repuxo: «Pero ti cres que
a min me importa o que pase en Tailandia?». Pensei: tampouco é mal sistema.
10.6.12
O pasado
Ao emblema de
Falange Española un amigo meu chamáballe a nécora. Na fachada do Grupo Escolar
«José Antonio», onde eu cursei o ensino primario, había unha enorme nécora de
fundición. As aulas estaban presididas por un crucifico de madeira flanqueado
pola vera effigies de Su Excelencia e
mais de José Antonio, a camisa escura arremangada e a expresión de adusto
miliciano. Naquel grupo escolar facía un frío sobrenatural, perante a cal o
mestre defendíase cunha catalítica que apenas era quen de arrequentalo a el.
Malia os gamberros que, con primor de
namoradas, nais e tías calcetaban para nós, as orellas enchíanse de frieiras
todos os invernos e era un clásico que o compañeiro do pupitre de atrás che
beliscase os sabañóns, o que producía unha dor imposible de esquecer. Cando
viña vendaval, Ramiro, o porteiro, facía unhas hábiles amarrallas para evitar
que as fiestras saísen disparadas polo vento. O Grupo Escolar «José Antonio»
era un micromundo de machos. Había, si, mestras, pero só para os parvulitos e tamén unha señora
que, nos recreos, nos daba leite en pó mesturado con auga quente, unha potaxe
cun sabucho entre a masilla dos cristais e o papel húmedo. Os mestres eran
señores de traxe e gravata, que fumaban caldo, tiñan os dedos e os dentes
amarelados do tabaco e seguían ao pé da letra os itinerarios didácticos da
Enciclopedia Álvarez. Os castigos físicos eran unha norma pedagóxica elemental,
que ninguén cuestionaba e se suxeitaban a procedementos diversos: a palmeta de
madeira, o simple pero sempre efectivo bofetón, o axeonllamento da vítima, que
podía incorporar algunhas suxestivas variantes como as chapas de botella cara
arriba contra os xeonllos ou a peseta apreixada polo narís contra a parede. Nos
recreos daquel mundo de machos había pelexas diarias convocadas por vía do
honor no patio de atrás. Daquelas refregas entre cachorros dimanaban erosións, feridas
e contusións de toda índole e mesmo algún dente partido. Pero era un mundo
normal, que ninguén percibía como violento. Os nenos eramos unha sorte de
elementos estraños nun universo de adultos que nos mantiñan permanentemente na
marxe das súas angueiras e labores cotiáns. Hoxe, vendo as riadas de
adolescentes, europeos de primeira, finos e fermosos ―o noso recambio para o
futuro―, agardando no campus universitairo para a selectividade sentín un arrepío
ao lembrar o pensamento de L. P. Hartley: o pasado é un país estranxeiro; alí
as cousas fanse doutra maneira.
Etiquetas:
Da artesa da memoria,
lembranzas e reflexións
30.5.12
Eloxio da discrepancia
Poucos
termos debe haber tan complexos de definir e, non obstante, tan perceptibles e
«todoterreo» como cultura. No seo
dunha sociedade globalizada onde andamos todos uniformados como na China de Mao
―o que son as cousas―, cultura
sobardou as nobres lindes máis ou menos estables do produto antropolóxico, xa
individual (é un tipo de moita cultura),
xa colectivo (a cultura galega),
para, recuperando o seu valor neto de cultivo,
invadir territorios máis prosaicos: a cultura do lecer, a cultura do consumo, a cultura do viño son expresións
perfectamente contemporáneas. Sobre este suposto, vou permitirme ensaiar un
argumento: en España non temos cultura da
discrepancia e, dende a miña modesta experiencia vital e profesional,
traduzo desta eiva un pesado lastre colectivo que dimana nun ambiente colectivo
permanentemente electrizado. A escena goiesca de dous tipos aporreándose a
conciencia é a imaxe icónica dun país condenado a non entenderse e dunha
sociedade onde a discrepancia se suxeita normalmente a tres parámetros: a)
levar razón é signo inequívoco de maior autoridade e, polo tanto, do ínfimo
valor do discrepante; b) todo vale (berrar máis, ser máis agresivo, máis chulo,
máis pretendidamente enxeñoso…) para forzar o discrepante a renderse; c)
chegado un punto, resulta moito máis importante a humillación do contrario ca o
propio valor dos argumentos. Para mostra, lembre vostede calquera das súas
últimas visitas ao zoolóxico político do país. Como editor, responsable polo
tanto de procesos complexos que atinxen a moitas persoas e sensibilidades de
cara a un único resultado final ―o libro―, levo aprendido moito na magnífica
escola que é a discrepancia. Discrepar implica perfilar os argumentos a prol ou
en contra, establecendo necesariamente un torneo dialéctico extremadamente
rendible en termos de eficiencia e calidade nos procedementos. Lembro con
afecto, e se el me le tamén a lembrará, a cordial discrepancia que mantivemos
certo autor e mais eu recentemente sobre a estética e deseño da cuberta do seu
libro. Nunca lle discutín por querer levar a razón senón por crer honestamente
na validez dos meus criterios. Ao final, chegamos a unha solución de compromiso
que conduciu a unha fermosa cuberta e, o que é mellor, a incrementar un emocionante
sentimento de afecto mutuo. O mundo non é unha arcadia, vale, pero tampouco, malia empeñármonos, o escenario dunha guerra sen fin.
24.5.12
Loureiros literarios
Cando escribir era un oficio serio e,
como en todos os oficios serios, a
excelencia acadábase como resultado da perseverancia e o esforzo, troquelouse o
tópico de que «a
novela é xénero de madurez».
Hai uns días, xirando visita
a un amigo a la sazón membro do xurado de certo premio municipal de novela convocado
anualmente en cordial entente cunha editorial patria, reparei nunha pobre silla
ateigada de fotocopias encadernadas en canutillo que obraba no seu despacho. O meu
home, con xesto resignado, indicoume que eran os orixinais candidatos ao premio
en cuestión. Mudando silla por parede,
lembrei o grafito de Pompeia: Admiror
paries, te non cecidisse ruinis qui tot scriptorum taedia sustineas. É
sempre de apreciar o cultivo das letras, pero entre o estímulo razoable á
creación literaria de calidade e alentar con diñeiros públicos a grafomanía compulsiva
sitúase a delgada liña vermella que separa unha novela construída con criterio da
ramplonaría militante, que, mesmo, hai que ameritar igual por non deixar
deserto o galardón. Non sei quen dixo que «eu
nunca me presento a premios literarios para non correr o risco de que non mos
concedan». Coquetéase dese xeito coa
posibilidade nunca desmentida ―claro― de que un non ten máis premios polo
simple feito de que non se presenta a eles, que se non… Ese é probablemente o
convencemento de moito grafómano que por aí respira para suxestionarse do
amiguismo e arbitrariedade da maior parte dos galardóns cando, en realidade,
devecería polo momento de gloria dun premio xa non grande grande, senón o dun
concello por aí, que dera o pase para unha plana con foto nos xornais con algún
editor «oficial» e un talonciño ao portador de catro cifras.
Fun xurado dun premio moi consolidado no país e podo asegurar que ao lado dun
par de cousas, digamos, dignas, o resto (sobre dez ou doce orixinais,
previamente peneirados) farían xustísimo inquilinato no corbe dos papeis. O
malo destas cousas é que ao final non se sabe se vai primeiro o ovo ou a
galiña, ou sexa se é o circuíto anual de premios o que consolida unha oferta de
orixinais permanentemente sobredimensionada ou aqueles responden con ponderación ás
demandas de recoñecemento social que toda creación estética de calidade
precisa. Que, noutros tempos, o premio Nadal correspondeu historicamente a esta
última categoría é indubidable. Que a maior parte dos actuais premios literarios
galegos encaixan na primeira é tamén, ou a min mo parece, indudidable. Pero, en
fin, mentres se manteña acesa a chama sagrada… de gustibus non disputandum. As vías polas que
creación literaria se canoniza son, coma os camiños do Señor, inescrutables. O
día menos pensado danme un premio a min, que xa é dicir.18.5.12
Letras galegas
Teño unha lembranza precisa da
primeira vez que oín falar galego. Foi na alameda da vila, xogando a polis e
cacos con varios irmáns que pertencían a unha familia moi humilde. Eu daquela
era o fillo do alcalde e supoño que non estaría moi ben visto que tivese esas
relacións, aínda que a miña carreira de ovella negra debeu comezar cedo. Na
miña casa, onde había unha avoa, unha nai e unha tía de nación extremeña,
falábase castelán. Pero tamén desque me alcanzan os recordos, meu pai conversaba
invariablemente galego cos seus irmáns. Neto, fillo e sobriño de republicanos e
galeguistas, para meu pai a estatua de Castelao en molde de Asorey e unha
segunda edición de Sempre en Galiza
eran unha sorte de deuses lares. Tamén o era a súa biblioteca de literatura
galega con todas as primeiras edicións de Galaxia, que eu cataloguei en
pequenas fichas cunha venerable máquina de escribir Olympia e moita ilusión. Cando
palmou su Excelencia, eu contaba, como diría un cursi, quince primaveras.
Apertei coa deliciosa frivolidade dos poucos anos a militancia na esquerda, que
incluía no kit completo a defensa da lingua e a incorporación dos símbolos do
país. Ao pouco, no tempo daquel «desencanto» que bautizaron os
Panero, apliquei idénticos empeño e fruición ao disfrute dos paraísos
artificiais que, anos atrás, a alimentar o convencemento de que as esperanzas
dunha España democrática residían nun bote de pintura en spray e nun calendario
coa bandeira galega e os queixumes de don Eduardo. Aos meus dezanove ou vinte
anos papá e eu decidimos tacitamente, de consún e sen liturxia de ningún tipo,
no volvermos a cruzar unha palabra en castelán. E así foi ata a súa morte. A
muller da miña vida e mais eu enamorámonos en
castelán, vivimos dende entón en castelán e falamos castelán cos nosos fillos,
cousa que non me dá frío nin calor. Tampouco me parece excesivamente meritorio
levar escritos case mil posts nun blog, sete libros (dous deles de poesía) e,
ata o momento, máis dun cento de colaboracións de prensa en galego. Pero non
me gusta ser mono- en nada (-lingue, -lítico, -tono, -rrimo, -aural...) e non
milito en nada, non me gustan os dogmas nin os altares e paso moito de necrofilias
culturais e cinismos politicamente correctos.Ter nacido nun ínfimo recanto onde
o planeta se chama A Estrada non ten máis valor ca telo feito en Manila. Por
iso falo galego e castelán e non tagalo. Ao mellor se tivera nacido en
Chaguazoso, a habitación humana máis alta de Galicia, a miña experiencia sería
distinta. Porque o meu mapa do mundo é como a vida: mestizo, impuro, cimarrón,
inzado de clarescuros, dúbidas e incertezas, e, polo mesmo, a miña patria son,
e sempre serán, os meus zapatos. Un xeito, por certo, extraordinariamente recomendable
de nacionalismo.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)






