Naquel século de luces, rapé,
polisóns e perrucas que mudou o mundo, a ilustración da razón tinguiu de luz o
que antes era a sombra, espesa e ominosa do fanatismo e a superstición. Porque
sempre o poder foi amigo da ignorancia e esta paredaña da rutina e a
poltronería. O mesmo día que a máquina infernal de Gutenberg inaugurou a
produción industrial dos libros, a Inquisición comezou a declinar. Así é que,
rematando a décimoquinta centuria, o dominico Filipo Strata escribía: Est
virgo hec penna; meretrix est stampificata
(‘A pluma é unha virxe, a imprenta unha puta’).
De certo, a consolidación do tópico consonte o cal a información e o coñecemento alicerzan a liberdade e a plena dignidade das persoas (un dos piares das sociedades modernas), non se conseguiu senón despois de moito sangue, fume de fogueiras e sufrimento, e probablemente constitúe un dos logros intelectuais máis emocionantes da historia humana.
De certo, a consolidación do tópico consonte o cal a información e o coñecemento alicerzan a liberdade e a plena dignidade das persoas (un dos piares das sociedades modernas), non se conseguiu senón despois de moito sangue, fume de fogueiras e sufrimento, e probablemente constitúe un dos logros intelectuais máis emocionantes da historia humana.
Internet e a cultura dixital, o último chanzo na longa
escala da socialización do coñecemento, expandiron e ata banalizaron
unha ilimitada capacidade de información ao punto de que, cun trebello que
aloxamos no peto, podemos acceder á biblioteca absoluta pola que suspiraba Borges, só con teclear o que buscamos, o que sexa. No outro extremo,
así pois, dese péndulo que é a historia, cabe preguntarnos se o dereito e a
posibilidade a unha información instantánea e ilimitada non entranan tamén
riscos e perigos. Persoalmente, percibo que a presión dos mass media pode resultar a duras penas soportable e que, a forza de
teimar, os xornais e telexornais conseguen que malia un asunto deixar de
representar ningunha novidade pode seguir
sendo unha noticia durante semanas e
mesmo meses (Angrois, Asunta Basterra… por poñer exemplos recentes e de amargo
sabor compostelán). Semella paradoxal que alguén que mantén un blog dende hai case dez anos poida recomendar blindarse a unha excesiva exposición
informativa como medida de elemental profilaxe. Pero así o sinto. Informarme?
Para que? A intensidade do meu noxo acadou o nivel da lobotomía e me acubillo
nunha idea, tan plana como consoladora: canto menos saiba de Granados, as
tarxetas negras, Pokemon, Gurtel, Mayte Zaldívar, Pujol, Púnica, Bárcenas, os ERE fraudulentos e Isabel Pantoja máis crerei que este país, algún día, terá remedio. Pero tal vez
eu xa non o vexa.