29.11.09

A honradés científica

Na presentación da laudatio de certo científico paisano meu, que imos publicar no volume 12 de A Estrada. Miscelánea histórica cultural -de saída inminente-, permitinme emitir un breve, e por forza subxectivo, ditame analítico sobre o devir cultural do país. Velaí vai:
Sir Winston Churchill ―de quen pasaron á posteridade mostras dun humor acedo, intelixente e moi próximo á máis fina retranca do país― dixo dun parlamentario laborista inimigo seu que era un home modesto con moitos motivos para ser modesto. En revanche, por fortuna para o xénero humano, tan nutrido de superflua e improdutiva vaidade, existen homes modestos con moi poucos motivos para ser modestos. Non é, de certo, a humildade unha categoría ética, nin ten por que ser prenda de integridade, que si o é. Pero, tras moitos anos en contacto co medio universitario, podo dar fe de que a xente de máis valía é invariablemente modesta, asequible e normalmente inimiga de honras e ouropeis. Tendemos a crer, neste mundo tan sensibilizado cara aos medios de comunicación e o candelero, que a transcendencia dunha persoa se mide pola súa proxección nos xornais e pola súa presenza, ás veces sospeitosamente habitual, en actos públicos organizados, as máis das veces, non polo seu interese colectivo intrínseco senón precisamente para seren reflectidos nos xornais. Xérase, así, unha sorte de circuíto retroalimentado no que resulta xa complicado decidir se é primeiro o ovo ou a galiña, circuíto no que certos nomes comezan a soar con teimosía tal que un remata por convencerse de que, en efecto, deben corresponder a verdadeiras personalidades, responsables de achegas imprescindibles para o ben social. O tempo, ao cabo, pon todo no seu sitio. Outro xénero de xentes, como o frade Mendel pechado na cela cos seus chícharos, traballan recluídos nos seus despachos, aulas e laboratorios, afastados dos reflexos enganosos das mundanas vaidades, e nos seus despachos, aulas e laboratorios van desenvolvendo un contributo que, non por anónimo e descoñecido, deixa de ter un alcance social, este sí, de gran vitola. Pero, en virtude de non se sabe que estraño proceso, outorgamos infinita máis importancia á morea de parvadas da "cultura" (as aspas son miñas) que os mass media, por así dicir, oficializan.
Esta reflexión miña veume á cabeza curioseando estes días entre as páxinas da reedición, moi oportuna e meritoria, duns textos galegos que, debo confesar, descoñecía. Os textos dun sabio, moi sabio e moi humilde, que deben ser pioneiros na expresión científica stricto sensu na lingua de nós. Entre 1931 e 1934, o presbítero lalinense Ramón María Aller dába ao prelo un total de oito artigos de divulgación sobre temas de astrofísica e matemática que viron a luz na revista Logos. Boletín Católico Mensual, que fundaran en Pontevedra Filgueira Valverde e Iglesias Vilarelle, e que se editou ata o 36. Estes traballiños, malia o tempo transcorrido, están para un lector curioso cheos de interese e translocen unha alma limpa e honesta, mesmo cando -o que ocorre no primeiro artigo Unha falla de honradés científica- o investigador enfronta a verdade científica implacable á verdade revelada polo Deus no que xurdiamente cría. Os artigos habían de ser xermolo para unha obra máis ampla de divulgación da astronomía en galego, pero o fluír dos tempos vedou tal posibilidade, cando menos no que atinxe ao soporte idiomático xenuíno, pois a obra viu a luz, en efecto, en 1948 pero en castelán: Astronomía a simple vista (que nós reeditamos facsimilarmente en 1998). A Deputación de Pontevedra, con limiar do propio Filgueira, recompilounos en 1989 baixo o título Os ensaios en galego, e agora, vinte anos despois, co gallo do Ano Internacional da Astronomía, foron reeditados en facsímile non venal polo Observatorio Astronómico da USC e a delegación galega do CSIC.
No curso das conversas e consultas técnicas pertinentes, o promotor da publicación preguntoume se, ao meu xuízo, a pouquidade destes traballos faría merecente ao bo crego do Día das letras galegas. Dinlle a miña opinión co rogo do maior segredo e discreción, que despois todo se sabe.

4 comentarios:

apicultor dijo...

Só para enviar un saúdo. Que saiba que o seguimos lendo.

Juan L. Blanco Valdés dijo...

Amigo Api: na desproporción entre o traballo que xeran estes meus indefensos artigos e o seu impacto mediático, atopar fidelidades como a súa resulta, alén de reconfortante, emocionante. Moitas grazas, unha aperta e un forte gliker.

cãosemdono dijo...

Estou totalmente dacordo coa súa reflexión. Tanto é así que eu, que hai moito tempo que sei que os mass media eses non son senón puro terrorismo informativo, estou medio enganchado a unha sección do xornal Público que precisamente se chama así: La Ciencia es la única noticia. Cousa da que estou íntimamente convencido, ademáis.

Saúdos!

Juan L. Blanco Valdés dijo...

Terrorismo informativo, en efecto:pódese dicir máis alto pero non máis claro.
Como París para Rick, sempre nos quedará a ciencia.
Un cordial rizifyin.