25.5.07

Aurea minoría

Ao mellor, respostando ao cuestionario Proust que tan amablemente me ten remitido en días pasados o xeneroso Marcos Valcárcel atope algunha clave que explique os meus gustos estéticos, en boa medida raros e cunha tendencia radical (é dicir, dende a raíz) a sospeitar da unanimidade. Tendendo un piadoso veo de silencio sobre a identidade real dos seus autores, confeso ter abandonado non alén da páxina 10 moitos dos produtos literarios de recente éxito que me teñen caído nas gadoupas, algúns deles nomes tinguidos de oropel no actual “sistema literario galego” [as aspas son miñas], grazas, por veces, a premios e convocatorias que tanto menudean. (By the way, os premios literarios teñen chegado a ser para os concellos o que os pavillóns polideportivos ou as festas gastronómicas; quero dicir que se un concello non ten, ademais de pavillón polideportivo, non sei, a exaltación do bisté empanado e o premio de narrativa Secundino Codesido, en lembranza do vate local de turno, está condenado á máis crasa mediocridade e indiferenza pública, e o seu alcalde a deixar o “auntamento” en brevísimo prazo).
En troques, e voltando á literatura, non son quen de explicar o escaso eco ou mesmo coñecemento máis ou menos elemental ―fóra as lindes dos especialistas, militantes culturais e adherentes de Biblos. Clube de lectores― de certos nomes que teño para min auténticos rarae aves (plural), en canto ―no fondo― ao universo literario que son quen de recrear e ―na forma― ao uso dun galego que, xa por unha razón, xa por outra, preséntase revestido de orixinalidade, aggiornamento, calidade e potencia expresiva.
Neste caso está Xosé Díaz Díaz. Mozo loiro de avantaxada complexión e aspecto xermánico, coñecino cando, facendo eu parte do xurado do Premio de Narrativa “Historias na Universidade”, lle concedemos en 2003 o galardón por un insólito e extraordinario relato intitulado O dómine indómito, recreación picaresca e alucinada dunha Compostela barroca cun irlandés herexe e botarate polo medio―baseado nun personaxe radicalmente histórico― e un estudantón de baixa estofa que ve rematar os seus días na terapéutica pira inquisitorial. Absolutamente recomendable. A xenerosidade do autor, a quen entón e agora lle agoiro un brillante porvir, levouno a agasallarme en días pasados cun exemplar de A morriña das balas (finalista de non lembro qué premio). O título acena claramente a unha lafuentestefaniana saudade do western e o seu consabido fetichismo de nomes (Flanagan, John Ribera, Jim Mahole), lugares (Mohave, Ridgecrest, o Val da Morte), tribos indias (paiutes e washoes) e demais atrezzo, pero co adubío dun galego de clara débeda (ou resoancia involuntaria) cunqueirana. A habilidade do autor ―xa o foi no Dómine― é mesturar con éxito un idioma de xurdia base popular na turmix dun orixinalísimo artificio lingüístico ao servizo dunha sorprendente ficción desenvolvida con facilidade pero con intelixencia e talento evidentes.
Outro día falamos de Cid Cabido.
O dito: fuxan da unanimidade e os nomes de moda.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Tu blog es la punta de un ovillo imposible cuyo hilo se bifurca y se bifurca y se bifurca... ¡cada vez que entro aquí me pierdo en este laberinto de Teseo durante horas! ;-)

Mil gracias por estas recomedaciones. Ya estoy buscando los libros

Anónimo dijo...

De acordo con vostede no dos premios, pero mais que lamentar que sexan moitos (o que penso non é malo pois estimulan a xente a ler e escrebir, que sempre é mellor que ir de botellón) do que si me laio é de que se os den os de sempre asi mesmos. Como dín os de Madrí: "que cansino, ¿no?". E o terrible, e que despois de ter que ter que asitir entre sorprendidos e divertidos as súas cerimonias de autorecoñecemento como "caste literaria", moitos dos seus libros pouco ou nada aportan ao galego ou a súa literatura(non sempre, claro esta, sexamos xustos, supoño que haberá un día en que Suso de Toro conseguirá superarse).

Polo demais agradezolle as referencias. Espero que me gusten mais que aquel libro de (in)Felix de Azúa que me recomendou unha vez, e no que se recoñecía asi mesmo falando de non sei moi ben que idiota.

juan l. blanco valdés dijo...

Gracias, Independiente, por tu hermosa metáfora. Fíjate qué nombre tan bonito para un blog: El Laberinto de Teseo. Lástima que ya tengo bautizada la casa...! Bicos.

Amigo Solobio:
Non lembraba xa a miña recomendación de Azúa. Lamento que non lle gustara pois a min ségueme parecendo un gran libro. Agardo acertar con esta. Xa me contará. Saúdos e saudades.