19.4.07

Cines de pueblo

Está por escribir a epopea dos cines de pueblo. Cinema paradiso, aquela marabillosa peli de Giuseppe Tornatore ―que ten conmovido a freba máis sensible de moitos, ata o momento considerados verdadeiros «icebergs»― aproximouse moito, na miña opinión, á media das lembranzas de varias xeracións de seres humanos, habitantes dun universo duro e gris cocido ao lume dalgunha posguerra, para quen as salas de cine eran os territorios onde vivían os soños, onde a felicidade e a luz eran posibles, onde había xustiza, as mulleres eran belísimas, os homes guapísimos e os malos inexcusablemente castigados pola súa perversidade. Os cines, de feito, tiñan nomes rotundos e un pouco desproporcionados á mediocridade ambiente; chamábanse Odeón, Capitol Metropol, Salón Novedades, Fantasio, Victoria, Universal, Salón Novedades… No cine había calor, pois tiñan de costume calefacción en épocas en que esta era un luxo; no cine había escuridade, por se a peli non pagaba moito a pena e se podía aproveitar o tempo en escarceos eróticos ―o que en román paladino era meter mano o darse el lote―; pero, fundamentalmente, no cine había maxia, probablemente, en razón do contexto e da actual produción en masa, moita máis da que hai hoxe, ou doutro tipo. Esta maxia é a que explica que, para moitos, a nenez teña como estado xeral do recordo un vencello tan estreito coas salas de cine e a sesión infantil, na sobremesa dos domingos.
Na Estrada, o cine chamábase Teatro Principal, o cal non deixa de ser chamativo pois era, por suposto, o único que había. Eu, os meus irmáns e curmáns entrabamos de balde, pois o finado dun meu tío era o xerente. O portero dos últimos anos era un tipo grande coma un armario, bruto e boa xente. Chamábase, claro, Pepe. Un día de entre semana, estaba o home medio aburrido agardando alguén na porta e chegamos meu irmán maior e eu. Custaba a entrada cincuenta pesestas. El, ilusionado ao oír xente que chegaba, cando nos veu ―como non pagabamos― exclamou:
―¡Pensei que viñan vinte pesos e veñen vinte ostias!
Nunca esquecerei o engado, por riba reservado para moi poucos, de entrar na sala das máquinas de proxección, unhas ciclópeas máquinas marca Ossa, como as motos. Funcionaban cunhas barras de grafito que eu lembro moi ben, que ían envoltas nunha especie de papel brillante. Cando por descoido do maquinista o grafito da barra se consumía, perdíase o contraste do filme na pantalla e producíase unha escena clásica dos cines de entón. O respetable comezaba a ouvear, silbar e mentar o nome do maquinista, cando non o de su puta madre.
Nos retretes olía a zotal. No gran hall da taquilla poñía o seu carriño de chucherías unha señora, sogra dun calamidade que andaba pola vila, de orixe sureña, alcumado Machiño, que botaba a vida na rúa de tasca en tasca e tiña por costume botarlle unha rumba de Manolo Escobar a canta señorita ou señora, mesmo de idade valetudinaria, se lle cruzaba: Es la muneda, es la muneda, en que grabé tu nombre niña rumbera, niña rumbera.
Comprabamos Pipas La Pilarica (qué rica la Pilarica repita) ou Facundo (Y dijo el toro al morir…), bananas de zucre e chicles bazooka. Viamos as pelis de Maciste, El Santo. El enmascarado de Plata, Fu-Manchú… en dobraxes mexicanas irrepetibles, non sen antes tragarnos o No-Do coa inauguración do último pantano por su Excelencia el Jefe del Estado ou a semana santa en Zamora, transida de religiosidad y fervor popular, en aquela voz tan cursi e característica do noticiario cinematográfico da época.
Os comentarios, eséxeses e interpretacións do personal acerca das películas eran máis ben rudimentarios, rozando por veces a obviedade. O feito de ser A Estrada capital dun distrito rural moi grande (52 parroquias) favorecía que as fins de semana menudease polo cine unha fauna de pelaxe rural. Lembro que, á saída desa malísima remake de King-Kong dos oitenta, con Jessica Lange, un tipo comentaba a berros co grupo:
―Me cajo no mono de maría santísima, qué jrande era!
Se saía un barco, alguén exclamaba Ostia, un barco; se un tren outro dicía Carallo, mira que tren; se aparecía unha tía buena, un terceiro apuntaba Ai, como me doe a vista!
Un grande amigo e máis eu estabamos unha vez vendo La mujer del teniente francés e xusto detrás tiñamos a dous sujetos desta índole, con pinta de non teren conectado, precisamente, coa romántica sensibilidade da peli. Creo lembrar unha escena especialmente emotiva na que os protas, Meryl Streep e Jeremy Irons, tras faceren o amor falan deitados. Cando ela lle confesa:
―Cuando hicimos el amor por primera vez, tú no lo sabías pero yo era virgen,
un dos tipos, sen ánimo ningún de facer gracia, só por comentar, lle dixo ao compañeiro:
―Destas ajora xa se ven poucas.
Aínda me estou rindo.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Non fixen comentario no seu día porque non sei que pasou. Este pos pasa á categoría dos superiores. Volveste facerme rir un cacho. Moi ben, moi ben.

juan l. blanco valdés dijo...

Alégrome de que lle gustara. Coma decote, Vde. tan xeneroso. Fondamente obrigado.