25.8.13

Traballólico



Sobre a base do adxectivo alcoholic, a lingua inglesa creou workaholic, que podemos dar no noso romance como traballólico e vale ‘adicto ao traballo’. Que o palabro de marras teña nacido no circuíto sociocultural anglosaxón non ten nada de particular, pois é aí onde se ten desenvolvido, para envexa pailana dos países da segunda división, a idea de que o lecer é propio de lacazáns e tomar ferias unha lacra ignominiosa e signo inequívoco do inútil. Poucas obras do humano pensamento como A ética protestante e o espírito do capitalismo (1905), de Max Weber, expresan con tanta elocuencia a íntima relación entre a idea luterana da entrega ao traballo e o éxito dos países desa confesión no liderado do mundo contemporáneo, un liderado que adquire a súa máxima e máis perversa expresión no acrónimo WASP (White Anglosaxon Protestant). Moritz Erhardt, de 21 anos, afouto mozo de orixe alemán formado en Michigan e bolseiro en Londres do Bank of America Merrill Lynch, era, sen dúbida, un paradigmático WASP. Digo era porque, hai dez días, e despois de currar arreo durante máis de 72 horas por esixencias dos obxectivos que lle marcaba a súa empresa, o seu corpo e o seu cerebro, desenganados e aborrecidos dun ser humano que lles deu tan mal trato, dixeron basta, ata aquí chegamos, meu, e simplemente se desligaron para sempre. Eu creo que os corpos e os cerebros dos seres humanos que habitamos máis ao sur das frías latitudes nórdicas reciben dos seus propietarios mellor pago. A sesta, o pasmoneo, as pontes de fin de semana, as cañitas de media tarde e as eternas tertulias en horario laboral para arranxar o mundo, lonxe de representar unha vergonza incomprensible a ollos dun estresado executivo de Manhattan, constitúen, ademais de exercicios extremadamente saudables, un patrimonio inapreciable, xustamente admirado por propios e estraños, pois son os mesmos cidadáns boreais e loiros que sorrín perdonando o vida ao pobrecito español os que logo arrasan con chiringuitos, praias, hoteis e discotecas ibéricas en dous meses de estío, antes de retornaren ao durísimo réxime laboral que lles impón dirixir o mundo. De por parte, como curioso impertinente e disciplinado observador das cousas humanas, fago votos porque a patoloxía coñecida como o mal da cereixa (xa saben, «eu quero traballar pero o corpo non me deixa»), unha enfermidade paradoxalmente recomendable, non se dilúa na tontuna sistemática de crer que todo o que vén de América ou a pérfida Albión é o mellor. Vale, salvemos o cine, os Beatles e o rock’n’roll.

13.8.13

A cordura do ácrata



Unha enquisa recentemente publicada por un medio nacional reflicte que o 54% dos españois pensan que España non é un país serio, é dicir, responsable e de fiar. A enquisa atribúe tan decepcionante percepción á «cada vez máis insoportable constatación de que boa parte das nosas institucións e figuras públicas non están sabendo estar á altura que a nosa sociedade merece». Ben sei o que son as enquisas e o comprometido que resulta establecer relacións de causa-efecto en magnitudes sociais. Por outra banda, como fillo da transición entre os rigores dunha ditadura e o bálsamo da democracia, aprendín a facer bandeira da tolerancia e motor vital da liberalidade de criterio. Por iso mismo, tendo a rexeitar o argumento, no fondo reaccionario, de que, como cantaba o vate, calquera tempo pasado foi mellor e, en consecuencia, imos permanentemente a peor. Pero o certo é que o momento actual semella sancionar con creces as verbas do poeta. Hai unhas semanas, en ocasión de certa xornada profesional na Vila e Corte, oín un afamado escritor referirse á baixeza da nosa sociedade, abranguendo no substantivo os aspectos morais e intelectuais da mesma. E, contra o criterio da enquisa amentada, non teño eu claro que desa baixeza e falta de confianza sexan os nosos políticos os únicos responsables. Os males dunha sociedade xéranse, estimúlanse, conséntense, espállanse e, finalmente, establécense en procesos nos que toda a sociedade, xa por comisión, xa por omisión, é partícipe. Alguén lembrábame ao respecto as palabras dun xornalista, segundo as cales, a partir dun momento dado, en España as cousas deixaron de facerse segundo o criterio de «por que» para pasar a facerse seguindo o criterio de «por que non». Hai uns días, asistín na praza pública de certa vila mariñeira a unha sorte de festa de disfraces na que, perante un milleiro de cidadáns unha especie de dj-presentador subido a un escenario organizou un concurso: os participantes, tamén subidos ao escenario, disfrazados e con claros síntomas os máis deles de intoxicación etílica,  gañaban 100 euros se eran quen de «morrear» (literalmente) coa súa parella (segundo tres grupos: hetero, gay masculino e gay feminino) durante os minutos dunha canción. Pode imaxinarse o espectáculo subseguinte, para universal contento do respectable, no que, por certo, se contaban non poucos nenos e nenas. Son momentos nos que un lembra a cordura do ácrata: parade o mundo, que eu me baixo.

7.8.13

Pés de lama



Nunca deixará de chamarme a atención o paradoxo de que, mentres Galicia é, como todas as culturas de base rural, antropoloxicamente conservadora, no país se acepten, e aínde estimulen, mudanzas inexplicables en sociedades cunha vivencia máis sólida e dinámica das súas tradicións. O desexo desesperado de abandonar modelos de vivenda e poboamento, admirablemente adaptados ao medio, e substituílos brutalmente por adefesios híbridos fenómeno que está na orixe do abominable feísmo e o salpicón urbanístico tan tipicamente galegos é unha clara manifestación de tal paradoxo: é como renegar da miseria secular dos devanceiros, da súa casa e da súa aldea, e buscar no «palafito» pegado á estrada un estatus de cidadán máis moderno. Aínda máis sorprendente é a extraordinaria facilidade con que se esqueceu en Galicia unha cultura de inveterada necrofilia, suplantada mecanicamente por tanatorios que, en menos de vinte anos, inzaron o país: os interminable velorios cas do finado, os prantos, o bacallao con que se cumprimentaba a amigos e deudos, as misas cantadas… son hoxe imaxes para a lembranza, e bo é que o sexan, pois, independentemente da súa interpretación social, non negarei eu as incontables vantaxes da magnífica organización actual das pompas fúnebres e a benéfica distancia que, en delicadísimos momentos, impón a asepsia dos tanatorios. Comparar óbitos e natalicios no xornal é outro exercicio clave para a comprensión do paradoxo de que falo: nas ringleiras dos falecidos forman Avelina, Nemesio, Ramiro, Manuela, Celso e Celestina; nas dos neófitos Kevin, Adriana, Yanira, Borja, Yesseny e Aarón. Creo que Galicia é unha sociedade con pés de lama na que a interpretación popular da cultura propia está tinxida de traumas e complexos. O verán é un excelente escenario para observar a veneración das tradicións populares: as romarías? Home, digamos que todo o que se relaciona cun catolicismo fanático cae dentro do politicamente incorrecto para o discurso actual, e iso de ir colgando billetes na figura dun santo ou meter meniños vivos en ataúdes brancos é un espectáculo abochornante, que mal casa cunha sociedade europea e aberta. As festas patronais? Mentres toque a Panorama… Tradicións? Aí teñen a romaría viquinga de Catoira, unha exaltación etílica máis, cun alicerce histórico tan feble como os cornos nos cascos normandos. A tradición levámola no calleiro: festa do chourizo ao viño, festa do salmón, da troita, do escalo, da xouba, do lorcho, do melindre, da leituga, do tomate asado e do muxo en escabeche. E, para postre, a esperpéntica pantomima dunha «festa celta», tan en voga, na que o druída é o xefe de estudos do instituto e Fata Morgana unha concelleira do Bloque. País.

25.7.13

Angrois



Normalmente, quen visita o Pico Sacro accede ao cumio dende a N-525, en Lestedo, e retorna á capital de Galicia seguindo o mesmo itinerario. É mágoa, porque a estrada local que dende o Pico se dirixe a Santiago por San Lourenzo da Granxa e Aríns é unha sucesión de paisaxes virxilianas, vizosas leiras flanqueadas por bosques mestos de fronda e misterio, máis agora no ecuador do verán, xusto antes de que agosto tinxa defintivamente os verdes de amarelo, síntoma primeiro da inevitable transición cara ao outono. Seguía eu a principios de semana este traxecto, voltando contra a tardiña dunha deleitosa excursión ao Pico acompañado do meu hiperactivo beagle. O último núcleo antes de acceder ao casco da vella Compostela, polo enxebrísimo barrio de Sar, é a aldea, ou máis ben barrio rururbano, de Angrois, que amosaba a sinxela ledicia das súas festas estivais en forma de bandeirolas multicolores que atravesaban a vía. Dende a estrada contémplanse os accesos ferroviarios á cidade, salientando un enorme viaduto, que testemuña a capacidade admirable da enxeñaría moderna. Na noite do mércores, chantado no meu sofá diante da televisión, combatía amargamente a incredulidade e facía esforzos para relacionar o feliz escenario crepuscular dun grato paseo co dantesco escenario crepuscular dunha traxedia sen paliativos. O finado de meu pai, en paz estea, saltaba sempre as páxinas internacionais do xornal. Un día pregunteille e díxome: "Pero ti pensas que a min me importa o que pase en Afganistán ou Australia?". É un misterio por qué nos afecta máis un morto a carón da casa que cincocentos en Nova Delhi. Somos imperfectos, contraditorios, paradoxais. Somos humanos. E, como humano transfigurado, o patrón deste furancho galáctico chora bágoas que queiman, que non teñen, nin queren, consolo. Toca chorar e sorber os mocos ata cansar. Cando isto escribo son 78. Eran fillos, irmáns, amigos de alguén.78 soños, ilusións, proxectos irrepetibles e únicos. Confeso a Vde. que hoxe preferiría escribir outra cousa, algo frivolón, refrescante como a bris do verán. Pero a bris do verán é hoxe fume ardente e non teño o corpo para brincadeiras. Son o pai, o irmán, o amigo dalguén e, en tal condición, quero sumarme ao pranto colectivo dun país que sabe chorar, na fin da xornada e cando todo o humanamente factible está xa feito, coa nobreza e o orgullo de quen estivo á altura de tan durísimas circunstancias. O tempo que nos toca vivir é unha gran folla de papel en branco e só depende de cada quen o que alí se escriba. Logo, claro, está iso que chamamos destino.  

22.7.13

It o que se sexa



Seguramente lembra vostede aquilo de agora que aprendín a dicir pinícula, chámanlle flin. E é que, en punto a denominacións modernas, non hai quen manteña o tipo. Qué digo denominacións! Mesmo as ocupacións profesionais evoluíron, ao ritmo dunha sociedade cada vez máis consumista e sofisticada, de xeito que un se arrisca a parecer un pailán se non sabe o que é un CEO ou un Cool Hunter. Que non o sabe vostede? Pois vaia poñéndose ao día, recoiro, que así non se pode saír da casa! Non vaia ser que lle presenten un fulano dicíndolle que é o CEO dunha empresa e se lle ocorra mirar para arriba! Un CEO é o mesmo que director executivo pero dito á moderna: Chief Executive Officer, que fica máis de lo last. E un Cool Hunter? Tampouco? Pero, hom, a vostede hai que llo explicar todo! Un Cool Hunter é un tipo ou tipa que se adica a axexar nas últimas tendencias da moda a asesorar a xente de posibles para que vaia á última e mesmo a firmas, especialmente de moda, para que remocen a súa oferta en función do máis in do momento, de aí que a súa tradución máis común a román paladino sexa ‘cazador de tendencias’. Estas chorradas, propias dunha sociedade opulenta e aburrida de case todo, conducen á sensación de que, como innovar é unha quimera, o que prima é rebautizar as cousas para semellaren novas, o que ten tanta maior importancia canto que a apariencia persoal e a vestimenta son, ao día, indicios claros da nosa categoría; iso que agora chamamos look e o poeta, moito máis sensato, chamaba torpe aliño indumentario. Aí teñen, por exemplo, a figura, etérea, exquisita, universalmente envexada, da it girl. Unha it girl é o mesmo ca unha chica ye-ye dos sesenta, coa diferenza, claro, que vai de ser de Nova York a ser de Valladolid e de chamarse Olivia Palermo a atender por Concha Velasco. Unha chica iso, iso é unha it girl, unha señorita que posúe iso, é dicir, o conxunto de características persoais, indefinido pero compacto, tal vez hetroxéneo pero perfectamente perceptible, que a converten nun paradigma do glamur, a moda e as últimas tendencias. Vamos, o mesmiño que aquela moza que, no seo dunha sociedade gris que fedía a incenso e ouriños secos, tenía mucho ritmo, cantaba en ingles, el pelo atolondrado y las medias de color. Funcionar a base de modelos é moi humano: que as señoras e señoritas pretendan parecerse a Alexa Chung, Olivia Palermo ou Sara Carbonero é tan orixinal como o foi no seu momento que as nosas avoas e nais quixera imitarlle a Mae West, Marlene Dietrich ou Kim Novak. El haberá tamén un it politician, un político que teña iso, que todos os políticos queren imitar? Non me fagan falar, que despois parezo un bicho raro!