6.5.17

Unha milanesa de porco



En certo colexio público, tres nenos xogaron unha mala pasada a outro facéndolle crer, na hora do xantar no comedor do centro, que estaba papando unha milanesa de polo cando, en realidade, era de porco, pois, co conto do empanado, a carne ía disimulada. A cousa, claro, non tería máis transcendencia se non fora porque a vítima da brincadeira é musulmán. Como é lóxico, e por demais esperable dun funcionamento social afeito ao esquema semiautomático ‘estímulo-resposta’, no colexio armouse o lío padre, no que, supoño eu, sería bastante complicado deslindar a trastada irreflexiva de tres calaveras de dez anos e as consecuencias, matices ou lecturas eventualmente xenófobas ou racistas, tan delicadas nunha sociedade mestiza como a nosa. A min, persoalmente, que teño certo tendencia a desmarcarme no que podo da matraca politicamente correcta (malia que logo me poñan de verán), a chuscada dos cativos, preguntando ao seu colega se o polo estaba bo, semelloume merecente da mellor portada de Charlie Hebdo, dito co respecto que profesa a todas as relixións este menda, que non cre en ningunha. En fin. 
Neste asunto das cada vez máis abundantes e intensas fobias ao distinto (xenofobia, homofobia) eu creo que interveñen varios factores máis ou menos evidentes (o fanatismo, inmobilismo e rixidez inherente a todo credo e/ou ideoloxía, a larvada agresividade que sae á supercificie coa discrepancia, a rendibilidade que os medios tiran destes asuntos… ) pero, sobre todo, unha marcada inclinación colectiva a tomármonos todo demasiado a serio, proporcionando a situacións dignas de menor vitola unha importancia desmedida e atopando pantasmas onde non os hai. Dixo Sartre que o inferno son os outros. Por que non o ceo? Teño para min que o fondo de sublime escepticismo de que facemos gala os galegos, iso tan engaiolante e indefinible que chamamos retranca, é un antídoto infalible para ese rico catálogo de noxos e xenreiras cara ao distinto, que si se manifestan con crueza noutras latitudes.
Un amigo meu, posuidor dun can de raza carísimo, paseaba co chucho por unha aldea do Courel. Parou a botar un párrafo cun pastor que por alí andaba cunhas cabuxas, e preguntado por este, díxolle que saíra a pasear o can. O fulano, sorrindo, espetoulle: «Bueno. Aquí os cans pasean solos». A isto me refiro.

23.4.17

Un fantasma en San Xerome



Non hai cousa que imprima maior respecto que o tempo. Ao enxergarmos de lonxe as casoupas circulares do castro de Baroña, impresionan os sentidos a beleza salvaxe do enclave, a extraordinaria habelencia daqueles anónimos arquitectos, a dureza dos seres que deberon habitar o poboado. Pero, máis ca todo isto, ou, tal vez, como énfase de todo isto, impresiona o abismo insondable de tempo, a incalculable cantidade de días e anos que nos separan do momento en que homes, mulleres e meniños da prehistoria, os nosos devanceiros, fixeron daquel castro, enfrontado ao océano cruel, a súa casa. Alí naceron, alí medraron, alí amaron, pescaron, loitaron, alí… morreron. Trátase do sentimento, fondo e fascinante, denominado genius loci, o espírito do lugar, e que, máis prosaicamente, a sabedoría popular expresa con elocuencia: se as pedras falaran! 
Eu creo que o fascinio, o enorme potencial de misterio dos sitios vellos foi quintaesenciado polos románticos (especialmente os británicos: Stoker, Mary Shelley, Le Fanu, Matthew Lewis...), quen, en ruinosas abadías, castelos solitarios e casaróns abandonados, troquelaron a etiqueta de literatura gótica para meter medo na xente. Facendo cámping cun coleguilla no adro do venerable mosteiro de Carboeiro, nun máxico mes de setembro de hai ben trinta e cinco anos, lembro, aínda con repelús, as noites que me viña o maxín o escalofriante relato de Bécquer «O miserere», desenvolvido nunha paraxe que, nin buscada con lupa, se semellaría máis ao antiquísimo cenobio dezán.
Postas a falar as pedras, daquela, de certo que en Compostela tiñan conversa para aburrir! Aquí temos de todo, unha variedade de escenarios que faria as delicias dun cineasta de pelis de medo: vellos pazos, casas destantareladas en ruelas escuras, pasadizos segredos, profundas criptas, conventos medievais co morbo da clausura, impoñentes igrexas, mosteiros milenarios, cemiterios siniestros… Pois mire vostede por onde, con tanto trasfondo gótico posible, o bo de Iker Jiménez e a súa Nave do misterio non teñen outra ocorrencia que recalar na reitoría da nosa prezada Universidade, venerable casa do saber, precisamente erixida para espallar a luz da ciencia contra as tebras da superstición, coa supercheria de que por aí, entre vicerreitorías, despachos e salas de reunión, vaga un espírito. Será que Iker entendeu mal iso de que na universidade hai moito fantasma? Será que anda na procura da ánima en pena dun peneene (valla o xogo de palabras), do ectoplasma dalgún vello reitor a quen se lle adebedan uns complementos ou dun titular que palmou sen acadar a cátedra e volve do Alén para seguir armando lío ó equipo reitoral polo atropelo cometido? Que medo!!

9.4.17

A chalana anegada



Un día laboral calquera, hai atrás, por pura curiosidade (acaso mesturada co seu aquel de masoquismo) botei a conta: entre as 8: 26 e as 19: 35h recibín 31 mensaxes e enviei 13 na miña conta de e-mail profesional; 5 máis na conta personal de gmail; 15 guasaps recibidos e 6 enviados; 14 chamadas recibidas ao celular profesional e 10 enviadas, máis catro chamadas perdidas; 9 chamadas ao teléfono fixo. Nun cálculo aproximado, no lapso devandito, botei non menos de sete horas totais diante dun monitor, entre o ordenador fixo do traballo, o portátil na casa e o celular, e máis dunha hora co pavillón auditivo adherido a un cacharro de material plástico cunha radiación electrónica de tres pares de estalos. 
E o máis pistonudo do choio é que xa non nos resulta posible concibir, nin sequera lembrar, un mundo tan pavorosamente incomunicado que non coñecía Internet nin os móbiles. Un amigo meu chama ao seu móbil “o p. m.”, abreviación onde “m” corresponde, claro, a “móbil” e “p” a… Acertou Vde.! Parabéns pola súa perspicacia! Pois ben, eu pregúntome como podiamos ver a tele sen fuchicar seguido no p. m. Pregúntome a que se dedicaban os escolares no recreo, agora denominado ‘espazo de lecer’, cando non había guasap.
Pregúntome que raio de perda de tempo sería botar horas nun despacho sen un ordenador: pode vostede imaxinalo? Pregúntome que demo de atraso era levar a revelar as fotos dunha cámara pleistocénica a unha tenda de fotografía (seguen existindo?). De verdade que xa non o recordo. En troques, e malia ter pasado moitísimo máis tempo, si lembro con nidieza as aulas do estradense Grupo Escolar ‘José Antonio’, nas que, cun frío invernal case antártico, aprendín a escribir cun pizarrín e unha pizarra, da que penduraba, atada a un cordeliño, un anaco de esponxa, a xeito de ‘eraser’ perpetuo.
Eu, e talvez vostede tamén, intúo outros tempos nos que, nunha semana, un recibía ao mellor catro ou cinco cartas e enviaba dúas. Era, en liñas xerais, o propio esforzo do creación epistolar, intelectual e física,  o que exercía de saudable peneira que filtraba as parvadas de falabarato e só deixaba pasar aqueles pensamentos, argumentos e mensaxes realmente necesarios. Hoxe, a facilidade tecnolóxica estimulou unha bulimia textual sen precedentes que conduce a unha servidume espantosa, filla dun invento de Satanás: o e-mail, unha chalana anegada que, malia os nosos permanentes esforzos por achicala, permanentemente volve a anegarse. Ai, aqueles telegramas, aquelas operadoras da Telefónica e aquelas conferencias ‘a cobro revertido’! Cousas do século pasado.