15.10.16

O wonderbra e as cebolas da Costa da Morte

O finado de meu pai era un home,  como antes se dicía, «chapado a la antigua», malia ter ideas progresistas en moitas cousas e ser persoa que, como o país, foi afacéndose, sen traumas nin espaventos, ás novas circunstancias tras a ditadura. Pero nunca foi amigo de chintófanos que puxeran a proba a súa sinxeleza de pensamento. Unha vez, polos Reis Magos, trouxéronlle unha máquina de escribir electrónica, que hoxe semellaría un trebello paleolítico. Moi digno e delicado, para non ferir o afecto de Súas Maxestades, díxonos que era unha cousa demasiado moderna e que prefería quedar coa sua Olympia de toda a vida, pousada no seu venerable tapetiño de feltro verde cos bordes dentados. 
Papá era un home con ocorrencias curiosas e  atrabiliarias, que o facían un chisco anacrónico, tipo de ideas fixas que non había cristiano que llas sacara da cabeza. Cría, por exemplo, que todas as presentadoras da tele, nomeadamente Rosa María Mateo, levaban perruca ou que as revistas do corazón nutríanse de xigantescos arquivos fotográficos e que logo uns tíos buenísimos (literalmente, quería dicir intelixentísimos) poñían os pes as fotos, facendo pasar de matute unha noticia sobre Lola Flores, Dyango ou Pitita Ridruejo, que non era máis que finximento. O bo do  home tocou o ceo en ocasión de avaliar as luces e sombras dunha innovadora prenda íntima feminina que vostede sen dúbida lembrará. Dixo, moi serio e reflexivo: «Eu creo que iso do bonderbra (sic, por wonderbra) non vai ter moito éxito porque ten que causar unha certa desilusión». 
Eu creo que, en moitos respectos, a sociedade que nos arrodea é un inmenso wonderbra, que quere aparentar moito pero é todo recheo e calote. Cando, na sección de xardinaría dun área comercial, descubrín un spray con aroma a herba para pulverizar na relva artificial, case caio de cu. Polo visto, nun libro, dous autores franceses aseguran que George Clooney é gay e se entende dende hai anos co seu perruqueiro e que o seu perfecto matrimonio cunha fermosa executiva libanesa é todo conto para chegaren en 2020 á Casa Branca polo partido demócrata. Vá por Dios. 
Como antídoto ao veleno de tanta falsidade, eu, como meu pai, acubíllome nun kit elemental de ideas que me reconcilian co pouco auténtico que vai quedando.

Na recente visita a unha vella herdade da Costa da Morte, con intención de provernos dalgúns dos excelentes froitos daquela terra pródiga (cebolas, patacas, pementos...), atopei unha reflexión consoladora: máis aló do artificio dunha sociedade hipertecnolóxica e impostada, a eternidade do campesiño, a íntima comunicación do labrador coa terra que nos nutre representa un valor de inmutable humanidade. E iso, creo, é bo.

1.10.16

Politicamente incorrecto

O concepto do 'politicamente correcto', dun ou outro xeito, existiu sempre. Séneca, que era un fulano moi sensible e culto, cría que un cristiano ardendo nunha pira, en xusto castigo ir por aí promocionando o extravagante ideario dun tal Xesús de nación aramea, era politicamente correcto. Enviar, sen máis caralladas, un aristo á guillotina na Francia do Terror era o politicamente correcto. Politicamente correcto era irmos os nenos da miña quinta ao catecismo e o Sagrado Corazón de casa en casa nunha caixiña de madeira cunha fiestra e una veliña acesa era, en tempos en que España fedía a mexo seco, o politicamente correcto. O politicamente correcto define aquilo contra o que todo iconoclasta ou chalao (e é de notar que as lindes históricas entre os iconoclastas e os chalaos nunca fican claras) se rebela, cuspindo o seu desprezo ao que a maioría estima valioso. As estrofas daquela marabillosa peza de Brassens-Ibáñez intitulada La mala reputación constitúen o himno de quen quere vivir fóra do rabaño, decálogo de todo rebelde contra o instituído e reverenciado. 
Hoxe, o politicamente correcto, como tantas outras cousas desta sociedade analxésica, hipercomunicada e artificiosa, transita polos derroteiros da parvada conxénita, que, por veces, conducen a excesos grotescos. Escoitei eu hai ben pouco á certa concelleira afirmar que «é de sabios e sabias rectificar». Sen comentarios. 
Contra a mitomanía, veciña do pensamento único, eu creo que proverse dunha dose de irreverencia é, dentro do respecto ás persoas, un profiláctico bárbaro contra a uniformidade social, causante, como as camisas de Mao, de farto dano á intelixencia. Atopo estes días páxinas sorprendentes do escritor arousán Julio Camba, raro e de brillante pluma, nunha excelente edición de textos do autor sobre Galicia. De Montero Ríos, tan unanimente celebrado nos últimos tempos, cría don Julio que  «todas sus artes de abogado y de político son las artes del labriego: la malicia, la desconfianza, la intriga. Montero Ríos no es filósofo, ni grandilocuente, ni tiene ninguna visión grande de las cosas». Do intento dun galego culto, en tempos de Camba en fase embrionaria e experimental, pensaba don Julio que «no creo que haya un idioma gallego distinto del castellano. Lo que sí creo es que se podría inventar pero a la vuelta de cincuenta años este idioma gallego llegaría, lógica y fatalmente, a confundirse con el idioma castellano».
Mimá! Con estas ideas, hoxe o Sr. Camba  había andar con escolta…

5.9.16

Unha caixa de tomates

A sombra da lenda negra hispana é ben alongada e adéntrase sen dúbida en múltiples aspectos da España contemporánea. Recurtada contra o horizonte, a negra silueta do touro, emblema famoso de certa bebida espiritosa e especie catalogada xa, por certo, en extinción, constitúe de seu, e para alén do seu valor intrinsecamente publicitario, un crisol onde se funden boa parte dos medos e obsesións que, malia unha edulcorante modernidade, nos alicerzan como sociedade. O aillamento, a razón crúa da forza, a violencia, o exterminio calculado…  semellan seguir aparecendo como pantasmas do pasado cada vez que, ben entrado o século XXI, se exhuman os restos dalgunha vítima esquecida do 36. A setenta xustos anos daquel cataclismo civil, moitas das razóns que alentaron tan brutal contenda entre irmáns continúan nutrindo un insoportable clima de permanente enfrontamento político e social:  a matraca da cuestión territorial, unha conciencia de nación sempre na UVI e a obvia imposibilidade de que dereita e esquerda cheguen a calquera entendemento. 
De por parte, creo que o esforzo que a sociedade fai diariamente para superar este clima tan grato á nosa clase política evidencia que o grao de maduración social de España é proporcionalmente inverso á calidade dos seus políticos. Porque aquí, non o esquezamos, negociamos todos e todos cedemos cando toca: pais con fillos e fillos con pais, esposas cos seus homes, colegas de traballo, veciños de urbanización, mestres con alumnos… argumentan, falan, escoitan, encírranse e perdóanse para chegaren finalmente a a acordos nos que asentar a convivencia e o progreso da familia, da comunidade de veciños, da empresa, do colexio. Pero o que é norma de conduta na vida cotiá dos cidadáns semella algo inatinguible na turris eburnea onde habitan os nosos políticos, máis preocupados de trackings e enquisas ca da vontade de servizo (esta, como o o touro do coñac, outra especie en extinción). 
Dá o mesmo. Sempre haberá motivos para reconciliarnos co mellor de nós propios. Nos remates deste caloroso verán, e tras varios días no aloxamento rural de certa serra apartada e fragosa, tocou, como é natural, abonar a factura, moi económica, a verdade. Como queira que durante as ceas deses días gabamos moito  a calidade dos tomates (caseiros, frescos e extremadamente saborosos), antes de marchar a propietaria regalounos unha caixa de fermosas hortalizas, algo inaudito noutras latitudes, tal vez máis prósperas e influíntes no concerto das nacións. 
Poida que non teñamos goberno; pode, mesmo, que non teñamos remedio e pode, seguro, que este non sexa o mellor país do mundo. Pero ten cousas que o fan especial. Humano, diría eu.

Poida que non teñamos goberno; pode, mesmo, que non teñamos remedio e pode, seguro, que este non sexa o mellor país do mundo. Pero ten cousas que o fan especial. Humano, diría eu. Non é pouco.

10.8.16

Ata que o corpo aguante

Hai uns días fun convidado a unha romaría campestre, típica do verán nunha aldea de Galicia. Dito así, «romaría campestre nunha aldea de Galicia», a cousa soa a xeórxico folklore decimonónico, tan do gusto daquela Cova Céltica de farmacéuticos, avogados e funcionarios do catastro que puxeron polainas, montera e unha gaita ao vello mito rousseauniano do bo salvaxe e sentían, desde as súas levitas de pequenos burgueses e mesas de camilla con braseiro, moita mágoa do pobre labrego, asoballado por trabucos, cregos e caciques. 
A tal romaría campestre respondía en todo ao modelo da festa jolgorrio que, por decreto, se institucionaliza en Galicia dende o 15 de xullo ao 15 de setembro, un modelo, tan apreciado de propios e estraños, fundamentado esencialmente nun kit moi concreto: o exceso, a vulgaridade e a máis abochornante mixtificación. Nas, tan en voga, festas celtas do país (cuxa tradición é tan apócrifa como o propio mito celta), o druída é o taxista do pueblo, tan parecido a un celta como a Mickey Mouse, e Fata Morgana a señora da mercería, que foi pola mañán á perruquería e por non quitar, nin quita nin as gafas. Os viquingos da romaría famosa son tan escandinavos como podían ser calmucos ou nativos da península de Kamchatka. As tendas das feiras medievais (e non hai xa vila que non teña a súa) son de aglomerado e os xoglares, cetreiros e moinantes, postizos como un bisoñé. Tan enraizados certames teñen como guinda un elemento tan celta, viquingo ou medieval como as cumbias do Combo Dominicano.  
Non importa. Nun país de  ídolos de pés de lama, o caso é ter un motivo (se baseado ou non nunha tradición é o de menos) para dar renda solta á catarse colectiva a través do exceso: comer, beber, bailar, berrar, suar… 
«Ata que o corpo aguante» non é máis que a tradución moderna daquela expresión propia do subdesenvolvemento e a fame: «quitar o corpo de mal ano». Ata que o corpo aguante, tal é o elegante mantra da intemperancia e o leitmotiv de calquera festa estival do país, directamente relacionado co culto primario aos praceres do estómago, ao balbordo e ao abuso dos instintos, propio dunha sociedade civil á que lle falta unha fervedura, ou, tal vez, dúas; unha sociedade rururbana na que a transición entre a bucólica harmonía da muiñeira, que tanto admiraban Murguía e os seus colegas, e o estrondo da Panorama durou tanto como o suspiro dun malvís.