4.2.10

Caballeros de la fortuna


Cando un grupo de adolescentes (situémonos: A Coruña, 2010) deciden facer algo como representar Bodas de sangre do pobre Federico, alguén, deputado para tal mester na Consellaría do ramo, debía tomar boa nota e incentivar aos chavales con algunha sorte de galardón, mención de honra, bonificación académica ou estímulo dinerario. Non deixa de ter pouco mérito, ao meu modo de ver, que, lonxe de consolas, twentis, chats e descargas en liña, uns rapaces recuperen a inmortalidade dun texto escrito cando o mundo aínda era en branco e negro. Pero, ca!, neste paisiño noso, onde somos máis papistas ca o papa, un país no que hai dez anos os dereitos de propiedade intelectual eran tan respectados como as moscas no verán, a bendita SGAE pretende cobrar 95 euros a este grupo de animosos e cultos muchachos. De veras que este tan enxebre maximalismo hispánico non ten nin límite nin cura. Aquí, meus amigos e amigas, de non termos nada a termos o máis progresista, avanzado, moderno e chiripitifláutico do planeta non hai máis ca un paso. O mesmo paso que existe entre facer respectar lexitimamente dereitos inalienables e poñer atrancos, do xeito máis burdo, á comunicación e extensión da cultura.
De por parte, e como mera suxestión, creo que unha calivera con duas tibias cruzadas en x por embaixo faría un logo ideal para a nosa benemérita Sociedad General.

29.1.10

Coincidencias

"Gabo" García Marquez deu inesquecible forma literaria, entre Arcadios e Aurelianos, a esa tan humana tendencia a perpetuar as calidades da nosa propia estirpe trasladando, de xeración en xeración, os mesmos nomes de pía a diferentes individuos, por se, como trasunto da homonimia, tamén as características persoais fosen hereditarias. No caso da miña tribo Blanco menudean os Germán, Mario, Segismundo, Juan, Carmen, Pedro... E tamén os Robertos. Tres, polo de agora. Entre 1891, data de nacemento do primeiro, e 1994, data de nacemento do terceiro, media un. Naceu en 1957. O primeiro Roberto era irmán de meu avó paterno. O terceiro é meu fillo. O que vai no medio, meu irmán. Curiosamente, coa homonimia, semellla que o primeiro Roberto e máis o segundo herdaron o gusto pola pluma como arma da liberdade e a integridade das persoas. Non sei que caste de inspiración tivo o meu pai o día que bautizou o meu irmán pero, polas trazas, acertou de cheo. Ao primeiro Roberto, que viviu adoecido dunha patoloxía letal que el denominou hipertensión cívica, matouno no outono de 1936 a mesma toxina de fanatismo, necedade e intolerancia que guiaron a pólvora, a mecha e o cámping gas que a outra noite estouraron cas de meu irmán. Ben o dixo Cilia: as moscas mudam, só a merda nao varia.

27.1.10

Amor librorum

En Viaje a la Alcarria -impagable texto ao que retorno cada tanto-, un neno pregunta ao viaxeiro se o pode acompañar uns hectómetros e o viaxeiro respóstalle que si, claro que o pode acompañar uns hectómetros, porque o viaxeiro sente unha enorme, infinita tenreza polos nenos que din cousas como hectómetros. O que lle pasa a CJC cos nenos que din cousas como hectómteros, pásame a min cos libros que edito. Sinto unha enorme tenreza, un enorme afecto por cada un deles.
O meu último argumento trataba do déficit da individuación do produto nunha época de superprodución. Hoxe, o meu distribuidor, un tipo moi sabio que sabe moito de libros, púxome na pista -dende o outro lado da barreira- da tendencia innata do editor á excesiva individuación do produto nunha época de superprodución. O editor esmerado mima os seus libros; tal un ourive, preciso e minucioso, lima cada unha das súas arestas; ve tan perfecto e ben engalanado o vástago do seu labor que, coma Gepetto, querería dotalo de alma viva pois non lle abonda con observar un ente inerte. Ben se ten dito que non hai nada que ofenda, nada que agreda máis ao editor de raza ca a a errata que pasou inadvertida. Porque, nun exceso case patolóxico de individuación, o pai da criatura, vendo aquela inmunda e indesexada mácula, convéncese de que, por moi agochada que estea, será o primeiro no que repare quen abra o libro. Pero, que é o que ocorre cando o obxecto de tantos desvelos e angueiras, chega a mans do distribuidor e, das deste, ás do libreiro? Pois que é un libro máis entre milleiros de libros. Aló queda, desdebuxados os seus primores e excelencias, nos andeis inmensos, nos ciclópeos expositores do establecemento, coma un náufrago en mar escura que chora os seus amigos perdidos para sempre, coma o neno aquel de Castelao, todo mel e perindengues, que cando morreu por bala traizoeira só acertou a dicir: Ay, mamaíta!

22.1.10

El libro amigo

O malo da sobreabundancia é que dificulta a individualización. Un ve tantos coches, tanta xente que ten tantos coches, que mira para a súa propia voiture e parécelle o colmo da ramplonería. É, todo o máis, un cacharro móbil, onde pasamos moitas horas, que nos traslada de acó para aló, pero con fronteiras difusas, que se esvaen entre os límites dos milleiros de coches que nos arrodean, un obxecto sen poesía nin personalidades propia, do que -oh, ingratitude!- nos desfaremos cando toque mercar outro sen importarnos maldito o pemento.
O outro día fun vítima dun roubo do que, paradoxos da vida, me alegrei. Roubáronme uha bolsa de papel que contiña catro ou cinco... LIBROS!! Un ladrón ilustrado. Coqueteo coa idea de que o gatuno estea gozando tanto de Lo que queda del día de Kazuo Ishiguro (un dos obxectos do ladrocinio) como gocei eu. Digo que me alegrei da culta substraccion pois, creo, se a algo damos pouco valor, cada vez menos, como consecuencia da sobreabundancia, da indixestión editorial na que vivimos, é aos libros. Eu saio mareado cada vez que vou ao PIC de El Corte Inglés, preguntándome se paga a pena adicarse a un mester profesional como editar libros para que, ao cabo, sexan fagocitados polo máis craso anonimato derivado dunha sobreoferta tan descomunal e agresiva. Así é que individualizar un libro, facelo intimamente noso, establecer con el unha sorte de comuñón privada e exclusiva, é unha práctica ignota nos tempos que andamos. Non quere dicirse, con todo, que esa comuñón tan especial derive estritamente de aspectos claramente positivos. Leo estes días unha roñosa, pero extraordinariamente poética, edición de A sangre fría de Capote, unha daquelas edicións populares que Bruguera ("El libro amigo", que marabilloso título para unha colección) puxo de moda nos setenta e oitenta. O libro é un prodixio de o que en edición chamamos baixa lexibilidade: papel de horrible calidade, amarelo do paso do tempo, unha tipografía vulgar e diminuta, marxes pequenísimas, encadernación á americana... é dicir, unha clásica edición de batalla. O libro pórtase mal comigo: en cada nova sesión de lectura, se lle desprenden máis páxinas, o que, obviamente, dificulta en extremo manter nas mans a cohesión global do volume; o corpo tipográfico e o esvaído da tinta comprometen seriamente a miña miopía; mesmo o cheiro, o intenso perfume da humidade resulta embriagador en exceso. É igual. Estou encantado co libro. Por fin teño un amigo de verdade, un compañeiro ao que, cada día, aprendo a querer a pesar dos seus defectos, porque, por riba destes, estame contando unha magnífica historia.

17.1.10

Sen titulo. Sen imaxe.

Unha afectuosa comentarista bótame en cara que teño "castigados" aos seareiros deste remoto recanto de reflexión a un so post semanal. Alén da xentileza, que estimo no que ten de sempre necesario alento, debo recoñecer que, en efecto, ando un chisco preguiceiro ultimamente. E é que hai acontecementos que pesan coma lousas. Sei que a vida segue, que el muerto al hoyo y el vivo al bollo, que amence todos os días... pero por veces síntome extraordinariamente incómodo na miña pel humana. Non debera estar en Haití, botando unha man no que puidera, no canto de andar escribindo parvadas para vinte monas? (e perdón no que lle toque, prezado/a lector/a, pero vostede saberá disimular a miña carraxe). Quero dicir que hai cousas dunha natureza tan absoluta que desbotan a transcendencia de todo o demais. Unha cousa de natureza absoluta, que socava a nosa identidade racional, é que en trinta segundos morran cen mil persoas. Outra cousa absoluta é que nai natura bata con agresividade tan desmedida nun dos países máis pobres do mundo. Estarán Deus e o seu responsable do departamento celestial de actividades sísmicas satisfeitos? En que me diferencio eu de Benedito XVI ou do bispo de San Sebastián?
Preguntas. Preguntas que firen. Preguntas para as que non teño resposta. Non entanto, non sei de que escribir. Non atopo nada que sublime a idea de tanta dor allea, tanta que estraño se me fai non sexa miña..

10.1.10

O espírito do alpinista


Nun momento da extraordinaria peli de Lawrence Kasdan, O turista accidental - da que xa falei nalgunha ocasión-, o irman do prota -un tío raro, como toda a familia- preguntado sobre o seu traballo, resposta:
-Poño chapas ás botellas nunha fábrica de gasosas. Pero, non crea, non é un traballo tan apaixonante como pode parecer a primeira vista.
Cando me preguntan sobre o meu traballo e digo que son editor, que, no esencial, me dedico a facer libros, as reaccións son diversas:
-Ah, xa. Un ah, xa pronunciado coa expresión de alguén que teme contaxiarse de algo perigoso se me toca.
-Qué bonito... e que difícil, non? Aquí difícil debe traducirse por 'absolutamente inútil'.
-E véndese algún? Esta e típica reacción impertinente, dalguén que, na propia pregunta, anticipa a máis obvia resposta, e que, no fondo, cre que dedicarse aos libros é unha perda de tempo, propia de quen non vale para nada de máis proveito.
-Fascinante. A min paréceme un dos traballos máis interesantes que existe. Vale. Alguén sincero. Hai temita. Se iso mo dixera unha guapa moza hai vinte anos na barra dunha disco ás catro da mañán, non respondía de min.
Un tipo que coñezo, bastante primitivo, transportista fixo dunha editorial, recoñeceume unha vez:
-Cajondiós, eu que xurei non volver coller un libro cando deixei a escola, e non fago máis ca carrexar libros dun lado pa outro.
Un espello invertido do que me ocorre a min. Canto máis penetro os arcanos da bibliofilia, máis bibliófilo me volvo. Un amigo convidoume hai pouco a compartir con el os seus tesouros, entre eles, dous magníficos facsímiles leonardinos de Giunti e unha rara Holy Bible, de fins do XIX, unha auténtica ganga adquirida en Londres. Entre copa e copa dun excelente rioja co que o meu anfitrión quixo complementar o erudito encontro, confesoume que a miña visita e interese o reconciliaba co pastón que leva gastado nestas xoias bibliográficas. Ante os meus comentarios, nos que se mesturaban entusiasmo e cuestións técnicas, o meu colega, con expresión melancólica aseguroume:
-O teu traballo é tan incomprendido! Recibo montóns de amigos e nin sequera se me ocorre amosarlle estes libros porque, por baixo das súas palabras forzadamente corteses, non atopo máis ca indeferenza.
En efecto, independemente de vivirmos tempos de crise, creo que, dende a súa orixe, o oficio do editor ten moito do espírito do alpinista: frío, soidade, dor, anonimato... pero a visión dunha paisaxe impresionante, reservada a ben poucos.
Nota: "El espíritu del alpinista" é o título dun artigo xornalístico publicado por Roberto Blanco Torres na década dos trinta.



3.1.10

Mirar

Por moito que unha peculiar tendencia dialectal do léxico de Vigo e o Morrazo teime en contradicilo, mirar non é ver. Un efecto paradoxal da desmesurada carga audiovisual que os nosos sentidos soportan de costume é que vemos pero non miramos. A sobreoferta, efemeridade e evanescencia que caracterizan a cultura informativa contemporánea conduciron de xeito inevitable á merma, cando non á perda, das capacidades de mirar, de interpretar o que vemos, da arte de gozar co simple exercicio da contemplación, prácticas consubistanciais, creo eu, á humanidade ao longo de toda a historia.
De certo catedrático compostelán da antiga usanza contan que reunía contra a tardiña aos seus colaboradores e doutorandos de par dunha gran cristaleira que tiña no despacho para entraren todos en estado extático perante o espectáculo do solpor, a magnificencia do cal, xa por sincera sensibilidade, xa por respecto ás xerarquías, remataba por concitar, en efecto, unha gran unanimidade entre os circunstantes. Estes esaxerados transportes á parte, é certo que a hipertecnoloxía audiovisual mal se concilia co gusto da contemplación por si misma. A cousa é que o labrador que no século XIV ollaba arroubado, impresionado ou aterrorizado a inmensa enciclopedia que para el era o Pórtico da Gloria, tiña todo o tempo do mundo e, ademais, aquel monte de pedra labrada era, con seguridade, o único obxecto nobre que ían contemplar os seus ollos durante toda a súa esforzada e miserable vida. Hoxe, un turista xaponés sinte ferir a súa retina perante o sorriso de Daniel non máis do que lla feriron as gárgolas de Nôtre Dame en París dous días antes, e as explicacións do cicerone sérvenlle para explicar momentaneamente elementos que serán esquecidos en cuestións de horas.
Por estas razóns, os libros –normalmente de gran formato, encadernación en tapa dura e, naturalmente, a toda cor- que responden á tipoloxía de «guías visuais», ben da natureza, ou ben da pintura, escultura, arquitectura, etc. parécenme especialmente atractivos. Eu, polo menos, o paso como un indio, recuperando o gusto perdido da contemplación, a través da detallada explicación de estratexias creativas e simbolismos que hoxe descoñecemos ou non sabemos interpretar.
Hai un cadro que podo mirar durante horas, deleitándome co seu genius loci et temporis, se se me permite a expresión. Trátase da obra mestra de Van Eyck O matrimonio Arnolfini. Poucas veces, ao meu ver, se ten capturado con tal mestría e engado a suave atmosfera de intimidade que destilan a xove parella e o cromatismo e luz da alcoba, onde cada detalle, cada cor, cada moble teñen o seu sentido. A esquerda, no alféizar da fiestra vese una laranxa. Unha simple laranxa. Pois ben, a súa interpretación é complexa: reflicte, primariamente, tanto a orixe mediterránea dos mozos como a súa posición social, pois no século XV era unha froita cara ao alcance do moi poucos. Pero, ademais, simboliza a froita prohibida do Edén, en relación directa coa luxuria e os instintos pecaminosos, santificados, precisamente, en virtude do matrimonio.
Non é certo que somos ananos sobre as costas de xigantes?

31.12.09

365x24=8760 novas horas

Para as poucas almas descarriadas que teñan a feliz ocorrencia de pasar por aquí e para todas as que pasaron no ano que xa remata, vai a miña sincera gratitude por comunicarme o alento necesario e os meus mellores desexos de paz, saúde e ventura. De por parte, agardo seguir na brecha, mentres non falten as forzas e o caletre non amingüe.
Feliz 2010

30.12.09

Portulego? Galegués?


Supoño que a sempre animosa e inasequible ao desalento confraría do reintegracionismo lingüístico andará encantada coa opción que Google -entendo que a través dun acordo puntual con Blogger- implementa en certas bitácoras, como a miña, de traducir a páxina a español tras indicar, literalmente, esta página está escrita en portugués. Con todo, as bondades idiomáticas do tradutor (tal vez por partir dunha base léxica efectivamente portuguesa) son, digamos, limitadas. O que segue é unha mostra tomada do natural. Vai primeiro o texto do meu penúltimo post e, en azul e de cursiva, a tradución:
No entanto, a cultura patria se desenvolve entre academias, unhas reais e outras irreais; aburridísimas e reiterativas presentacións de libros comandadas por un limitado pero permanentemente intercambiable conxunto de rostros dotados dun curioso poder de ubicuidade; unha infinidade de premios literarios, municipais e doutra índole, que son vía segura para unha carreira literaria condenada ás catacumbas dende os seus inicios. Neste circuíto pechado, dende o meu afastamento voluntario a xeito de novo Mendel cos seus chícharos, atopo unha satisfacción tépeda e agradable, unha satisfacción íntima e sen trompeta, cando comprobo que o labor intelectual humilde, calado pero inspirado pola constancia, a ilusión e o rigor, non pasa desapercibido a ollos sensibles, malia non se reflectir de costume nos circuítos "oficiais" da bambolla e os xornais.
Sin embargo, la cultura patria crece entre el mundo académico, las uñas y lo irreal real otros aburridisima y reiteró Presentaciones de libros comandada por un conxunto pero intercambiables limitado de forma permanente dotado posterior curioso ubicuidade poder dun; multitud de la uña de los premios literarios, y de otra naturaleza local , el hijo que a través de Internet para las uñas carrera literaria ordenó las catacumbas dende el principio. En este circuito pechado, palma me llevaron a voluntarios xeito cos de nuevo su chícharos de Mendel, la atopia, Satisfacción de uñas Tepedia y agradable, íntimo y uñas trompeta sen Satisfacción, cando comproba el trabajo intelectual humilde, pero pola proyecto inspirado en la perseverancia y la precisión de ilusión , pasa desapercibido para Ollos no sensibles, Malia no se refleja en los circuitos habituales "oficial" de bambolla y Xornais
Un fantástico gali-matías (e nunca mellor dito). Como para fiarse de Google. Eu creo que hai que tomar a coña tanta hipertecnoloxía é un profiláctico acojonante (e non me pensen mal...).

21.12.09

Aí lle andamos

Conduce a algures argumentar que neste país botamos media vida mirándonos o embigo? Non é só o feito de dicilo teimar en seguir ollándonos o embigo? O meu amigo Arume cre, con razón creo eu, que no rollo patatero da lingua e a política lingüística (por certo, e por joder aínda un pouco máis, pido para o redactor da postal da plataforma Queremos galego dirixida a don Alberto presidente un galardón abondo para coroar tan senlleiras dotes textuais, xapó!) se substancian a metade das enerxías blogosféricas, o cal non deixa de ser inquietante síntoma dunha necesidade, diriamos case xenética, de polemizar. No entanto, a cultura patria se desenvolve entre academias, unhas reais e outras irreais; aburridísimas e reiterativas presentacións de libros comandadas por un limitado pero permanentemente intercambiable conxunto de rostros dotados dun curioso poder de ubicuidade; unha infinidade de premios literarios, municipais e doutra índole, que son vía segura para unha carreira literaria condenada ás catacumbas dende os seus inicios. Neste circuíto pechado, dende o meu afastamento voluntario a xeito de novo Mendel cos seus chícharos, atopo unha satisfacción tépeda e agradable, unha satisfacción íntima e sen trompeta, cando comprobo que o labor intelectual humilde, calado pero inspirado pola constancia, a ilusión e o rigor, non pasa desapercibido a ollos sensibles, malia non se reflectir de costume nos circuítos "oficiais" da bambolla e os xornais. Loli Vilavedra escribe nas páxinas culturais de "Luces" (El País, 18.12.09):
Somos moitas as persoas que pensamos que a cultura galega só poderá saír do recanto no que cada vez se atopa máis acurralada apostando por estratexias que lle permitan ser máis anovadora que aqueloutras coas que compite, que fagan que a cidadanía atope nela solucións orixinais para problemas novos: un destes problemas é, certamente, a superación da antinomia cultura científica/cultura humanista. A esa superación apuntan iniciativas como a versión galega do Tratado elemental de química de Lavoisier, en femosa edición ao coidado da Universidade de Santiago e a Fundación BBVA, e que aparece de xeito moi significativo na colección Clásicos do pensamento universal, a carón de obras de Séneca, Darwin, Freud, Newton ou Max Weber. Nun tempo coma este, na que a mestizaxe é case condición obrigada, o coñecemento ten que ser necesariamente promiscuo.
Conste que non o dixen eu. Permitiráseme, en todo caso, o acceso de leve vaidade, na (pequena) parte que me toca?

15.12.09

Aspiracionalidade? Si, eehh, é dicir... molar

O finado de meu pai, en gloria estea, avogado de pueblo, relatoume un sucedido moi gracioso, no que se demostra o necesaria que, por veces, resulta a transgresión dos límites sociolingüísticos en beneficio da mellor comprensión dos conceptos. Celebrábase un xuízo, por demais chocarreiro, no que pesaba sobre o encausado a morte dunha cabuxa. É o caso que o tipo, dipsómano adoito pero cegado na noite de autos por unha inxesta etílica de especial intensidade, tras procurar abusos deshonestos cunha veciña de idade provecta que se lle opuxo valientemente, ben como venganza, ben como canalización do ímpeto erótico insatisfeito, decidiu orientar o calentón ao devandito animal caprino, que se atopaba na eira da casa, atado a unha estaca. Sexa que a resistencia do cadrúpedo foi grande, sexa que a forza de empuxe do pretendente excesiva, ao cabo a cabra finouse, aganada polo cordel que a suxeitaba. Con ocasión da vista oral, a xuíza, que era muller seria e estatuaria, inquiría á caraja da vella sobre as intencións do asaltante:
-¿Practicó el coito el aquí presente, don Fulano, con usted?
Ao que a outra respostou non entender. Insistía a xuíza:
-Le pregunto si llegó a consumar con usted el acto sexual.
-Eu non lle entendo o que me quere dicir.
Meu pai, que era o defensor de oficio, interviu:
-Con la venia, señoría, e dirixíndose á vella
-Que si a fodeu.
A vella replicou que o outro (literalmente) estivera chuza que chuza pero non fodeu nada, máis quixera.
E así que unha palabra acolle a claridade e plenitude do significado, mentres outra, que vale o mesmo, resulta escura, opaca e pouco lúcida.
Nun interesante artigo, curto e de lectura amena (que é moito dicir), sitúase o e-book como o gadget (dispositivo-cacharro-cachivache-chirimbolo provisto dun atractivo tecnolóxico, cfr. wikipedia, sub voce) capaz de converter a edición e a lectura (polos extremos dun mesmo proceso) en algo con aspiracionalidad, palabro opaco e feo, moi de hoxe, que os autores traducen piadosamente por molar. Ah, isto é outra cousa! Aspiracionalidade e molar. Se, de feito, a lectura amosa tan baixos índices entre os adolescentes e pola ausencia de aspiracionalidad [do libro], de ser un objeto cuyo consumo ostentoso diga algo de quien lo porta, por la incapacidad para transmitir valores deseables del consumidor. O e-book, en troques, é un gadget que pertence, cando menos de momento, ao terreo dos consumos deseables, do que "mola tener", fundamentalmente caracterizados, entre outros trazos, pola súa rápida obsolescencia.
Eu, que observo o mundo co rostro saudoso de quen lembra con moitísimo amor o seu pasado, creo cada vez máis firmemente que, ao igual que ocorreu co trebello de Gutenberg hai cincocentos anos, nada será como foi ata hoxe e que é posible, mesmo probable, que pese sobre o libro impreso unha sentenza inapelable. E, con todo, non podo deixar de sentir un punto de tristura, un chisco de honesta e tenra compaixón, ollando os centos de libros que me observan dende os seus andeis, moitos deles amigos de vello, preguntándose, preguntándome, sen que teña eu resposta, o tempo que lles queda

13.12.09

Dubito ergo sum

Teño este local ultimamente abandonado. Cada vez que entro nel e observo que o último post ten seis, sete, dez, doce días... sinto un desasosego que daría para outro libro como o do vate lisboeta. De feito, aínda que poida soar a excusa va, isto que escribo, o escribo para safarme da vergonza de recoñecer que non teño de que escribir. A política, o AVE galego, a folga de fame de Aminatu, os últimos escándalos inmobiliarios, a grisalla que anega a cultureta patria, a amenaza do e-book, a fin da crise anunciada polo presi (lagarto, lagarto!) son outras tantas lousas sobre o meu espírito xa aburrido, de escasa ou nula capacidade de mobilización para unha reflexión minimamente orixinal, irónica ou chispeante.
Os adolescentes teñen unha idea sobre o amor que se lle parece moito aos caprichos dos nenos que, en moitos sentidos, aínda son. É un amor pouco serio, nada sistemático e por completo afastado da idea do compromiso. Poñamos que Dani, dezasete anos, anda tolo detrás de Vane. Despois de catro meses de ofensiva, cando ao final a piba accede, na primeira sesión de morreo, o rapaz descobre un breve, un levísimo refacho de halitose na súa namorada, que bota por terra, nun segundo, unha paixón que el cría tan intensa. Algo así me ocorre a min con esta bitácora. Creo amala con forza arrebatada pero non lle tolero o máis mínimo defecto. E ela, que culpa terá?

1.12.09

Jeux d'esprit

Paseando polo blogomillo, chámame a atención o seria que se pon a maior parte da peña: entre aqueles que tratan sesudos temas profesionais e aqueloutros que converten a súa bitácora nunha aburrida prolongacion do aburrimento dos xornais (xa saben, algo de política, máis política e un pouco de política), substánciase boa parte dos blos do país. Hai nada, onte mesmo, o intelixente comentarista ao meu último post, sentenciaba contundente que hai moito tempo que sei que os mass media eses non son senón puro terrorismo informativo. De acordo. Eu, que como medida profiláctica nunca leo xornais, practico a estratexia, que reputo bastante práctica e por demais sa, de botarlle imaxinación e humor aos elementos daquilo que unha vitriólica revista de hai ben anos bautizou como los eventos consuetudinarios que acontecen en la rue. Atopo un estraño gusto en descontextualizar as cousas e miralas dende a óptica, rica e variada, da súa virtualidade. Algúns exemplos tomados ao chou.
Tamiflú é, con toda claridade, o alcume dun negrito de novela decimonónica, inxenuo, dócil e simpático, como mandan os cánones. Alakrana é, sen dúbida algunha, o nome dunha bruxa de conto infantil, perversa, malévola pero nova, fermosa e sensual: a bruxa Alakrana. Imaxinen qué é estar en cama con dolores de cospedal: pois, iso, que a un lle doe o cospedal e, por mor da doenza en paraxe tan delicada da nosa anatomía, debe gardar cama. Non me atrevo a poñerlle maiúsculas. Pero coqueteo coa idea, non crean.

29.11.09

A honradés científica

Na presentación da laudatio de certo científico paisano meu, que imos publicar no volume 12 de A Estrada. Miscelánea histórica cultural -de saída inminente-, permitinme emitir un breve, e por forza subxectivo, ditame analítico sobre o devir cultural do país. Velaí vai:
Sir Winston Churchill ―de quen pasaron á posteridade mostras dun humor acedo, intelixente e moi próximo á máis fina retranca do país― dixo dun parlamentario laborista inimigo seu que era un home modesto con moitos motivos para ser modesto. En revanche, por fortuna para o xénero humano, tan nutrido de superflua e improdutiva vaidade, existen homes modestos con moi poucos motivos para ser modestos. Non é, de certo, a humildade unha categoría ética, nin ten por que ser prenda de integridade, que si o é. Pero, tras moitos anos en contacto co medio universitario, podo dar fe de que a xente de máis valía é invariablemente modesta, asequible e normalmente inimiga de honras e ouropeis. Tendemos a crer, neste mundo tan sensibilizado cara aos medios de comunicación e o candelero, que a transcendencia dunha persoa se mide pola súa proxección nos xornais e pola súa presenza, ás veces sospeitosamente habitual, en actos públicos organizados, as máis das veces, non polo seu interese colectivo intrínseco senón precisamente para seren reflectidos nos xornais. Xérase, así, unha sorte de circuíto retroalimentado no que resulta xa complicado decidir se é primeiro o ovo ou a galiña, circuíto no que certos nomes comezan a soar con teimosía tal que un remata por convencerse de que, en efecto, deben corresponder a verdadeiras personalidades, responsables de achegas imprescindibles para o ben social. O tempo, ao cabo, pon todo no seu sitio. Outro xénero de xentes, como o frade Mendel pechado na cela cos seus chícharos, traballan recluídos nos seus despachos, aulas e laboratorios, afastados dos reflexos enganosos das mundanas vaidades, e nos seus despachos, aulas e laboratorios van desenvolvendo un contributo que, non por anónimo e descoñecido, deixa de ter un alcance social, este sí, de gran vitola. Pero, en virtude de non se sabe que estraño proceso, outorgamos infinita máis importancia á morea de parvadas da "cultura" (as aspas son miñas) que os mass media, por así dicir, oficializan.
Esta reflexión miña veume á cabeza curioseando estes días entre as páxinas da reedición, moi oportuna e meritoria, duns textos galegos que, debo confesar, descoñecía. Os textos dun sabio, moi sabio e moi humilde, que deben ser pioneiros na expresión científica stricto sensu na lingua de nós. Entre 1931 e 1934, o presbítero lalinense Ramón María Aller dába ao prelo un total de oito artigos de divulgación sobre temas de astrofísica e matemática que viron a luz na revista Logos. Boletín Católico Mensual, que fundaran en Pontevedra Filgueira Valverde e Iglesias Vilarelle, e que se editou ata o 36. Estes traballiños, malia o tempo transcorrido, están para un lector curioso cheos de interese e translocen unha alma limpa e honesta, mesmo cando -o que ocorre no primeiro artigo Unha falla de honradés científica- o investigador enfronta a verdade científica implacable á verdade revelada polo Deus no que xurdiamente cría. Os artigos habían de ser xermolo para unha obra máis ampla de divulgación da astronomía en galego, pero o fluír dos tempos vedou tal posibilidade, cando menos no que atinxe ao soporte idiomático xenuíno, pois a obra viu a luz, en efecto, en 1948 pero en castelán: Astronomía a simple vista (que nós reeditamos facsimilarmente en 1998). A Deputación de Pontevedra, con limiar do propio Filgueira, recompilounos en 1989 baixo o título Os ensaios en galego, e agora, vinte anos despois, co gallo do Ano Internacional da Astronomía, foron reeditados en facsímile non venal polo Observatorio Astronómico da USC e a delegación galega do CSIC.
No curso das conversas e consultas técnicas pertinentes, o promotor da publicación preguntoume se, ao meu xuízo, a pouquidade destes traballos faría merecente ao bo crego do Día das letras galegas. Dinlle a miña opinión co rogo do maior segredo e discreción, que despois todo se sabe.

25.11.09

María Rosa, a Loba

En poucos repertorios léxicos actuais da lingua atopo o precioso especime tangaleirán. Recólleo don Eladio na variante tangaleirón, tangaleirona, valendo 'grandullón, persona desproporcionadamente alta y desgarbada'. De por parte, eu só coñecía (de usalo e oílo) tangaleirán, e tangaleirana ou tangaleirá na forma feminina. Lembro eu unha mullerona do meu pueblo que era o paradigma da tangaleirá: fea, machuna, membruda, de falar roufeño e bruto, palabroteira e de andares engruñados e simiescos. Chamábanlle Generosa, coa gh aspirada tan bonita da gheada da Ulla. Generosa poñía medo. Ela sabíao e rabeaba, e incrementaba a súa xenreira contra o mundo, volvéndose máis intratable. O curioso do caso é que disque lle gustaban moito os homes e que andaba detrás súa como unha gata.
Eu sempre sentín unha simpatía grande e entrañable polas mulleres brutas e fundamentalmente inmunes ao papel de seres subxugados que en tempos pasados se lle atribuía á súa condición sexual. Unha testemuña da escena contábanme dunha señora que coñezo de certa vila, con fama de meiga, que, na súa crise conxugal definitiva, despediu a Antonio, o seu home, con estas agarimosas palabras: Váiteme de diante que che arremango un ostión que vas a rolos polas escaleiras. Isto fixo subir puntos á señora na miña estima. Un claro caso de violencia de xénero.
Disfruto estes días como un parvo cun lápis coa lectura dun delicioso volume en oitavo -coidada edición de magnífica cuberta art déco- de título La loba, o seu autor Antonio Rey Soto, Madrid. -Librería de la Viuda de Pueyo.- Arenal, 6, 1918, vida novelada en característica prosa decimonónica da soada bandoleira galega Pepa a Loba, figura que, como outros tantos esgrevios representantes da heterodoxía ou a marxinalidade, recepcionouse sempre, mesmo coetaneamente, cunha engaiolante mestura de realidade e bretemosa lenda. Apenas (porque non quero liarme) si quero reter a idea de que, lonxe se ser unha tangaleirá, contan que María Rosa (pois tal foi na pila) era fermosa e ardente, malia brava e destemida. Tanto que, con tricornio, o uniforme de reglamento e mostacho de pega, entrou como Perico por su casa no vello cenobio de Armenteira, en Terra de Montes, enganando ao vello abade e liberándoo do feo pecado da avaricia ao baleirarlle a bolsa.
O alcume da nosa heroína, claro, non podía ser outro ca o símbolo antropolóxico do máis temido no país, o lobo, pero volto ao seu xénero feminino (como na raíña Lupa ou no significativo substantivo lupanar), o que intensifica o tabú da agresividade feminina e a inconcibible idea da ruptura de valores establecidos. Un alcume que lle puxo, por suposto, un home.

22.11.09

Unha intrahistoria

Apaixóname a intrahistoria das cousas. Agora, á intrahistoria das cousas se lle chama making of, pero é igual. Daquelas superproducións de Cecil B. de Mille, que eu vía no cine da Estrada de neno, non recordo con especial lucidez as pelis en si senón as relacións que, tras as letras do reparto e os créditos, especificaban o número de metros rodados; a cantidade apabullante de extras; os milleiros de horas empregados na rodaxe ou cantos dromedarios participaron. A intrahistoria dos personaxes históricos interésame moito máis ca a súa historia convencional, e é mágoa que nunca se dedique a aquela máis tempo e folgos por parte dos investigadores. Os versos iconoclastas e surrealistas do Zeca, Nefertite nao tinha papeira, Tutankamon apetite, sempre me expandiron a alma. Saber se Asurbanípal tiña flato, Alexandre Magno dor de riles (digo, de tanto cabalo), halitose Cleopatra (algo tería malo) ou cando lle comezaron os problemas de próstata e incontinencia ao carcamal de Tiberio son coñecementos que me semellan ben máis estimulantes que a estrutura social da Asiria antiga, a expansión helénica ou o ocaso do imperio cos Claudios.
Todo ten a súa intrahistoria. Tamén os libros, que, por veces, mesmo teñen unha intrahistoria bonita, ou cando menos merecente de algún comentario. Sendo que é domingo pola tarde, chove, síntome especialmente ennui e non teño mellor cousa que facer, alá vai a pequena intrahistoria da cuberta que ilustra este post.
O libro é O darwinismo e Galicia, coordinado por Francisco Díaz-Fierros, unha boa idea editorial para coroar con guinda vermella o ano consagrado a don Carlos evolucionista, co gallo dos 150 anos da publicación de On the Origin of Species by Means of Natural Selection, or the Preservation of Favoured Races in the Struggle for Life (fermosísimo título, por certo, que na súa propia fermosura e complexidade expresaba toda a forza do xenio).
No proceso de xestación do volume, cando, tras mediar as fases máis ou menos finais da revisión de probas de maqueta, enfronteime á necesidade, imperiosa e insoslaiable, de fixar o deseño da cuberta, pensei, claro, na solución máis doada: encargala a un deseñador. Un pouco porque cada vez gusto máis de poñer a proba a miña propia creatividade como editor; outro pouco porque, no cadro de persoal de Publicacións, hai un excelente executor técnico das miñas propostas; e un bastante máis porque así aforro en deseñadores uns centos de euros a un orzamento sempre exigüo, púxenme a cismar na cuberta do libro de marras; un libro dedicado, fundamentalmente, á recepción das heterodoxas ideas de don Darwin na esquina verde do último cuarto do XIX, tempos nos que o naturalista inglés debeu ser visto pola rancia curia compostelá coma un heresiarca con rabo. A cousa non era fácil nin debía caer en tópicos; xa saben o anís del Mono, e tal. Tampouco cabía vestir a don Carlos británico de polainas, monteira e poñerlle unha gaita baixo o brazo nin facer aportar o Beagle no Berbés.
Unha tarde de verán, gris e sufocante como moitas no verán do país, e cando ía así adurmiñándome nunha hamaca no pequeno xardín da casa, espabileime présa dunha revelación. Lembrei que na nosa edición galega de A orixe das especies, reproduciamos a carta que Darwin dirixe ao investigador galego López Seoane e na que se le con claridade a fórmula de despedida: I remain, yours faithfully, Charles Darwin. Vale, pensei: podo esvaer a carta cunha especie de efecto de cristal mollado (cousa tamén moi propia do país), non tan esvaído que non se lea, especialmente, a sinatura, e por riba sobrepoñer unha imaxe. Pensei que esta debía reflectir algo caracteristicamente galego e caracteristicamente decimonónico. A imaxe que me viña a cabeza, aquela tarde estival gris e pesada, era a dunha mesa nun xardín pacego, a mesa dun fidalgo adiantado e moderno, a quen os corresponsais lle ían enviando fragmentarias novas sobre un libro que soliviantaba os alicerces da ciencia occidental. Que habería nesa mesa? Libros, mapas, unha lupa... Símbolos do coñecemento; da exploración; da observación... recurtados sobre o verde do reino vexetal. Tiña, máis ou menos, todos os elementos: o xardín, unha vella mesa de té restaurada, de bordos retorneados, que se non é decimonónica, ben o disimula; libros antigos a moreas; vellos mapas; unha lupa que imita antigo... Aí está a foto, artisiticamente recurtada sobre a carta de Darwin. O resto era "cociña": elixir as cores; unhas tipografías de corte clásico (trajan e bodoni) e un grafismo equilibrado. O engarce entre o D e o G (que enfatiza a relación 'Darwin e Galicia' do título) foi unha inspiración de última hora.
Para gustos píntanse cores e non digo eu que sexa a máis fermosa cuberta do mundo. Pero, modestia á parte, teño para min que o ambiente que recrea cumpre coa fórmula conceptual que os contidos do libro implican. En calquera caso, e conectando o xeral co particular, o colectivo co íntimo, sempre que vexa este libro lembrarei unha tarde de verán, pesada, sufocante e gris, unha tarde como aquela do século XIX na que o fidalgo que por un anaco eu imaxinei ser lía no xardín do seu pazo un dos máis impresionantes monumentos da ciencia.

17.11.09

Sons

Disque unha imaxe vale máis ca mil palabras. Non o discuto. Os neurólogos son quen saben das nosas funcións directoras, en canto que seres racionais, e das súas prelacións en orde ao xeito de percibirmos o mundo. Pero intúo que, consonte o proverbio, somos seres fundamentalmente audiovisuais. A comida lixo, as présas, os acidulantes, caramelizantes, potenciadores do sabor e carraxenatos, os E-381, E-296, E-576, E-90, o boro do peixe, o tabaco, os perfumes excesivos, a cervexa de barril, o viño de Lidl, o güiski e os cubatas, a fritanga, o café malo e moito, a bollería industrial e as bebidas de lata e tetra-brik -todos compoñentes insignes do que en termos técnicos podemos denominar boa vida- teñen confinado o noso olfato e gusto aos redutos da marxinalidade sensorial máis absoluta, que faría horrorizar a un Jean-Baptiste Grenouille. O tacto contemporáneo, pola súa parte, é basto, falto de sensibilidade e prosaicamente destinado a un sexo de baratillo, propio da internet e o porno gratuíto, pero desprovisto da sublimidade que lle consagraban un Vivaldi, un Cagliostro ou un Sade. Coñecín eu un magnífico impresor da vella escola que me ensinou que o papel non hai que velo, hai que tocalo. El facíao cos ollos pechos, para que a vista non estorbase a fina percepción dos dedos, coa delectación do xemólogo que aloumiña as arestas dun brillante. Hoxe, sería un friki.
Somos, así pois, membros dunha cultura que ten no audiovisual o seu alicerce, e nunca, por certo, máis ca agora. Creo que, de vérmonos sometidos á terrible disxuntiva de elexir qué sentido perder, a maioría optaría por calquera deles, menos, por esta orde, a vista e o oído. Oímos moito e vemos aínda máis. Cousa diferente é que o fagamos ben e tirando destas percepcións todo o seu zume. Daí que o léxico, que, como a lingua en xeral, é un dispositivo moi sabio e prudente, acerte a diferenciar entre ver e mirar (menos en Vigo onde estes verbos sofren neutralización a prol do último) e oír e escoitar. Vemos e oímos constantemente pero teño para min que cada vez máis perdemos as habelencias de mirar e escoitar. Eu son un gran escoitador e non falo da música (a miña calidade de melómano é universalmente coñecida e non voltarei sobre ela). Non; eu son un gran escoitador de sons e levo feito un suxestivo e íntimo catálogo de sons especialmente suxerentes, alegres ou tristeiros, inquietantes, abismais, melancólicos, estimulantes... Nos Ancares oín por vez primeira oubear o lobo en liberdade. Non lembro ter percibido nunca un son máis nocturnal e enchoupado de lonxanía. As baleas, barritando na mar escura, compoñen un son abisal, a queixa atávica das augas profundas e as simas insondables, que músicos como Michael Gettel ou Andreas Vollenweider teñen incorporado ás súas creacións. O metodismo do ladrido dun can na noite, lonxe de enervarme a min prodúceme un efecto balsámico e relaxante. Por contra, o rechouchío alboral dos melros indúceme unha levedade un chisco depresiva, tal vez a da anticipación do mundo que, inexorable, latexa aí, fóra do ovo. Na primavera, cando o paseo matinal é un exercicio especialmente delicioso, máis ca os olores e as paisaxes, aprecio o son, a acompasada sinfonía da inmensa e maternal natureza, que combina, con mestría incomparable, o canto lonxano do galo e o primor dos paporrubios coa voz pueril dos años e o doce arrumaco da bris. Todo o que don Ludwig van -natural de Bonn, adán e moi mala ostia- decantou no primeiro movemento da súa sublime Pastoral. E iso que era xordo.

14.11.09

Ten que haber de todo


Nun agradable xantar de traballo, recentemente celebrado no seo dunha reunión nacional de editores universitarios, unha periodista profesional -a rigorosa e comprometida responsable de comunicación e relacións cos medios da Unión de Editores Universitarios española- comentábame o escepticismo, cando non franco desprezo, cos que dende a profesión xornalística se ve o "intrusismo" dos blogs pretendidamente periodísticos ou de actualidade sociopolítica, en referencia, claro está, ás bitácoras non dos profesionais que, ademais do medio convencional, explotan tamén a frescura, cercanía e inmediatez do blog, senón aos locais de tanto falabarato como no mundo hai (de entre os cales, por certo, non vexo razón algunha para excluírme; no meu descargo direi que a actualidade sociopolítica, de costume, me la refanfinfla). Non sei se o símil será valido pero penso no curandeiro e no médico. Mentres este se entrega á nobilísima arte de sandar o próximo ou aliviar as súas dores só despois dun lustro de áridos estudos e escuras angueiras, aquel bótase ao monte coa exclusiva bagaxe dunha experiencia non sempre ben contrastada e unha palabrería capaz de convencer ao máis pintado. Deixemos sentado que de todo hai na viña do señor, e existen especimes da profesión periodística, algúns ben consagrados e coñecidos, que son boa mostra de que quod natura non dat, Helmantica non praestat. Non digo eu que non estudaran ética e dereito moral pero, polas mostras, ben pouco lles aproveitou. Non fagamos, en calquera caso, regra da excepción e concedamos, en efecto, ao periodista formado, coa súa licenciatura tras cinco anos de estudos especializados, a confianza e rango que a calquera outra formación universitaria se lle atribúe. Fronte, polo tanto, a uns límites conscientes, a unhas estratexias sistemáticas de documentación, a uns procedementos establecidos e moi perfilados de expresión, que imprimen o rigor e a contención propios dos xornalistas con maiúscula -e non dos mercachifles que luxan tan digna profesión-, un blog é... pois un blog é que o seu dono queira, saiba ou poida: límites, documentación, estética expresiva fican ao albur das intencións, formación, mala ou boa leite, autoestima, nivel de felicidade, vida sexual, ética e estética do seu propietario barra a.
E é que hai blogs que, como tantas outras cousas, están no mundo porque ten que haber de todo.

11.11.09

Moderno

Qué é a modernidade? É tal vez un acto de vontade e un pode ser moderno botando man dun atavío especial, dunha fala especial, dun xeito de vivir especial? Que quere dicirse cando se di que Pedro Almodóvar é a icona [quen cojones decidiu que fose feminino??] da modenidade española? Por que un tío ou tía que anda de lo last nos parece moderno? Ou a cuberta dun libro (é un caso real) que imita o papel pintado das películas de Esperanza Roy é moderna? Sub voce moderno declara o dicionario: aplícase a unha cousa que é propia do tempo actual ou a unha persoa que adopta os novos usos, gustos ou avances máis recentes. Non parece dable, consonte o lexicógrafo, atribuír modernidade a algo antigo. Creo, en revanche, que si. Cando, en definitiva, convive o fisicamente antigo co inmanentemente moderno falamos de intemporal, ou clásico. E case todo o intemporal ou clásico ten o vinco do xenio. Así é que -recompoñendo as liñas- o clásico é intemporal, o intemporal antigo, e o antigo cando é moderno é xenial.
Poñamos por caso:
La miseria del pueblo español, la gran miseria moral, está en su chabacana sensibilidad ante los enigmas de la vida y la muerte. La vida es un magro puchero. La muerte es una carantoña ensabanada que enseña los dientes. El infierno un calderón de aceite albando donde los pecadores se achicharran como boquerones. El cielo una kermés sin obscenidades a donde, con permiso del párroco, pueden asistir las Hijas de María. Este pueblo miserable transforma todos los grandes conceptos en un cuento de beatas costureras. Su religión es unha chochez de viejas que disecan el gato cuando se les muere.
Foi escrito antes de 1920. Pode un texto ser máis intemporal? Máis clásico? Máis xenial? Máis... moderno?





9.11.09

In memoriam


Na escena cuarta do esperpento bohemio, Dorio de Gádex, modernista e botarate, tilda unha mamarrachada, que el e os seus compinches de bebedela representan diante os ollos dipsómanos e alucinados do xenio Max Estrella, de jefe de obra:
Maestro, ¿usted conoce los Nuevos Gozos del Enano de la Venta? ¡Un jefe de obra! ¡El éxito de la temporada!
Poucos hoxe -tempos de cultura escasa, sempe efémera e inmediata- atribuirían, creo, correctamente tal expresión ao seu recto significado. Trátase dun falso amigo (é dicir, unha tradución literal e incorrecta), que Valle, conscientemente por suposto, fai do francés chef d'oeuvre, 'obra mestra'. Curiosamente, sen que de certo saiba moi ben por que, esa expresión vénme á boca cada vez que quero cualificar calquera manifestación excepcional da arte, causando non pouca sorpresa no meu interlocutor, a quen de costume teño que explicar a orixe da mesma.
Atraco a las tres de José María Forqué é un xefe de obra, probablemente unha das mellores películas do cine español: trama e desenvolvemento dramático; escenografía; perfil dos personaxes; ambiente; actores principais e secundarios; unha dirección maxistral... poucas veces se concitan todas as circunstancias que converten un filme nun auténtico, nun soberbio xefe de obra. Teño esta cinta entre as máis vistas e podo recitar de memoria treitos ben extensos de diálogos da mesma.
Como pequeno homenaxe deste recanto da galaxia ao gran, ao grandísimo, ao querido, entrañable, inesquecible José Luis López Vázquez, quero reter unha imaxe, un personaxe e unhas palabras. A imaxe dun pringao sen futuro nin ilusións, nunha España gris, sen futuro nin ilusións, que ve como pasan millóns polas súas hispánicas narices sen que lle dean tempo de os saborear; un pobre infeliz, apenas máis infeliz ca a comparsa de humanísimos inútiles cos que planea un absurdo golpe, que naceu para rico e quere veranear en la costa azul y pasar el invierno en chamonís alternando con las campeonas del eslalon gigante. Sempre gardarei, amigo José Luis, onde queira que o teu espírito more, esa imaxe, ese personaxe e esas palabras, dirixidas a un bombón que, para remate, acabará aproveitándose de mala maneira da túa elemental e subdesarollada boa fe: Fernando Galindo: un admirador, un esclavo, un amigo, un siervo.