16.9.13

Lume no monte: por que non?



Incendio en la zona de Boiro desde la la ría de Noia a finales de agosto.Cando un tipo da cidade constrúe unha casa de campo, nalgunha das aldeas periféricas das urbes de Galicia, e o primeiro que fai é levantar un muro de pedra de dous metros ao longo de todo o perímetro da súa propiedade, está rachando dun xeito violento comportamentos seculares, segundo os cales a privacidade non está en absoluto limitada pola apertura a unha convivencia razonable cos seus conveciños. Lembro que, en certo paseo por un fermoso entorno próximo a Compostela, o meu acompañante preguntoume estrañado por que saudaba aos nativos cos que nos atopabamos: simplemente, respostei, porque esta é a práctica do mundo rural, unha práctica asentada, por certo, nunha saudable e sensata relación entre o respecto e a confianza, laminada cando non viciada nos últimos tempos pola perversa sedimentación do peor das formas de vida urbana: a ignorancia do outro, a insolidariedade, a insolencia. Eu mesmo, íncola dende hai anos dunha típica urbanización periférica, non deixo de percibir a cotío a sensación do invasor que, ao cabo, xa non espera a comprensión do invadido: só quen coñece o valor dun can de caza pode graduar o disparate que supón convertelo nun caniche de compañía, e aí me teñen paseando o meu beagle amarrado a unha correa perante a ollada, entre condescendente e compasiva, dun labrador que, así como con retranca, me pregunta se vou aos xabaríns.
Vendo estas últimas semanas arder o monte do país, sinto, claro, o arrepío e a angustia que sente todo o mundo: como xustificar tanta, e tan profunda, ferida a unha natureza pródiga? Claro que o único culpable do lume é quen o acende. Pero contentarse con esa explicación é ignorar que, de toda a lamentable deriva que nas últimas decadas fixo de Galicia o pobre paisiño que segue sendo en tantos respectos, probablemente a catástrofe, ecolóxica e económica, do monte leva a palma. Como urbanita, pertenzo a unha tradición de pensamento que me impide penetrar as razóns profundas do home do campo. Si creo, e en algo debo coñecer os meus paisanos e o seu sentido práctico, que, se o monte arde, por unha razón será. Ou, se o prefire Vde. en pasiva, de existir algunha razón, probablemente económica, para que o monte no ardese, teña por seguro que non ardería. Alguén me contou que o beneficio producido a un señor por unha boa cantidade de pinos, nun piñeiro que tiña, foi non cobrarlle o porte dos troncos. Aí, tal vez, empecei a entender.
Contan que, cando a gran pestilencia de 1348 a xente comezou a asasinar xudeus, o bispo dunha cidade, espantado, preguntoulle á xente por qué mataban os hebreos, inocentes da horrorosa enfermidade. Os bos crisitianos respostaron:  Por que non?  Cando me corren pola cara abaixo bágóas de lume vendo arder os bosques do meu país, eu ordeno o meu mapa do mundo imaxinando a pregunta que se fixo quen lle puxo o chisqueiro aos fentos: por que non?

8.9.13

O positivismo, Juan de Valdés e un can de caza

O positivismo occidental, que persegue obsesivamente un ideal e foi invadindo culturas tradicionalmente alleas a esta visión do mundo, ten trampa: ese ideal é, de seu, teórico e inatinguible, pois, en canto, se consegue un obxectivo dado, xa se desexa outro máis aló. Cando, grazas a unha tecnoloxía sen dúbida admirable, se acada cargar centos de  miles de toneladas de crú nun barco de dimensións ciclópeas ou lanzar un tren a 250 km por hora, a realidade, que sempre é, non se sabe se máis túzara ca cruel, vén poñer a visión dun novo ideal, borrosa como unha alborada na brétema, perante os ollos cobizosos do home: evitar para sempre que un supertanque afunda, emporcando dun repugnane lixo negro e pegañento miles de kilómetros de costa, ou incrementar ata a extenuación os medios técnicos para que ningún tren, nunca xamais, saia do camiño de ferro a 150 km por hora e xere tanta desventura. Pero, ai, para comer tortilla é preciso romper os ovos e teño para min que, se non inventan algo raro os chicos de Master Chef, haberá que seguir rompéndoos, se o que se busca é degustar unha deliciosa omelete. Na mesma medida en que o ser humano foi poñendo couto ás travesuras do azar e modificando a forza cega e primitiva da natureza, foi afastándose das sabias leis desta e das leccións, sempre aproveitables, daquel. Accidents never happen in a perfect world, cantaba nos felices oitenta unha señora moi linda e loira que lle chamaban Blondie. Pero, malia toda a cachivachada tecnolóxica que nos arrodea, o noso dista ben de ser un mundo perfecto. O malo é a obsesión en crermos que si o é. Eu mesmo podo dar fe, a través de certa experiencia persoal, de que Nai Natura pon a proba constantemente a nosa mísera condición humana. Meter un can de caza nunca casa, por exemplo, coa pretensión de convertelo nunha sorte de peluche encantador é como poñer toxos nun búcaro de cristal de Murano ou pedirlle a unha cebola que arrecenda a amorodo. Eu teño un beagle, que tras unha serie de destrucións e desastres que sería prolixo detallar, hai uns días agarrou cos dentes un Diálogo de la lengua, do meu parente Juan de Valdés, en fermosísima edición en oitavo de Saturnino Calleja, MCMXIX, prologada por Moreno Villa (edición da cal xa din colación neste recuncho), e, así como para pasar o rato, arrincou as tapas e roeu ben a gusto o lombo. Pillar a tempo a tan desalmado bibliófobo foi ocasión de evitar males maiores e un dano acaso irremediable ao venerable volume. Con independencia das consideracións acerca dos gustos literarios do meu can e da eventual oportunidade de fincarlle o dente ao esgrevio humanista, o incidente púxome filosófico. Velaí, reflexionei, como trinta segundos poden ter máis poder destrutor ca cen anos. Porque, ata a invención diso que chamamos e-book, os libros nacían, vivían e, xa antes, xa despois, morrían, pois todo o que pode tocarse, cheirarse, aloumiñarse ou romperse, e aínda viaxar de trocar de dono, está chamado a desaparecer un día. Por iso, eu que, como se ve, desconfío do positivismo e dos cans de caza, sempre preferirei o imperfecto.

2.9.13

Festa!!


Coñezo eu unha rapaza, case unha nena, que está preocupada polo modelito que lucirá na súa graduación. O curioso é que a tal «graduación» é o remate da secundaria, co paso subsecuente ao bacharelato, e o máis curioso aínda é que tan fundamental acontecemento na vida desta moza terá lugar en… xuño de 2014. Pero é igual: ela está preocupadísima polo trapallo e pola festa. Houbo un tempo en que a festa, en canto manifestación de ledicia colectiva, obedecía a un símbolo que, xa máis, xa menos convencionalmente, recollía a excepcionalidade do evento: festas eran os ritos de paso: o nacemento (bautizo); a infancia e pubertade (primeira comuñón e confirmación); a madurez sexual (a voda); tamén a cristianización dos solsticios (San Xoán e o Nadal), en canto tránsitos climáticos paganos …; logo estaban as festas da aldea ou vila polo santo e… pouco máis. Os meus cumpreanos tiñan por toda pompa un chiculate con churros nun bar do pueblo, o propietario do cal, nun alarde de extraordinaria xenerosidade, agasallaba aos nenos cun globo por cabeza. Eu observo que, hoxe, a nomeada tendencia social a un hedonismo militante, que tarde ou cedo ―e non quixera poñerme estupendo― traerá funestas consecuencias, conduce a un permanente programa de festas que, non sen dificultades e agobios, mozos e non tan mozos atenden, e que, en definitiva, como todo o que se prodiga en exceso, rematará por aborrecer. O itinerario discente sinálase con diferentes mouteiras festivas: o remate de cada curso, festa e merenda para pais e nenos; a fin da primaria, festa; a fin da secundaria, festa; a fin do bacharelato, festa; a selectividade, magno botellón; xa na carreira, os xoves, máis botellón; cada fin de curso, a apocalipse. No entanto, calquera mixtificación serve para seguir a festa. O actual halloween antes coincidía cunha celebración solemne na que, silandeiros, os deudos lembraban os seus finados; agora é unha mamarrachada espuria, na que os nenos dan a tabarra pedindo truco o trato polas portas, sen saber ninguén moi ben que é iso, e que os máis enxebres queren disfrazar cunha ropaxe pretendidamente céltica, aínda máis espuria. Hai festa en Papá Noel, que antes non había; hai festa arreo en Nadal; máis festa no Antroido; e no verán, o despiporre: do macrobotellón sazonado con cachelas na praia de Riazor á dorna de Ribeira, e do festival celta de Ortigueira á festa da auga de Vilagarcía, o programa estival converte os mozos do país nunha sorte de batallón en permanente movemento, con efectivos que, aínda non repostos da última merluza, deben afrontar en breve prazo novos retos e francachelas. Eu, vendo o panorama, lembro unha velliña de aldea, que con sete anos xa levaba a facenda ao mato, quen, angustiada, lles preguntaba aos seus netos da cidade, estricados no sofá vendo a tele despois de comer: que vai ser de vós?

25.8.13

Traballólico



Sobre a base do adxectivo alcoholic, a lingua inglesa creou workaholic, que podemos dar no noso romance como traballólico e vale ‘adicto ao traballo’. Que o palabro de marras teña nacido no circuíto sociocultural anglosaxón non ten nada de particular, pois é aí onde se ten desenvolvido, para envexa pailana dos países da segunda división, a idea de que o lecer é propio de lacazáns e tomar ferias unha lacra ignominiosa e signo inequívoco do inútil. Poucas obras do humano pensamento como A ética protestante e o espírito do capitalismo (1905), de Max Weber, expresan con tanta elocuencia a íntima relación entre a idea luterana da entrega ao traballo e o éxito dos países desa confesión no liderado do mundo contemporáneo, un liderado que adquire a súa máxima e máis perversa expresión no acrónimo WASP (White Anglosaxon Protestant). Moritz Erhardt, de 21 anos, afouto mozo de orixe alemán formado en Michigan e bolseiro en Londres do Bank of America Merrill Lynch, era, sen dúbida, un paradigmático WASP. Digo era porque, hai dez días, e despois de currar arreo durante máis de 72 horas por esixencias dos obxectivos que lle marcaba a súa empresa, o seu corpo e o seu cerebro, desenganados e aborrecidos dun ser humano que lles deu tan mal trato, dixeron basta, ata aquí chegamos, meu, e simplemente se desligaron para sempre. Eu creo que os corpos e os cerebros dos seres humanos que habitamos máis ao sur das frías latitudes nórdicas reciben dos seus propietarios mellor pago. A sesta, o pasmoneo, as pontes de fin de semana, as cañitas de media tarde e as eternas tertulias en horario laboral para arranxar o mundo, lonxe de representar unha vergonza incomprensible a ollos dun estresado executivo de Manhattan, constitúen, ademais de exercicios extremadamente saudables, un patrimonio inapreciable, xustamente admirado por propios e estraños, pois son os mesmos cidadáns boreais e loiros que sorrín perdonando o vida ao pobrecito español os que logo arrasan con chiringuitos, praias, hoteis e discotecas ibéricas en dous meses de estío, antes de retornaren ao durísimo réxime laboral que lles impón dirixir o mundo. De por parte, como curioso impertinente e disciplinado observador das cousas humanas, fago votos porque a patoloxía coñecida como o mal da cereixa (xa saben, «eu quero traballar pero o corpo non me deixa»), unha enfermidade paradoxalmente recomendable, non se dilúa na tontuna sistemática de crer que todo o que vén de América ou a pérfida Albión é o mellor. Vale, salvemos o cine, os Beatles e o rock’n’roll.

13.8.13

A cordura do ácrata



Unha enquisa recentemente publicada por un medio nacional reflicte que o 54% dos españois pensan que España non é un país serio, é dicir, responsable e de fiar. A enquisa atribúe tan decepcionante percepción á «cada vez máis insoportable constatación de que boa parte das nosas institucións e figuras públicas non están sabendo estar á altura que a nosa sociedade merece». Ben sei o que son as enquisas e o comprometido que resulta establecer relacións de causa-efecto en magnitudes sociais. Por outra banda, como fillo da transición entre os rigores dunha ditadura e o bálsamo da democracia, aprendín a facer bandeira da tolerancia e motor vital da liberalidade de criterio. Por iso mismo, tendo a rexeitar o argumento, no fondo reaccionario, de que, como cantaba o vate, calquera tempo pasado foi mellor e, en consecuencia, imos permanentemente a peor. Pero o certo é que o momento actual semella sancionar con creces as verbas do poeta. Hai unhas semanas, en ocasión de certa xornada profesional na Vila e Corte, oín un afamado escritor referirse á baixeza da nosa sociedade, abranguendo no substantivo os aspectos morais e intelectuais da mesma. E, contra o criterio da enquisa amentada, non teño eu claro que desa baixeza e falta de confianza sexan os nosos políticos os únicos responsables. Os males dunha sociedade xéranse, estimúlanse, conséntense, espállanse e, finalmente, establécense en procesos nos que toda a sociedade, xa por comisión, xa por omisión, é partícipe. Alguén lembrábame ao respecto as palabras dun xornalista, segundo as cales, a partir dun momento dado, en España as cousas deixaron de facerse segundo o criterio de «por que» para pasar a facerse seguindo o criterio de «por que non». Hai uns días, asistín na praza pública de certa vila mariñeira a unha sorte de festa de disfraces na que, perante un milleiro de cidadáns unha especie de dj-presentador subido a un escenario organizou un concurso: os participantes, tamén subidos ao escenario, disfrazados e con claros síntomas os máis deles de intoxicación etílica,  gañaban 100 euros se eran quen de «morrear» (literalmente) coa súa parella (segundo tres grupos: hetero, gay masculino e gay feminino) durante os minutos dunha canción. Pode imaxinarse o espectáculo subseguinte, para universal contento do respectable, no que, por certo, se contaban non poucos nenos e nenas. Son momentos nos que un lembra a cordura do ácrata: parade o mundo, que eu me baixo.

7.8.13

Pés de lama



Nunca deixará de chamarme a atención o paradoxo de que, mentres Galicia é, como todas as culturas de base rural, antropoloxicamente conservadora, no país se acepten, e aínde estimulen, mudanzas inexplicables en sociedades cunha vivencia máis sólida e dinámica das súas tradicións. O desexo desesperado de abandonar modelos de vivenda e poboamento, admirablemente adaptados ao medio, e substituílos brutalmente por adefesios híbridos fenómeno que está na orixe do abominable feísmo e o salpicón urbanístico tan tipicamente galegos é unha clara manifestación de tal paradoxo: é como renegar da miseria secular dos devanceiros, da súa casa e da súa aldea, e buscar no «palafito» pegado á estrada un estatus de cidadán máis moderno. Aínda máis sorprendente é a extraordinaria facilidade con que se esqueceu en Galicia unha cultura de inveterada necrofilia, suplantada mecanicamente por tanatorios que, en menos de vinte anos, inzaron o país: os interminable velorios cas do finado, os prantos, o bacallao con que se cumprimentaba a amigos e deudos, as misas cantadas… son hoxe imaxes para a lembranza, e bo é que o sexan, pois, independentemente da súa interpretación social, non negarei eu as incontables vantaxes da magnífica organización actual das pompas fúnebres e a benéfica distancia que, en delicadísimos momentos, impón a asepsia dos tanatorios. Comparar óbitos e natalicios no xornal é outro exercicio clave para a comprensión do paradoxo de que falo: nas ringleiras dos falecidos forman Avelina, Nemesio, Ramiro, Manuela, Celso e Celestina; nas dos neófitos Kevin, Adriana, Yanira, Borja, Yesseny e Aarón. Creo que Galicia é unha sociedade con pés de lama na que a interpretación popular da cultura propia está tinxida de traumas e complexos. O verán é un excelente escenario para observar a veneración das tradicións populares: as romarías? Home, digamos que todo o que se relaciona cun catolicismo fanático cae dentro do politicamente incorrecto para o discurso actual, e iso de ir colgando billetes na figura dun santo ou meter meniños vivos en ataúdes brancos é un espectáculo abochornante, que mal casa cunha sociedade europea e aberta. As festas patronais? Mentres toque a Panorama… Tradicións? Aí teñen a romaría viquinga de Catoira, unha exaltación etílica máis, cun alicerce histórico tan feble como os cornos nos cascos normandos. A tradición levámola no calleiro: festa do chourizo ao viño, festa do salmón, da troita, do escalo, da xouba, do lorcho, do melindre, da leituga, do tomate asado e do muxo en escabeche. E, para postre, a esperpéntica pantomima dunha «festa celta», tan en voga, na que o druída é o xefe de estudos do instituto e Fata Morgana unha concelleira do Bloque. País.