A tradución é un mal necesario: necesario pero un mal, ao cabo. Que non daría eu por ler a Soseki en xaponés ou a Shakespeare en inglés! Neste último caso, aí ten vostede a excelsa tradución que, á lingua de nós, fixo Ramón G. Izquierdo dos sonetos de don Guillermo que, con toda xustiza, foi merecente do galardón á mellor tradución en 2012 nos premios da edición dese ano. Eu lembro, e acaso vostede tamén, a zarracina que se organizou hai anos pola pretensión de traducir a Valle a galego. Se don Ramón de las barbas de chivo erguese a cabeza! “Que dislate, que barbaridade!” diría, “precisamente co traballo que me deu galeguizar o español no que falan os meus personaxes populares en Romance de lobos ou Divinas palabras! Como traducilos?”. O artificio lingüístico de Valle é un dos maiores logros do seu inconfundible estilo. Por que privarnos de aprecialo?
Ora, noutros casos, baixo unha tradución poden latexar razóns de peso. Lembro, aínda con algo de lástima, a agre discusión que, a conta da nosa colección universitaria de Clásicos do Pensamento Universal, tiven cunha colega dunha universidade mesetaria. “Pero que necesidade, argumentaba, tedes de traducir a unha lingua minoritaria a Newton, Platón ou MacLuhan, se xa están traducidos a español? Non é unha perda de tempo e de diñeiro?”. En fin, que convencer a certos carpetovetónicos de que España é un país plural, no que existen sensibilidades moi diferenciadas pode ser unha angueira extenuante.
Agora, unha señora catalana, de apelido que transcende a cubata (Bacardit), sae con que non quere que unha novela súa, escrita na nobre lingua de Pla, se traduza a español. Nos ha merengao! diría dona Rosa, a do café. Polo visto, a escritora busca, con tan pintoresco designio, extirpar o cancro do bilingüísmo por aquelas latitudes. En fin, non creo que ningún editor español vaia facerse un sepuku por non mancillar a pureza do texto catalán e publicalo na infamante lingua de Quevedo. Que cansinismo. Isto dos indepes vai de mal en peor; cada vez parécese máis ao conto de Andersen: non hai cristián que os convenza de que o rei vai espido. Madia a levan.