4.12.08

Non sen mamá

É moi humano etiquetarmos as cousas para entendelas mellor. Pasa, por veces, que o etiquetado constitúe unha realidade bastante heteroxénea que, curiosamente, gaña en homoxeneidade consonte pasa o tempo e a visión a posteriori vai limando as arestas e mitigando as disonancias que, en orixe, o fenómeno tiña. Esta constatación paréceme especialmente oportuna cando a etiqueta que usamos é a de xeración. Así, hoxe damos por sentados unha cronoloxía, uns principios ideolóxicos e un elenco de nomes máis ou menos sistemáticos para o que empaquetamos baixo o rótulo Xeración do 98, Xeración do 27 ou Xeración Nós. Coa vitola así cohesionada, e facendo pois tabula rasa de grandes diferenzas e distancias, relacionamos, aínda, lugares, textos, libros e revistas especialmente significativos, influencias, intertextualidades, momentos e mesmo institucións e incluso edificios (nalgún caso, como o da Residencia de Estudiantes e os poetas do 27, nunha sorte de indivisa res entre a institución e a casa física en canto tal). Este é un problema moi estudado pola teoría da literatura e ben pouco podería achegar este leigo, para quen a fondura do asunto graecus est, non legitur. Pero sérveme de introito a unha reflexión acerca dun tema que, como pai, me afecta por modo directo. Xa temos, polo visto, etiqueta para rotular aos fillos da opulencia: a xeración tupper, en metonímica pero gráfica, e obvia, referencia á natureza dos recursos dos se valen os seus membros para sufragar o mantemento, a saber, prolongar sine die a dependencia co fogar familiar en idade á que deberan ser por demais independentes. Dependencia co fogar e co financiamento familiar, claro. Un sociólogo (qué medo!), analiza esta situación de stand-by nun libro que, co significativo título de La voz de los adolescentes, vén a concluír que a pubertade comeza antes e remata despois nunha evidente prolongación da adolescencia.
Penso, en liñas xerais, que o asunto é moi simple e non hai tampouco que lle buscar tres patas ao micho. Por que quería eu arrancar canto antes da casa familiar? Bueno, viviamos seis persoas nun piso de 70 m2, sen apenas espazo para a intimidade e compartindo os irmáns, por suposto, alcoba; aquel piso, como a maior parte dos da época, non tiña calefacción; por outra banda, os meus queridos pais —marabillosos proxenitores ao punto de crer imposible a existencia doutros mellores— eran, iso, pais, e de tal exercían cunha auctoritas en todo momento indubitada e sinalando nas relacións cos seus fillos unha clara liña fronteiriza que, en ningún momento, podía ser sobardada. En contraste, os meus fillos viven nun chalé adosado de 300 m2, con xardín, enorme terraza, piscina e canchas de deporte fronte da casa ; teñen cadansúa alcoba, ordenador e telemóbil, PS2, dvd’s, dúas televisións e os seus pais son, máis ca pais —que tamén, eh, e a duras penas— os seus colegas. Onde van vivir mellor?
A cousa, polo demais, non é completamente orixinal destes tempos. Cando o fenómeno abrollaba, a xenialidade de Chumi Chúmez intuíu en canónica viñeta unha evolución que agora se confirma:
-Papá, he decidido independizarme económicamente. Vete de casa.

7 comentarios:

Anónimo dijo...

Efectivamente. Así é punto por punto. Para qué carallo vas marchar dun sitio onde estás de pm? Se ademais os pais non queren (e non diga o contrario, Sr. Valdés, non minta) que te vaias? Pois iso, joder. E iso llo di un que sabe de que fala, inda que fallou no seu intento de chegar a vivir dos seus fillos xusto despois de deixar de vivir dos seus pais (polo medio tocaba vivir da parella pero, circunstancias que non veñen ao caso, o impediron. De momento. Que todo se ha de andar.)

Anónimo dijo...

Caro señor Blanco Valdés: Quero contarlle unha pequeniña historia, nada orixinal; nada, evidentemente que Vde. non saiba, mais… Quérolla contar. E non quero, amigo Blanco Valdés, caer na poliédrica armadilla do naturalismo. Disimulará Vde. a miña falta de formación. Ben sei que o ha facer.
Fala esa historia nun rapaz de Lobeira, a miña terra alá no principio do mundo. Éranlle dez irmáns. Sen pai. Moraban nunha casiña de pallabarro co coñecido sistema calefactor (moi respectuoso coa capa de ozono) baseado no alento do gado doméstico. Devece por marchar para Francia. Contacta cun pasador, que o abandona, a el e máis a outros dous, en Iparralde, moi pretiño da raia de Irún. Matan unha ovella, e in extremis, cómenlle as asaduras, crúas, evidentemente. Traballa en Normandía, nunha cerámica, un ano enteiro, sen salario. Só pola mantenza e unha cama de barracón, coa promesa do permiso de traballo e so a ameaza de expulsión.
Ese rapaz, señor Blanco Valdés, coñeceu a luz eléctrica, a auga corrente (fría e quente), os cigarrillos con filtro, os cobertores da cama, os radiadores da calefacción, os esparguetes e o contacto carnal cunha prostituta, alí, en Francia.
Ese rapaz, no fío do que Vde. tan ben describe no seu artigo, mellorou. Viviu moito mellor en Francia (e imaxine o lamentable panorama, señor) do que na súa casa no bucólico principio do mundo.
Pronto.
O tupper dá nas vistas porque evidentemente é moi útil e está a virar fenómeno social. É claro. Mais… Os pais non levan sufragando a vida dos fillos desde o neolítico, señor Blanco Valdés? Aínda con dantescos (e verídicos) casos como o que lle mostrei, e casos similares que Vde., señor, podía tamén mostrar, era ben raro aquel que nada herdaba. Nin que só for unha cuarta de terra para botar unha verza. Tamén non creo que sexan casuais as historias de vellos abandonados no monte, cando chega a súa inutilidade, para seren devorados polas feras. Nin os terribles enfados e rupturas familiares por causa do reparto das herdanzas. E os mozos de agora... Que herdan, señor Blanco Valdés? Hipotecas a cen anos, ben seguro.
Non creo que os tempos –no fondo- teñan mudado tanto
Evidentemente, dantes non había tupper.
Agora tamén non se comen asaduras… Será o colesterol.
Respectuosamente seu,

juan l. blanco valdés dijo...

Nada hai novo baixo o sol, en efecto: mudan as formas, os accidentia, pero a essentia de certas cousas é inmutable. O que apunta o amigo anónimo sobre que somos os propios pais os que tendemos a alongar a estada dos nenos na casa, pois, que queren que lles diga, que o ten toda a razón.
Alégrome, polo demais, de que o meu post teña servido de acicate á magnífica historia de don Julio, paradoxal, nada orixinal, de certo, pero reveladora de moitas cousas. Un comentario marxinal, por certo, cantos galegos da posguerra se estrearían no sexo na emigración cunha professionnelle helvética, xermánica ou gabacha ? Eu coñezo algún caso máis.
Obrigado.

Anónimo dijo...

Cómo fala vostede! Dito así, "professionnelle helvética, xermánica ou gabacha", case que apetece emigrar.

Anónimo dijo...

Boa noite, señor Blanco Valdés:
Disimulará Vde. a miña insistencia sobre este tema, mais quería facer apenas unha pequeniña puntualización.
Sabía, don Juan? Adoro este blog, porque, abusando da tópica expresión, fala nas cousas que realmente me interesan.

Estabamos a falar na argüída diferenza entre o comportamento da mocidade (dantes e de agora) respectivamente á vontade de se independizar.
Pronto.
Teño familia política na chamada Terra Chá luguesa. E téñenme contado montes e moreas de historias nucleadas arredor das particularidades do dereito sucesorio na comarca, máis precisamente da figura do chamad@ vinculeir@. Ben sabe, señor, e mellor ca min, evidentemente, que desde tempos inmemoriais alí herda só o fillo ou filla maiores. Ben. Que acontece (acontecía, máis ben) co resto dos fillos caso os houber?
a) Quedaban na casa como criados.
b) Emigraban, coa nebulosa posibilidade de seren indemnizados.
Evidentemente, amigo Blanco Valdés, o vinculeir@ escollía, caso ser posible, a primeira posibilidade. Daquela as historias tan recurrentes na comarca, que encriptan dun modo folclórico e mesmo obsesivo os atrancos que o herdeiro puña para evitar o matrimonio dos irmáns “desherdados”.

Así mesmo, e xa no campo da aventura, non deixa de sorprenderme a falta de vigor, na Terra Chá, de historias que aínda conservan tanta forza na miña terra, como a da Santa Compaña, a eutanasia familiar primitiva, o homicidio de piedade, as mouras e o ritual receo fronte ao totémico lobo. E el haberá relación entre o sistema de herdanzas e todo este corpus mental?
Ben seguro que morrerei sen o saber.

Penso que os pais de hoxe (eu entre eles) non queremos que os fillos abandonen a casa familiar. Evidentemente. Seica xa os clásicos gregos falaban, á súa maneira, do conflito xeracional, que continúa, e ha continua ad infinitum, é claro. E non queremos, penso, que os fillos abandonen o fogar para viviren peor. Mellor non han vivir. É imposible. E tamén conservamos, penso, un medo ancestral ao abandono. Dantes, entre medoños penedos, devorados polas feras. Agora, en medoños asilos, moi asépticos, iso si, mais sen alma.
Señor Blanco Valdés, aproveito para o parabenizar polo seu magnífico blog, neste aniversario.

Respectuosamente seu,

juan l. blanco valdés dijo...

Amigo Medela,
De novo o seu comentario ten o valor dun post de primeirísima calidade. Habería que implementar un sistema de aviso sobre a conveniencia de lectura de certos comentarios que, penso, superan ao post que lles deu orixe. Sobre a súa rica esexese da figura, tan enxebre no dereito tradicional do vinculeiro, e a súa pregunta, crucial, sobre se poden tecerse fíos de relación entre o sistema consuetudinario da herdanza civil e a complexísima arquitectura mental dunha sociedade tan atávica coma a nosa, eu non lle teño resposta. Non son antropólogo, etnólgo nin civilista, pero intúo que se vostede o sospeita,algo debe haber. Neste país, nebuloso e circular, labiríntico e verdegrís, estou afeito a interrelacionar fenómenos en aparencia completamente dispares, que case sempre, en troques, apuntan cara á mesma causa ou orixe.
Amigo anónimo: iso de profesionnelle pronunciado por unha muller en perfecto francés é dun erotismo tan absolutamente subido que é mellor non imaxinalo. E sei do que lle falo.

Anónimo dijo...

O tema das "mademoiselles" é ben repetitivo no periplo odiseico dos emigrantes, cando menos os que coñezo.
Tanto os que foron a Paris, en maio do 68 (recoller nos montes de lixo que inzaran na greve xeral) como os da cerámica de Normandía, tornan mitoloxema o contacto carnal -ben seguro o primeiro- coas señoritas que roldaban algúns días os barracóns dos inmigrantes.
Había, seica, algunha cousa ritual en todo aquelo; para algúns retornados, parece un mantra.

Despois de meses de terror a seren descubertos, terror por teren que regresar de mans a abanar para a aldea, terror aos costumes diferentes, terror aos inmigrantes máis veteranos, terror á comida abondosa en hidratos refinados (esparguetes) e paupérrima en pan... Viña por fin a ancestral necesidade de alivio, coincidente coa primeira paga, acompañada do permiso de residencia emitido pola "Chambre de Metiers".
Seica, e detesto ser procaz, había que se lavar, re-peitearse ao modo "lambido da becerra", saír ao paso da mademoiselle, e, ora pro nobis, meter un billete de vinte francos na cremalleira do pantalón de tergal...
Mi madriña... E agora somos xenófobos.