31.5.07

A respecto do respecto

Por veces neste blog volvo á cautelosa negación do aserto do poeta: calquera tempo pasado non foi necesariamente mellor. E volvo a tan cautelosa negación porque me anoxa imaxinarme argumentando con voz grosa aquilo de Pues en mis tiempos… perante os meus fillos ou, en xeral, xente nova. Pues en mis tiempos había cousas boas e malas, mesmiño coma nestes, algunhas mesmo moi boas, e outras moi malas. Había, por exemplo, Cesta y Puntos, presentado po Daniel Vindel, concurso no que sempre gañaban colexios de curas (los Padres Somascos, Salesianos e así), que era un concurso moi bo onde se aprendía moito; cousas non tan boas, como o peñazo das clases de Formación del Espíritu Nacional, que de costume impartían adherentes do Frente de Juventudes, por regra xeral tendentes á dipsomanía; e cousas francamente malas como o T.O.P., Tribunal de Orden Público, santo oficio do fascismo patrio, cutre e catolicón.
Ora, a asunción do argumento de vivirmos consonte a evolución dos tempos non debe conducirme tampouco, penso eu, a non recoñecer a inmanencia de certos principios, a desexable perennidade de determinadas actitudes e posicións. O respecto cara aos demais é un destes principios, actitudes ou posicións. Porque, unha vez perdido o respecto pérdese todo, como moi ben saben os maltratadores de mulleres e/ou nenos. Vale que desapareza o amor, mesmo o afecto, que son sentimentos, pero o respecto non é un sentimento libre, que se ten ou non se ten. O respecto é unha actitud perante os demais que se ensina, se aprende, se interioriza e se cultiva. E o respecto ten, ao meu modo de ver, unha manifestación externa que se chama boa educación e aínda urbanismo.
Nun contexto social onde todo se mestura e mixtifica, onde a indixestión de democracia ten conducido á máis lamentable equivocación de valores, propoñer que sexa unha norma de obrigado cumprimento que os rapaces en idade escolar se poñan en pé cando entra o profesor na aula é pouco menos que suxerir volver a dependurar da parede da clase o crucifico, e a vera effigies de José Antonio e Su Excelencia. As declaracións de Sarko están alentadas, é evidente, polo mesmo populismo que estimula toda a súa retórica de político novo que xoga a estar alén do ben e do mal e por riba das mañas habituais da clase política. Pero, con todo, fixéronme reflexionar.
Eu, e ao mellor vostede, levantabámonos ―eu cando menos durante toda a primaria e bacharelato― cando o profesor entraba en clase, e creo ter sobrevivido con ben a unha tan devastadora experiencia de submisión. Igual ca hoxe, se estou sentado, me poño en pé para saudar a alguén ou trato de Vde. a quen non coñezo, trátase de actitudes que non agochan nada especialmente reaccionario nin significan outra cousa ca unha manifestación externa do respecto debido aos demais. Entre estes, nomeadamente, a aqueles que profesan o sufrido oficio de ensinar á mocidade o que saben, oficio, por certo, ben nobre e merecente en toda época do máximo respecto. En calquera caso, nunca merecente de acosos, vexacións, insultos e, mesmo, agresións físicas. A tal chegamos.

5 comentarios:

Anónimo dijo...

"Buenos días, como está usted?"
Primeiro, estoulle totalmente de acordo co que di respecto á consideración dos mestres e profesores: merecen, se non todo, si moito máis do que reciben.
Despois acompañaría a súa reflexión con outra, a seguinte.
Eu pertenzo á xeración que viu desaparecer as formas, semella que en ben dos fondos, e non só no que respecta ao respecto (redundo, ben sei). Por exemplo, eu a penas memoricei nada (nin ríos, nin provincias, nin reis godos, nin capitais...), porque semella que aquelo era malísimo, e o que importaba en realidade eran os contidos, comprender, entender, razoar. Resultado: nin sei as capitais de Asia ou África nin as dou razoado. Debe ser defecto do animal. Por outra banda, meu pai, que razoa de puta madre (con perdón), ubica cunha facilidade pasmosa poboacións, ríos e montañas que eu non sei nin que existen.
Quero dicir con esto que tal vez a forma e o fondo non sexan incompatibles, que memorizar non impide razoar e viceversa, que tratar de vostede a alguén non impide respectalo e viceversa.
Ademais, convén ter en conta que as formas non só implican respecto, implican tamén unha certa distancia, un protocolo que sitúa ao individuo nunha determinada posición nun determinado escenario, o que o axuda a establecer un comportamento axeitado en cada momento. Non sei, pero igual un pouco de protocolo no trato podería ser unha barreira que impedira ou atenuara as tensións que se desenvolven no trato directo na nosa sociedade, sobre todo en espacios pequenos con gran concentración de xente (nas colas, nos atascos, nos restaurantes, nas oficinas e, por suposto, tamén dentro das aulas).
"Que usted siga bien".

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Ten vostede boa parte de razón. Pero ten que recoñecer que baixo determinadas formas agóchanse indisimulados fondos de desprezo. Quen é vostede para falarme así ou non sabe vostede con quen está falando eran, por exemplo, fórmulas que se empregaban con frecuencia en lugares onde se marcaban esas distancias insalvables naqueles estertores que eu vivín do franquismo (anos 60). De resultas daquelas fórmulas, a mín me quedaron rebeldías un pouco inxenuas, que fun adoptando como propias: falarlle de ti aos profesores. Co tempo comprendín que o vostede podía servir de coraza, pero naquelas épocas nas que quería abrir o mundo tutear (titear?) era o máis do máis. Por suposto, a mín que os alumnos non me traten de vostede. Faltaría máis, con quen cren que están a falar?

Anónimo dijo...

Estou estou totalmente dacordo co contido do post. Agora os pais teñen unha capacidade de intervención nas escolas ao respecto das normas cívicas que se obrigan a seguir aos cativos, absolutamente desproporcionada. E si, obríganse, porque teñen como base o respecto. Nin tanto nin tan calvo.
Concordo con Juan en que hai cousas que non son daniñas, hai que fixar algunha norma, que se non acabámonos matando uns aos outros, e o respecto debe presidir aquellas que coherentemente deban manterse.
Eu pasmo cando na cola da caixa do super vén un rapaciño cara ti, e se lle dá por mandarche unha patada, ti tes que calar, por riba, para que a nai ou o pai non teñan máis que dicir. A cachetada non a merece o cativo, merécea que o fixo (no sentido máis amplo do termo.

juan l. blanco valdés dijo...

Amigos,

Obrigado aos seus puntos de vista. Paréceme especialmente interesante a opinión de De La Highway de que, por riba doutros moitos considerandos posibles (é evidente que as meras "formas" sen "fondo" son area nas mans), as formas e "estándares" da boa educación obrigan a un certo ritual, a unha certa distancia que convén por regra xeral ás nosas relacións. Creo que é precisamente onde hai confianza onde se deben aquilatar e coidar as formas para que non dea noxo. Un saúdo cordial.

Bernardo dijo...

Perdón por no saber escribir gallego. Me expreso en castellano. Me gusta lo que dice de Cesta y Puntos.fue un gran concurso para los alumnos de bachillerato y para los jóvenes. Si quiere información del concurso métase en el blog www.cestaypuntos.blogspot.com
También hay una página web en www.colegio san antonio carcaixent donde en el apartado revistas del colegio hay artículos de cesta y puntos junto a la del 66-67