20.5.07

Libros recibidos

En tempos de crecente, e explicable, alarma social perante a cultura do ladrillo, a corrupción anexa aos pelotazos urbanísticos e o feísmo arquitectónico que degrada a nosa percepción da paisaxe ata a autodeprecación, non é doado atopar documentos que, na marxe de visións sectarias, politiqueiras, oportunistas ou simplemente viscerais, ofrezan ao lector unha visión desapaixonada, rica de puntos de vista e, polo tanto, intelixente sobre un problema de raiceiras tan fondas e complexas. Bordes de mar en Galicia é un percorrido en 72 clics de cámara fotográfica, e os seus respectivos comentarios, pola habitación humana na costa galega, dende Rinlo, en terras de Barreiros, ata a Guarda e o punto onde rende o Miño o seu tributo ao mar. En edición de Luciano G. Alfaya e Patricia Muñiz Núñez, e coautoría dun grupo de sete arquitectos, con fotografías ―magníficas algunhas delas― de Juan Rodríguez e José Caruncho, e coeditado polo COAG, a Dirección Xeral de Urbanismo da COTOP (agora que non anda Cuíña polo medio xa non se chama así?) e Caixanova, o libro representa un extraordinario inventario de argumentos e brillantes reflexións sobre o herdo arquitectónico e urbanístico dun país, tan poboado e vivido coma o noso, cun abochornante pasado recente en materia de destrozo e aniquilación de modelos tradicionais doadamente aproveitables, e un futuro poboado de sombras, si, mais tamén das luces que saibamos, entre todos e como sociedade que se aprecia a si mesma, acender.
Dous defectos formais da obra: a) un formato (15 x 15 cm) e unha idea de maquetación (letra de corpo moi pequeno e, para remate, branca sobre fondo negro) que consagran o deseño en claro detrimento da lexibilidade, b) un galego en ocasións deleznable, con erratas e malamente traducido do texto castelán. Ollo: descúlpanse os defectos pola excelencia do libro.
Foto: Museo de Man en Camelle. Mentres o museo auténtico, as obras de Man van deixándose levar co tempo, o novo edificio pasará a ser unha Casa da Cultura máis na que acabará por funcionar só a cafetería (p. 33).

2 comentarios:

Marcos Valcárcel López dijo...

Ten vostede un convite dende o meu blog (Cuestionario Proust): se lle apetece e se lle parece pertinente, claro.

juan l. blanco valdés dijo...

Amigo Marcos:
Obrigado polo convite, que acepto encantado. Agora só preciso dun vagar para cumprimentar o cuestionario (que semella non ser cousa dun minuto). Saúdos cordiais.