Parece obrigado falar das eleccións. Cando menos dar unha impresión xeral. Dicía no meu post anterior, escrito o sábado 26 de maio, que “a xente sabe que a cousa vai soa e pasa”. Do resultado destas eleccións, eu, que son un mero cidadán de a pé, conclúo:
a) moita xente, mesmo xente tradicionalmente comprometida, está exhausta da hiperpolitización social na que vivimos. Vale a metáfora da esponxa: chega un punto no que xa non pode absorber máis.
b) en Galicia, a euforia das grandes vitorias municipais, alicerzada en boa medida na eventual mímese do bipartito das narices, non funcionou. Non quero sinalar a ninguén pero as leccións de humildade veñen moi ben a todo o mundo. Os xenerais e cónsules romanos cando entraban en triumphum na cidade levaban canda eles un liberto que lles dicía a cada pouco: Lembra que es mortal.
c) a pluralidade é bo síntoma, moi bo síntoma.
d) alégrome infinitamente de dous resultados: Ferrol e Teo (se va el caimán, se va el caimán...).
e) no meu concello, o alcalde cumprirá os 32 anos no machito, y lo que te rondaré morena.
Polo demais, e malia o mal tempo relativo de onte, gusto moito do ambiente dominical, cívico e agradable, das xornadas electorais. Iso que, nas súas declaracións nocturnas, os políticos adoitan chamar “a festa da democracia”.
4 comentarios:
Eu non direi máis: hoxe é S. Xusto.
O do comentario anterior era, como se pode supor, De la Highwy 61
Xa o supoñía, caro amigo. O de San Xusto, é a serio? E que non teño un santoral a man.
"Lembra que es mortal" segue a ser un eslogan totalmente válido para aplicar ós políticos de hoxe (moitos o esquecen moi cedo).
Publicar un comentario