13.5.07

A votar (que son catro anos)

Confianza é futuro. Faremos máis. Pensado para ti.
O márquetin substitúe as ideas; gañar ou non gañar a prebenda de catro anos de erótica ou erotiquilla do poder é unha loita que se lidia na area dos mass-media. Un Audi-4 ou Corina Porro; López Orozco ou Pantene Pro-V: o caso é vender. Non importa tanto a xente que vai aos mitins, senón a cantidade de xente que ve na TV o mitin. De feito, xa non hai mitins; non son mitins, senón actos multitudinarios dunha estrela mediática que fala no canto de cantar (valla a coupling fonético), e que, como Shakira ou Paulina Rubio, repite na densa xira de dúas semanas machanocamente os mesmos temas, estimulando o delirio colectivo.
Os candidatos óllannos dende paneis xigantes nas estradas, dende as farolas, dende vallas de aglomerado. Saen, polo xeral, máis guapos ―ou favorecidos, pois ben certo é que de onde non hai non se pode sacar― do que son en realidade. Moito Photoshop de dios (lembran a don Manuel Fraga transmutado en Hannibal Lecter?). O semblante, a mirada, o sorriso case seráfico do candidato transmiten repouso, confianza. A tiranía dos asesores de imaxe e gabinetes de comunicación obrígano, como no leito de Procusto, a acomodarse nunha imaxe deformada, que non corresponde á do ser humano que en realidade é, senón á do prototipo que se agarda del: prototipo de honradez, serenidade de xuízo, ecuanimidade, eficacia, desinterese, solidariedade. Un os ve e, tras o arroubo inicial, exclama: carallo, algún defecto terán.
É o que hai. Supoño que esta trangallada cuatrienal (tecnicamente eleccións) é parte do menos malo dos sistemas.
Entrando en Pontevedra, hai pouco, vin un panel xigante co rostro de don Miguel Anxo Fernández Lores e a lenda PENSADA PARA TI, referida, claro, a Pontevedra, non me pensen mal. Como remata en a, Pontevedra é feminina; Santiago, por exemplo, é masculino; Ames: pensado para ti tamén é masculino, e apreciaría saber por qué. Como poñerán en Baños de Molgas ou Betanzos: Pensados para ti? E en Cangas ou Pontecaldelas: Pensadas para ti? Pero vaia o comido polo servido, pois a ambivalencia lingüística do lema serve igual para quen fala galego como castelán. Ai, ai, ai!
Ben, ao que ía; no cartel do candidato nacionalista da cidade de Teucro alguén escribiu con spray: ladrón. Pensei: un que xa votou.

4 comentarios:

Anónimo dijo...

O das eleccións como cuestión de márquetin é algo xa sabido. Préstame máis a reflexión sobre o feminino/masculino, plural/singular. É simpático, cando menos.
O do galego/castelán do lema do BNG xa o pensara, inda que como son curto de memoria (e algo tamén en xeral) non son quen de lembrar en que momento histórico o partido en cuestión deixou de marcar a súa tendencia e entrou nese, digamos, centrismo linguístico.
En canto ao de "ladrón", penso que non é un voto: segue a ser puro márquetin.

juan l. blanco valdés dijo...

Atopóo hoxe a Vde. un chisco esixente e crítico. Como ten que ser, polo demais, Obrigado, sexa como for, á súa visita, como decote.
Xa queda menos luns. Maña, xa sabe, martes, xa vai alá a semana.

Anónimo dijo...

Deberon facerlle caso, porque o outro día poñían por riba: concellos. E parecía pegote. Seguro que che fixeron caso.

Anónimo dijo...

mais portugal é macho......