Hai anos, unha das cousas que máis ilusión producía de facer fotos era ir buscalas á tenda de revelado. Era común a impaciencia de abrir o sobre aínda transaccionando co dependiente o pagamento do traballo e sentir un chisco de pundonor por non disimular a emoción diante dun estraño. En ocasións semanas, meses mesmo, despois de ter conxelado aqueles momentos experimentabamos de novo a vivencia que reflectían as instantáneas. Recoller, por exemplo, a mediados de setembro, co novo ano laboral ás costas, as fotos feitas trinta días atrás na praia, ou naquela churrascada no pinar entre amigos e cervexas, era unha auténtica tortura, unha verdadeira orxía de morriña lembrando a felicidade, tan va, tan pasaxeira dos momentos máxicos do estío.
Un botaba contas de cómo sairía nunha determinada toma (por exemplo nun fermoso solpor co mar de fondo) na que estaba certo de ter posado correctamente, ofrecendo unha imaxe atractiva, e -cruel, túzara realidade- pasado o tempo, a foto amosaba unha cara cos ollos semipechados e un sorriso de expresión estraña tirando a estúpida, e nos preguntabamos pero ese son eu?
Facer fotos non era para calquera. Había que axustar un porrón de cousas: obxectivos, lentes, diafragmas, distancia, luz. Para quen susbcribe unha cámara fotográfica era ata non hai tanto pouco menos ca un arcano inexplicable.
As fotos envellecían, os bordos gastábanse; adquirían manchas e enrugas, tactos e olores que as caracterizaban; establecían unha relación de ósmose co álbum ou vella caixa de lata ―outrora de membrillo ou cola-cao― que as acubillaba e se relacionaban caprichosamente entre si e con outros elementos: vellas cartas, postais, estampas de primeira comuñón, recortes do xornal… Botar unha aburrida tarde invernal de domingo ollando fotos era todo un clásico: os vellos parientes de América aparecían mesturados coa cachela do San Xoán de 1992; unha foto de carné do ano en que empezamos a carreira coa do tío-vivo das festas, sería sobre 1966 ou 67; o Renault de Xosé de Merda Fresca (alcume real), no Cuntis de 1925 ou 26, precedía a unha imaxe en Hamburgo no inverno de 1984; a moza aquela coa que compartimos tanto, e qué será hoxe dela, provocaba unha saudade dolorosa, por algo que puido ser e non foi, tempos luminosos de mocidade cando criamos que a vida era eterna…
Hoxe vemos as fotos ―unhas fotos medidas en megapíxeles para as que apenas se precisa a nosa intervención, agás claro enfocar e apretar un botón― xusto despois de as facer e se non nos gustan as eliminamos. Podémolas facer mesmo co móbil e, deste xeito, os móbiles son unha sorte de bitácora gráfica dos momentos inanes ou voluminosos, emotivos ou máis baldeiros, do noso periplo cotián.
Cando unha mensaxe indica Card full, confiamos a preservación das fotos ás complexas neuronas dos ordenadores e as almacenamos en carpetas que se chaman túnez_vera_06, nieve_dic_05, madr_warner_jul_04, ancares_07, cumple_rob_02 e por aí, porque facemos tantas cousas, imos a tantos sitios e conxelamos sen tasa tal cantidade de momentos que apenas temos imaxinación para titular os cartafois que os gardan. As fotos teñen nomes raros como P2000672.jpg, non envellecen, non cheiran, non se mesturan con nada, son perfectas.
Admiro a técnica. O malo son o fetichismo e a melancolía.
2 comentarios:
A min tamén me encantan os momentos máxicos de abrir un álbum ou unha caixa e atopar fotos case esquecidas. Agora coa técnica todo iso cambiou... para mellor?
Non o sei, Peke (Gradicela?), supoño que unha cousa é o tubo catódico e outra a televisión; unha cousa é a fisión atómica e outra Little Boy. Facer categorías éticas co desenvolvemento tecnolóxico entraña riscos impredecibles. Queremos unha técnica aséptica, limpia, perfecta, pero todo é conforme qué. Recoñezo (e aproveito) o admirable da técnica pero, como digo no post, son vítima da melancolía e o fetichismo das cousas.
Obrigado á visita e comentario e parabéns polo teu blog.
Publicar un comentario