27.4.07

Civility enforced

Non facer caso a quen busque bronca; reaccionar cando alguén estea sendo atacado dun xeito excesivamente agresivo ou mesmo persoal; non dicir nada na Rede que non se diría en persoa; non tolerar comentarios anónimos; establecer, se non, como responsable destes, ao blogueiro propietario do local onde aparezan…
Quen se apunte, que colgue unha estrela de sheriff en parte visible do seu blog coas palabras Aquí respéctase o civismo. A idea, do gurú tecnodixital, Tim O’Reilly oriéntase a definir un código ético blogosférico, tras as graves ameazas de morte e graves insultos sexistas dirixidas en comentarios anónimos á blogueira Kathy Sierra. Algún día tiña que pasar. A proposta de elaboración e aceptación dun código ético para bloggers, baseado no simple (pero tan complexo!) principio do respecto mutuo, non tardou en levantar airadas críticas. Porque, é que só hai unha ética? Cantas formas de civismo se coñecen? Aceptar tal código canonizaría ao blog e estigmatizaría ao que non o fixera? E, ademais, de aplicalo, quen vixilaría ao vixilante?
Hai tempo, referinme ao anonimato na blogosfera, carauta tras a que se agocha moito mal nacido para regurxitar a negra bile que leva dentro, e algún comentarista indicoume que na súa filosofía xenética a blogosfera naceu e se foi desenvolvendo como vehículo comunicativo da expresión anónima, o cal en certos réximes ditatoriais foi de extraordinario rendemento político.
Como en todo, non hai unha única lectura nin un único camiño. Eu non teño inconveniente en asumir as cousas que digo e en dicilas con nome e apelidos. Entendo que haxa quen, polas razóns que sexa, prefira facer reserva da súa identidade. Resulta así que a blogosfera (xa se apunta a deniminación blogalaxia non só polas súas dimensións senón aínda pola súa universalidade en mundos e rexistros) non é máis ―non podería ser máis― ca un fiel reflexo do mundo real, e, como no mundo real, dicir cousas e emitir xuízos e opinións coa cara descuberta obriga a unha modulación dos mesmos ou a afrontar as consecuencias de non facelo. O anonimato, como antes dicía, estimula indubidablemente (ollo: estimula, non implica necesariamente) á toda sorte de excesos verbais, xuízos temerarios, argumentos febles ou de auténtica pata de banco, no mellor dos casos; no peor, ao insulto, e, como no grave caso comentado, á chantaxe emocional e a ameaza. Tirar a pedra e agochar a man.
Sempre teño defendido que quen é capaz de pegar cruelmente a un can é quen de facelo cun fillo ou cunha muller. Só é unha cuestión de medida, unha vez cruzada a liña. Do mesmo xeito, quen é un mal bicho, éo diante dun ordenador e en calquera outra circunstancia, dependendo, unha vez cruzada a liña, só do medio e as posibilidades, que module ―aumentándoas, diminuíndoas, disimulándoas― a súa carraxe e xenreira, frecuentes puntas de iceberg da mediocridade e a baixa autoestima.
Non sei ata que punto, en calquera caso, pretendemos na Rede unha asepsia e un control que non existen de feito na vida real. Concordo coa opinión de que nos blogs, como fóra deles, chegado o caso, o que hai que facer é aplicar a lei e listo. A legislación vigente, vamos,

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Unha parte deses casos non é anonimato, senón seudonimato. Ou na maior parte dos casos, aínda que figure o nome verdadeiro. A exhibición diaria das reflexións ou pensamentos constrúe unha personalidade nova, aínda que a persoa que asina teña o mesmo nome na vida cotián. Pode ser caso de doble personalidade, pero ao mellor non. Quen sabe. Na ambigüidade tamén reside a grandeza deste novo xénero.

juan l. blanco valdés dijo...

Aínda que non estou certo de que sexa exactamente así, é moi suxestiva a idea de que "a exhibición diaria das reflexións ou pensamentos constrúe unha personalidade nova". Digo non estar moi certo, porque -con identidade, seudoanónima ou anónima de vez- unha bitácora, por moito que o seu autor xogue coa ambigüidade e/ou a asepsia dunha temática profesional, reflicte inevitablemente (suliño isto de inevitablemente), e en máis ou menos medida, a "imago mundi" do seu creador. Só hai que saber mirar.
Saúdos.

Anónimo dijo...

Unha imago mundi si. Non a imago mundi. E, por tanto, sempre quedan outras fóra. No caso do ghicho que asina con este nome hai tantas cousas que nin quere siquera apuntar!

juan l. blanco valdés dijo...

OK, Arume. "Unha" imago mundi. Outras quedan fóra, sempre e en todo caso. Un matiz intelixente.
Saúdos.