4.4.07

Erratas e psicanálise

Sigmund Freud foi un doutor vienés de comezos do pasado século que legou á posteridade o convencemento de que estar zumbado é o estado natural do ser humano e que tal tolemia asenta nun trauma, nun 95% dos casos, de carácter sexual. En consecuencia, o que cómpre facer é gastar moreas de cartos en pagarlle a un señor ―que normalmente xoga ao golf e ten un Porsche― a quen, dende unha chaise long, lle contamos, persuadidos de que aí reside a orixe de todas as nosas angustias, cómo a nosa nai nos descubriu un día baixándolle os pololos a unha curmá de Madrid. Iso chámase psicanálise. A min lémbrame aquel marabilloso e intelixente chiste:
-Doutor, doutor, teño dobre personalidade.
-Non se preocupe. Pase e falamos os catro.

Freud, que o psicanalizaba todo, cría (véx. a segunda conferencia da primeira parte da súa Introdución á Psicanálise) que as erratas de imprenta poden ser concibidas como actos falidos do linotipista. Como é ben sabido, os actos falidos son atribuídos pola psicanálise á expresión dun conflicto inconsciente por un desexo reprimido que, en todo caso, se substancia en que unha intención alteradora, polo tanto non voluntaria, modifica o contido dunha intención volitiva. Lembro esta argumentación lendo, coma quen non quere a cousa, unha «Carta aberta a Carlos Aymerich», con motivo dunha liorta sionista coa que andan estes días no BNG, de autoría de don Xosé Manuel Rama Trillo, publicada en El Correo Gallego e na que o maquetista deslizou un erro inquietante:

Carlos, non dubido de que se este sen sentido camiña cara a diante como xa camiñaron moitos outros antes do nacemento do BNG e despois do nacemento do mesmo […] mais sempre dentro do noso amado nacionalismo galego, sexamos garantes dun proceso impío e cristalino, mellor non for, mais se for, Xustiza, que menos pedir, verdade amigo Carlos.

Folga dicir que a cursiva é miña. Todo un exemplo para Freud, non?

2 comentarios:

torredebabel dijo...

Bueno, coido que resumir ao psicanalise dicindo que é "gastar moreas de cartos en pagarlle a un señor ―que normalmente xoga ao golf e ten un Porsche― a quen, dende unha chaise long, lle contamos, persuadidos de que aí reside a orixe de todas as nosas angustias, cómo a nosa nai nos descubriu un día baixándolle os pololos a unha curmá de Madrid" é -cando menos- unha falta de respecto á xente que no mundo non so traballa moi seriamente nesa disciplina (en todo caso de cientificidade tan cuestionable como a historia ou mesmo a literatura) e por riba aos pacientes que escollen ese método terapéutico (eu entre eles) como outros poden escoller encherse de tranquilizantes á espera non menos ridícula de que iso arranxe os seus problemas. Digo eu...

juan l. blanco valdés dijo...

Prezada Torre:
Teño que revisar con carácter de urxencia os meus pobres recursos literarios, porque, unha de dúas, ou non son quen de transmitir a ironía e a esaxeración consciente nos meus escritos, ou -o que é máis inquietante- a media dos meus lectores non teñen a dose de humor necesaria para percibilas. Tal vez hai moita carraxe (non digo que sexa o teu caso) e moi pouca capacidade de rir de nós mesmos (unha frutífera catarse en calquera caso). Por suposto que, conscientemente, non penso iso da psicanálise nin de Freud. Son, polo visto defectuosas, brincadeiras e licenzas literarias. Nada máis lonxe da miña intención que ferir susceptibilidades ou ofender probidades profesionais de tantos magníficos especialistas que traballan en reducir ou atenuar as nosas paranoias, neuroses, teimas e obsesións...
Obrigado, como sempre, á túa visita. Saúdos e saudades.