En ás do balsámico efecto que me produciu unha breve visita ao Courel, da que falaba no meu post anterior, leo en Terra Brava de Fole ―obra e autor dos que tamén me lembraba no artigo― algo que me incitou ao que considero un suxestivo exercicio literario. Os cultos circunstantes do diálogo de Fole, reunidos no pazo tras a cea e convenientemente dotados de cigarros e coñá, caen ―na liña desa tendencia que tanto obsesionaba a Borges ao absoluto― na pregunta de ¿Quenes son as tres meirandes figuras da nosa literatura de arestora? [a obra desenvólvese no verán de 1950]. A resposta dun dos personaxes, que acada a unanimidade dos demais, é Rosalía de Castro, Castelao e Otero Pedrayo.
A min, ao fío da lectura, veume a cabeza un convencemento que quero compartir con quen me lea, case coma estímulo a unha sorte de concurso: ¿cal é a obra cumio da literatura galega contemporánea? Aí vai o meu convencemento: A esmorga de Eduardo Blanco-Amor, sen dúbida algunha.
E, para Vde.?
5 comentarios:
Absolutamente de acordo con vostede. O emprego dese "tempo" teatral, de escenas fragmentadas, ao carón do eu interior do protagonista na narración é, na miña obpinión, dunha grande novidade na literatura galega do momento (e debería de ter sido o alento da do futuro). ¡Lastima que o enxebrismo galáctico subvencionado duns, as Galizas perdidas doutros e as novidades literarias de Suso de Toro emulando a Umbral na súa última novela, fagan que os do "sistema literario galego" sigan a castigarnos cas teimas literarias de toda a vida! ¡¡¡Os MUROS mentais, a vaidade de sair premiado polos de sempre, retratado nos medios de comunicación e o estómago, negánnos hoxe aso lectores o pracer de miles de escritores que como Blanco Amor rachen co vello!!!
MENSAXE DE PETICIÓN DE ADHESIÓN AO BLOGOMILLO:
Amigos e amigas, coido que todos denunciamos aqueles que destrúen o noso medio natural.
Actuemos, movámonos contra o que está á pasar en Tomiño!
O blogomillo ten voz.
http://eu-e-galiza.blogspot.com/2007/04/realmente-noso-movmonos.html
Unha aperta
Paréceme moi boa idea esta de facermos un canon galego entre os seguidores do blog. Noraboa pola inciativa. Hai pouco rematei a lectura de "La catedral y el niño", novela que recomendo para os amantes de Blanco Amor que aínda non a leron. Da literatura en galego decídome por "De catro a catro" de Manuel Antonio.
Grazas, amigos, polos vosos votos e opinións.
Sobre a obra en castelán de Blanco-Amor, querido Manolo, lembro unha marabilla publicada por Destino en Áncora y Delfín, se non lembro mal: "Los miedos", unha evocación semipoética pero crúa e sincera da nenez, ese territorio do abrente que tanto pode ser un paraíso coma un inferno.
Saúdos.
Inesquecible Manuel María!
Publicar un comentario