23.4.07
Día do libro: unha reflexión
O libro, tal como o coñecemos ata agora, é un producto demasiado perfecto, culminación na súa estrutura dun complexo e longuísimo proceso histórico, como para que estea chamado a ser totalmente substituído por outro artefacto que -chámese como se chame- na fin de contas, serve para o mesmo. De igual maneira, a Web, a edición dixital e os seus estándares supoñen indubidablemente a culminación de anos de desenvolvementos técnicos e hoxe resultaría dunha absoluta candidez discutir que estean contribuíndo directamente á emerxencia dun novo paradigma de interacción cos tradicionais soportes da cultura. Pero as expectativas e o clima social xerados ao seu redor son simplemente excesivos, e sei de seres humanos que, do mesmo xeito que non saen de viaxe en Semana Santa nin lavan o coche a fin de semana, son felices sen saber que é un CD-ROM ou manexarse co correo electrónico. Se van poder seguir sorteando a presión da nova alquimia, ou por cánto tempo máis van poder facelo, é algo imposible de contestar; pero, alén de macrointereses financeiros, globalización e índices de dominación económica internacional, sobre os que obviamente non teño ningún control, non vexo ningunha razón para enfatizarmos máis o valor social, xa non digamos histórico, de Bill Gates que o de Torricelli, Thomas A. Edison ou Marconi. Na miña condición de profesional da edición preciso diaria e inescusablemente do contacto coa rede e cos soportes dixitais e teño perfectamente claro que non podo concibir xa un mundo sen o meu ordenador e o universo babilónico que se atopa tras o seu monitor. Pero tampouco podo imaxinarme a min mesmo con sete anos sen pizarra e pizarrín. Asumirmos necesariamente a condición de cidadáns analóxicos ou dixitais é unha cuestión subxectiva que depende de moitos factores e avaliacións individuais. Despois de todo, quizais exista aínda outra alternativa: ser só un cidadán que vive consonte o seu tempo pero non acepta etiquetas. E ver qué pasa. (Publicado orixinalmente en Grial, 146, 2000: sete anos despois, mutatis mutandis e con permiso de Google, no fundamental sigo pensando o mesmo).
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario