17.4.07

Accidents never happen

El pasado 31 de marzo fue uno de los 10 días más negros de los últimos cinco años en la carretera. Murieron veinte personas […] No existe ninguna circunstancia común que pueda explicar qué pasó. Ni siquiera Tráfico acierta a avanzar una hipótesis (El País, 15 de abril de 2007).
Un home en Zaragoza, outro en Badaxoz, dous rapaces de 19 e 16 anos en Sevilla, un matrimonio e a súa filla de 13 anos en Burgos…
Fóra un patrón común, constituínte dun cóctel letal ao que xa me teño referido (poucos anos+idolatría do coche como centro dunha existencia baldeira de contidos+drogas+noite, ademais dunha agresiva publicidade de efectos catastróficos), non hai circunstancia común, non hai hipótese algunha, non hai explicación que poña valados ao aire. Alguén que saiu un minuto despois ou un minuto antes de cando debera e bateu do coche que o matou; alguén que mirou o reloxo cando non debía e cando recuperou a mirada sobre o capó era demasiado tarde; alguén a quen o zapatón dereito lle pesou máis ca outros días; outro que queceu lembrando a Fernando Alonso; unha zona do vial con xelo que o sol non chegou a derreter… no fondo, un conxunto de seres firmemente convencidos de que non me vai pasar a min.
Hai un inimigo mortal da estatística chamado azar, ao que despreciamos a miúdo. Inimigo frontal tamén da nosa vaidade humana ―tantas veces castigada!― que nos leva, na era da perfección e a asepsia tecnolóxicas, a crer que o controlamos todo, que o podemos cuantificar e prever todo, que podemos influír na sistemática redución de algúns dos nosos problemas derivados de características que, como a innata tendencia á velocidade, a competitividade e o risco ―que existen de sempre, o malo é que agora hai coches― están no alicerce, supoño que mesmo psicanalítico, deste andacio horrible que sega tantas vidas como os accidentes de tráfico. E non vai parar.
Lembran aquel magnífico tema de Deborah Harris? Accidents never happen in a perfect world, complications disappear. O malo é que, por moito que os anuncios de iogur e os presidentes de goberno nos debates sobre o estado da nación se empeñen, o noso dista moito de ser un mundo perfecto.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Certo todo o que dis. O outro día viña na prensa unha pequena reportaxe sobre os accidentes en Suecia, moitos menos que en Galicia nun territorio máis grande e máis poboada. A conclusión era que non hai conclusión. Máis aló da apelación (non moi convencida) a unha meirande concienciación social no país escandinavo, non semellaba haber razón algunha para que houbera menos accidentes e menos mortos.
Até vai ser posible que os accidentes non sexan máis ca iso, accidentes.