8.3.09

Greguerías, autoestradas, paronimia, sector terciario

Estudo castelán co pequeno Juanpe (10 anos). Intento facerlle ver a diferenza entre paronimia e homonimia. Do primeiro fenómeno léxico, o libro explica o feito en si pero oculta o máis importante (que a extrema semellanza dos significantes -aptitud, actitud, prexuízo-perxuízo, absorber-absolver- é orixe de frecuentes confusións semánticas). Da homonimia, o texto leva á definición un feito marxinal (que os homónimos poidan ou non escribirse igual), co cal se induce a erro (era que soan igual, que se escriben igual ou que soan igual pero non se escriben igual..?). Pasamos a conceptos de literatura, que aparecen no libro mesturados cos de lingüística sen maior orde nin concerto: síntome frustrado de non poder explicar coa claridade didáctica que esixe a mente do cativo a extrema sutileza das diferenzas entre comparación e metáfora. Pero o desalento, e unha carraxe que percibo in crescendo, acada cotas insospeitadas cando chego á definición de greguería: metáfora a la que se ha añadido sentido del humor. Fue creada por el escritor Ramón Gómez de la Serna. Ejemplo: la lagartija es el broche de las tapias.
Estudo Coñecemento do medio co pequeno Juanpe (10 anos). Tras un capítulo consagrado á relación nominal das autoestradas de Galicia (AP9, A52, A6, AG56...) e os seus percorridos, deixo que o neno dea un par de lecturas a outro capítulo da lección. Pregúntolle polo sector terciario ou de servizos: responde o sector terciario ou de servizos non fai produtos bos. Amoscado, replico que o que acaba de dicir é un disparate. Vou ao libro de texto. Di: O sector terciario ou de servizos non produce bens materiais. Agora o entendo: trátase do abuso sistemático dos conceptos implícitos e da presuposición de coñecementos.
Non sei se será que os autores destes textos saben moito do seu e de pegagoxía de aula (xa saben: contextualización curricular, itinerarios, consecución de obxectivos, estratexias dinámicas...) pero moi pouco da pedagoxía do sentido común, esa que se intúe e non se aprende. Se imaxino a un señor que bota dez horas nun andamio mentres a muller limpa nunhas oficinas e lles contrapoño o que, cando chegan ao fogar, deben estudar co su neno de 10 anos, teño adiantado moito na comprensión do fracaso escolar e dun sistema educativo que, no fondo, o estimula.

10 comentarios:

Anónimo dijo...

Os libros de texto van de pasables a malos (con independencia da lingua na que estean escritos). Perfecto, ningún. Inevitable.

Non é por meterse en camisas de once varas, mais din os que saben disto que teñen que ser os rapaces os que, a partir dunhas directrices básicas, deben aprender por si mesmos a estudar, como xeito de acadar a súa propia autonomía. Os pais deben intervir só moi puntualmente, pero nunca ter como hábito "estudar cos fillos", que no fondo vén ser unha mostra máis de sobreprotección. Xa sei que unha cousa é a teoría e outra a realidade concreta de cada quen neste mundo do señor, pero ese seica é o desideratum. A min paréceme válido.

Anónimo dijo...

Será que Juanpe entendeu bens como algo bó: se non fan bens, farán males. A homonimia, amigo don Juan.
Sobre que sexan malos ou bós, eu coñezo ben os de literatura. Ben sabe vostede o tempo que hai que se desmontou nas aulas universitarias a vella dicotomía culteranismo/conceptismo. Pois ben: bótelle un vistazo ao tema correspondiente. Aí aparecerá: como o pacto de goberno bipartito en Vigo (o único caso de grupo abeliano non conmutativo): vivito y coleando.

Anónimo dijo...

Este Arume sempre encerellando ca política.

Juan L. Blanco Valdés dijo...

Deixando de lado, en efecto, calidades dun texto a outro (o quemutatis mutandis sempre sucedeu), o comentario de Api paréceme moi oportuno. Non lembro ter estudado nunca cos meus pais máis que, coa miña nai, nos primeiros compases da miña andaina (supoño que nos niveis máis básicos da primaria, onde tal axuda é imprescindible). É posible que, tal como apunta Apicultor, isto de botar un fin de semana enteiro (sic) estudando cos nenos sexa unha mostra máis de sobreprotección, e non moi positiva precisamente. O caso é que, falando de autonomía, eu aos meus, sobre todo ao maior, non lles percibo esa autonomía que, calculo, eu debía ter cando tiña os seus anos (por volta do terceiro ou cuarto curso do antigo bacharelato de seis cursos e COU). Pero, ao mellor, o paso do tempo empaña a lembranza. Do que si podo dar fe é de que non é un problema meu, senón común a todos os pais da miña quinta (polo que, deduzo, algunha razón "sistemática" debe haber, non?).
Sobre qué cousas se encerella o bo amigo Arume, esta casa está aberta a todo xénero de fanatismos, como é ben sabido.
Saúdos.

Anónimo dijo...

O manual de lingua galega da miña filla de oito anos ten grallas ortográficas, sintácticas, semánticas, estilísticas.

Nin que o redixise eu.

Alén diso, esquecía, non está escrito en galego. Parece castellano pasado para galego por Hal 9000.

Saúdos.-

Anónimo dijo...

A min tamén me parece moi razoable o que di apicultor, pero teño dúbidas coido que igualmente razoables.
Cal son as "directrices básicas" e quén as marca? Cando podemos considerar que a intervención é só "puntual"?
E o máis importante: se o sistema non funciona (o rapaz é moi autónomo, si, pero inda así non aproba) qué fago? Déixoo estar ou paso a fin de semana estudando con el?

Juan L. Blanco Valdés dijo...
Este comentario ha sido eliminado por el autor.
Juan L. Blanco Valdés dijo...

Aí lle doe amigo!! Creo que a súa última pregunta resume moi ben o problema. Que fago? Reconstrúo coa miña actitude crítica o sistema, consonte o que creo que debe facerse e dígolle ao neno "Hala, agora a estudar ti soíño", ou me amoldo a el, cedo ao "rodillo" e boto toda a finde estudando co cativo? De momento, o camiño pragmático é o que se impón, o cal, como comenta Apicultor, en efecto perpetúa un sistema no que se anula a autonomía dos rapaces.

Anónimo dijo...

É que o da autonomía, como moitas outras cousas, está moi ben na teoría, pero a práctica é outra cousa. Se algunha cousa teño aprendido nos anos que levo de pai, é que cada neno e cada pai somos un mundo, e que a teoría vale (e moito) ata onde chega, nin un centímetro máis aló.
Hai un chiste que sempre ven na miña axuda nestes casos nos que a teoría pedagóxica choca coa realidade do día a día: un pequeno está no super montando un cristo impresionante, cando chega un tipo e lle di ao pai: "se fora o meu fillo metíalle unha hostia que o puña a andar"; e contéstalle o pai do neno en cuestión: "xa che digo! eu, se fora o teu, inda lle metía dúas"

juan l. blanco valdés dijo...

Moi bo e ilustrativo!! Tomo boa nota.