18.3.09

TRIPALIUM

Aquilo bíblico de gañarás o pan coa suor da fronte foi intelixentemente reformulado por Luis Aguilé nun tema clásico, que lembro case todas as mañás por volta das 7:00 h, entre bocexos e maldicións: Es una lata el trabajar, todos los días te tienes que levantar, sen dúbida unha das tonadas máis sinceras que teña saído xamais de voz humana.
Sabía vostede que o vocábulo galego traballo (coma o catalán treball, o castelán trabajo e o luso travalho) non vén do latinoclásico LABOR senón do latinovulgar TRIPALIUM, que era en realidade un instrumento de tortura montado con tres paus? Iso dá a medida perfecta da percepción ibérica acerca da adicación, dura pero imprescindible, á busca do substento. Nun país onde o traballo, pois, ten unha percepción colectiva máis ben "torturada", existen múltiples corolarios, ilustracións e consolamentos das penas que inflixe a servidume diaria do tajo. Xa falei daquel que animaba os compañeiros cando chegaba o martes:
-Veña que xa é martes, xa vai alá a semana.
A un coñezo eu, afectado en días soltos dunha patoloxía tan característica como estendida:
-Téñoche o mal da cereixa: eu quero traballar e o corpo non me deixa.
Este mesmo, apoñendo a un compañeiro, funcionario, claro, certa "deixación" das súas funcións, xulgaba:
-Se o traballo é saúde, viva a tuberculose!
Pero o mellor -xuízo digno de ser inscrito con letra de ouro no mausoleo de pensamentos universais- é o que un meu amigo escoitou non hai moito a certo sindicalista:
-O malo do traballo é que che parte a mañán.

3 comentarios:

Miguel Vila (Colineta) dijo...

Eu ando cunhas gañas tolas de traballar... pero aguántome

juan l. blanco valdés dijo...

Non, ho, se a iso hai quen aguanta que é digno de ver...

apicultor dijo...

Os sindicalistas (sobre todo os da administración) saben moito do traballo... alleo. Porque o que é do propio...