25.3.09

A termodinámica e as croquetas

Xa me teño referido a que unha das cousas máis gratificantes e suxestivas do traballo de edición é a gran variedade e diferenza de persoas e ámbitos profesionais cos que, forzosamente, un se ve obrigado a traballar. No meu caso, sendo que o editor é o centro, en canto coordinador, desa constelación e que o abano temático dos libros que edita é tan amplo como o é a propia universidade, resulta que os contactos, por veces casuais, entre as diferentes áreas de traballo poden dar en resultados imprevisibles e, por demais, chispeantes. Esta mañán, solicitaba eu telefonicamente a un deseñador e bo amigo a confección da cuberta para o Tratado elemental de química —que de xeito inminente imos publicar na nosa colección de Clásicos do Pensamento Universal en galego— , de autoría do cidadán Lavoisier, poliédrico personaxe a quen , por certo, o Terror pagou ben amargamente os seus varios oficios públicos pois en 1794 o seu malfadado pescozo coñeceu o contundente tallo do invento de monsieur Guillot.
No percurso da conversa, comentábame este deseñador que na súa casa paterna, sempre que había croquetas para comer, seu pai sinalaba con coña: Home, hoxe temos Lavoisier! De verdade que, de non mediar a oportuna explicación do meu creativo amigo, xa me poderían despelexar antes de certar eu coa orixe de tan críptica expresión, que relacionaba as nutritivas bolas de bexamel con don Antoine Laurent. A cousa vén do primeiro principio da termodinámica, atribuído con insistencia ao sabio francés, malia que semella ter sido de enunciación anterior: a enerxía non se crea nin destrúe, só se transforma. Claro! pensei, as croquetas! Sublime!

6 comentarios:

arume dos piñeiros dijo...

Non haberá con esto ningunha mensaxe subliminal con algunha noticia relacionada coa alma mater súa?

juan l. blanco valdés dijo...

Ai, Arume! Miré los muros de la patria mía etc. A enerxía non se crearía nin se destruiría se houbese enerxía, pero por estes pagos creo que cada vez menos enerxía nos queda!

Lándoas dijo...

En todo caso: Antonio, SELECCIÓN!!
E as croquetas son a gloria. De bacallau, naturalmente.

juan l. blanco valdés dijo...

Un clásico, Lándoas, un clásico: o soño de Carpanta!
Por certo, unha corrección amablemente indicada polo meu amigo narrador da anécdota: era o seu sogro (e non o seu pai) o erudito das cocretas.

Anónimo dijo...

Mire por onde, non lle lera esto. Está moi ben.
Que saiba vostede, e o sogro do seu amigo, que eu hai moitos anos que corto as patacas seguindo o método Levallois. É o que lle ten estar estudado.

juan l. blanco valdés dijo...

Home, eu coñecíalle o método Susa Suárez de corte e confección (e para iso de oídas), pero ese procedemento gabacho (pola onomástica) para as pommes de terre non. Conte, conte!