20.3.09

A volta do yo-yo

Tanto, tanto me gustou o comentario que Patricia, unha visitante desta bitácora, envía dende Pontevedra, que con sumo gusto o reproduzo literalmente:
Temed a los griegos aunque traigan regalos. Temed a los tontos que quieren ayudaros. Temed a las grandes corporaciones que quieren cubrir vuestras necesidades. Temed a los adolescentes que no tienen acné. Temed a los que tienen un arma para protegeros. Temed a los que os observan para vigilaros. Temed a los que se afeitan todos los días sin tener que hacerlo. Temed a los que hablan por vosotros para velar por vuestro bienestar. Temed a los que manejan venenos para curaros. Temed a los nuevos sistemas operativos hechos para tontos.
Extrapolo, entre liñas, do comentario de Patricia a emerxencia dun novo xénero de cidadáns, bastante fartos de que se nos tome sistematicamente o pelo, unha nova caste de persoas, documentadas, cultas, traballadoras, que está ata o gorro de ver que a nosa clase dirixente está fundamentalmente constituída de oportunistas sen formación nin, aínda, formas.
Eu creo que a última mensaxe política enviada ás urnas pola cidadanía galega agocha implicitamente un sentimento xeneralizado: os cidadáns pedimos máis xestión e menos política. Na miña opinión, o deterioro a que chegou a percepción colectiva dos nosos dirixentes— non só a forza de escándalos senón pola pura disipación de resultados entre tanta política inútil— esixe unha urxente restauración: a da confianza en que os nosos representantes funcionen a base de ética e vontade de servizo público, magnitudes tan ignoradas nos últimos tempos que só a súa evocación incita a un sorriso irónico. Necesitamos tecnócratas que contribuán a solucionar os problemas, que, como cidadáns, nos acucian no día a día e que a través dunha xestión pública acertada poden en efecto reducirse: o pan de cada día, o futuro dos nosos fillos, o euríbor, a factura da luz e o prezo dos tomates, un ensino competitivo e de calidade, a mellora das comunicacións, a sanidade, unha oferta cultural aberta, sensata e sen seitarismos…, e non arribistas e indocumentados que converten a política nunha actividade semiprofesional orientada, en moitos casos, a un medre persoal e social inatinguible doutro xeito.
En fin, que ata aquí podiamos chegar. A ver en qué para a cousa. De por parte, teño para min que, como lle pasa ao yo-yo, cando dá abaixo de todo non lle queda outra que subir. Alá veremos.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Máis xestión e menos política? Non o vexo nada claro: toda xestión pública non deixa de ser política, do mesmo xeito que a execución das políticas públicas comporta xestión de recursos, o cal supón decidir entre opcións de asignación de recursos que por definición nunca son neutras: o óptimo paretián non existe nestes eidos. Uns gañan, outros perden (un tanto darwinistamente, por certo).

Outra acepción, en chave máis "campechana" ou mesmo montaraz, retrotráenos ó contiño aquel de "gobernar a administración como un empresario xestiona unha empresa". Mamá, miedo. Coas cousas de comer non se xoga: en dúas patadas temos un remedo de Berlusconi instalado cómodamente nas nosas moles e apáticas conciencias políticas.

O apolítico non é que careza de ideoloxía: máis ben é que milita no bando da máis rancia e balorenta. E a presunta (e falaz) carencia de ideoloxía tampouco garante por sí mesma que a sedicente competencia profisional dos tecnócratas poida sobrancear outros aspectos negativos da propia xestión burocrática, xa que ésta está por definición marcada (cando non eivada) pola propia dinámica ou tempus da aprobación e a estructura do presuposto público, cuidadosamente regulada e produto de interminables transaccións. Onde, por certo, é onde se manifestan en todo o seu esplendor as ideoloxías en acción dos distintos axentes intervintes. A cousa é así.

Restauración urxente da confianza no funcionamento a base de ética e vontade de servizo público? Daquela, permítaseme unha enmenda verbal, sen mália todo fuxir do eido da simpática utopía: no canto de restauración, propoño "instauración", sen máis. Non lle parece?.

Magnífico o comentario de Patricia, certamente.

Apertas!

juan l. blanco valdés dijo...

E magnífico o seu comentario, punto de vista e clarividencia, amigo caosemdono. Perfecto, corríxome. Deixémolo en instauración: soa a reto aínda máis suxestivo.
Saúdos.