4.3.09

Cernas do humor

Esta mañán, despois dun agradable e sinxelo acto de presentación dun libro, visitabamos un grupo de persoas, entre as que se atopaba o autor do libro -arquitecto de profesion-, a cuberta dun nobre edificio histórico universitario, enclavado no corazón do casco vello, dende onde se enxergaba unha extraordinaria vista sobre Compostela. Unha das cousas anexadas á práctica da edición universitaria é que, de costume, a xeira laboral se desenvolve entre persoas en extremo cultas, coas que o nivel medio de conversa é, como pode supoñerse, moi elevado. A visita que comento non foi unha excepción e a charla dos circunstantes correspondía á magnitude -arquitectónica, artística, urbanística, histórica...- dos elementos que contemplabamos. Para "descender un pouco á terra", cando, á vista do mamotreto do monte Gaiás, o diálogo substanciaba ata que punto toda gran obra de creación arquitectónica é, de seu, unha agresión, se me ocorreu suxerir, naquela marabillosa terraza, e dado o avanzado da mañán, o ben que virían unhas sillas, uns cacahuetes e unha caixa de quintos estrella galicia.
Unha das persoas que nos acompañaba, bo e vello amigo, esteta e filósofo intelixente e crítico, comentoume logo que identifica como un rasgo da miña personalidade un humor moi característico, que, en ocasións como a que comento, se manifesta pola súa iconoclastia e a capacidade de poñer por prosaico e digno de risa o metal máis nobre. Non direi eu que non sexa así. Pero o que si podo asegurar é que tal forma de humor a recoñezo máis como a destilación persoal dun espírito popular e profundamente amarrado á miña galeguidade que como unha elaboración consciente e culta. Para ilustración do benévolo lector acerca de tal espírito popular poñerei un exemplo.
Coñezo eu un tipo que preside, ou presidía, certa confederación de empresarios dunha bisbarra moi querida por min. En tal calidade, e na compaña dun grupo de empresarios e comerciantes da zona, visitou hai un par de veráns a Bretaña francesa. Eu, que son seareiro da fermosa Armórica, sabendo que a visita dos excursionistas incluía os megalitos de Carnac, Morbihan, as cidades de Douarnenez, Lorient, Brest e outras marabillas, inquirín con entusiasmo a este home, xa retornado, polas impresións da viaxe e as visitas. Díxome:
-Bueno, carallo, bueno. Non hai ambiente ninjún. E pa comer, moito mellor esto.
Meter cousas así na minipimer da elaboración culta pode cortar a mahonesa.

1 comentario:

Iacobus Von der Stein dijo...

Lembro cando os meus cativos eran aínda unhos críos, que os levei a unha visita guiada o Castro de Viladonga, que escomenzaba a potenciar o amigo Felipe Arias.
Non sei seguro se era verán, pero facía unha unha boa temperatura e aprovetei para levar a miña nai, con intención de xantar no Cazoleiro en Meira.
O pouco tempo da visita vin a miña nai un pouco dispersa, e sabendo como era pregunteille que lle pasaba, espetoume:"Cantos coma estes desfixemos en San Martiño para facer valados".
Trágame terra.