13.3.09

Más cine por favor

Disque en Camerún pechou a última sala de cine que se mantiña aberta no país. De certo que o acceso ás últimas producións de Hollywood ou ás cintas galardoadas cos osiños berlineses non debe figurar nos postos principais do catálogo de preocupacións cotiás dos cameruneses, acuciados, supoño, por angueiras de maior calado. Pero a nova, dita así, coa contundencia das medidas absolutas, ten un regusto inquietante, un sabucho de melancolía que evoca o son de fiestras que se pechan nun edificio que se vai abandonar e condenar á escuridade e o silencio por moitos anos. Imaxinan un grupo de cameruneses, frustrados seareiros da sétima arte, que un domingo en Yaoundé, capital do país, teñen que viaxar a Nixeria, o Congo ou Chad para ver a última de Charlize Teron e poder soñar con ela? Véñenme, confusamente, á memoria aquelas procesións de pobres españolitos que ían a Perpiñán para ver a famosa escena da mantequilla entre Brando e Maria Schneider...
Tamén en España pechan todos os días salas de cine. E agora coa crise, polo visto, máis. Eu observo o fenómeno co estupor que me producen as fondas contradicións da sociedade na que vivo: na mesma liña de paradoxais extremos que se tocan (anorexia como resposta á máis inmoral opulencia; indixestión editorial fronte a indixencia lectora…), no celuloide asistimos a unha sobreprodución indiscriminada —permítanme que insista: estamos ao borde do colapso informativo— que trae como inexplicable consecuencia que non só pechen salas de cine senón aínda negocios de videoclube. Intúo que a regulación sistemática das descargas incontroladas de películas dende a rede será un paso indispensable en breve prazo. Porque, ao igual que ocorre coa música, internet é un reflexo do mundo real, pero o mundo real (coas súas multinacionais discográficas e produtoras de cine e miles de millóns en xogo) está aí fóra.
De por parte, en memoria daquela canción de Aute que pedía cine, cine, cine, más cine por favor, eu son vítima, como vostede supoño, dun fenómeno sintomático: entre o maremágnum de filmes que se renova cada semana, xa non son quen de lembrar se vin ou non unha película, e, das que estou certo que vin, lembro en moitos casos simples retallos, coma fugaces imaxes dun soño. Xa ven: uns tanto e outros tan pouco! Se estaba vostede pensando en abrir unha sala de cine en Camerún, desbote a idea. Paréceme un consello razoable.

4 comentarios:

Iacobus Von der Stein dijo...

A miña muller é de Segovia, e coméntame que a mediados dos 80, a cidade ficou sen cines. Hoxe, teñénnos nunha grande area comercial -Eroski-.

juan l. blanco valdés dijo...

Fermosísima cidade, por certo, con cines ou sen eles.

Anónimo dijo...

Yo voy al cine sobre todo con mi hijo... y es un pastón. Y ¡Me gusta ver pelis! Sentarme con mis palomitas y demás, ver una peli sin anuncios. Pero entre que cada vez nos queda menos tiempo y lo de la pasta al final te queda el recurso del DVD en casita. Jaime.

juan l. blanco valdés dijo...

Si, a verdade é que as economías domésticas non están para moitas coñas. Deixando de lado o timo das palomitas. Cando me espetan que un cartucho mediano vai a 6 euros, imaxino a cobradora con antifaz e pistola. O malo é que, como ben dis, o cine cine é iso: a sala de cine, apáganse as luces, non hai móbiles nin interferencias.. Outra cousa, vamos.
Apertas.