10.12.08

Divina imperfección

Unha boa amiga sostén unha tese digna de toda consideración. Cre que o aséptico automatismo e a implacable perfección dos ordenadores inflúen de xeito definitivo nas nosas vidas ao punto inevitable de agardarmos, cando non esixirmos, idéntico automatismo e perfección en todo o que nos arrodea e, o que é máis grave, en todos os que nos arrodean. Dío a miña amiga dun xeito moi gráfico:­
-Queremos que os nenos sexan coma os ordenadores. Daslle a intro e, ala, a comer, ou á ducha, ou á deitarse.
O malo, claro, é que os seres humanos non temos, de momento, tecla intro. Aínda que, como ben sabemos dende Verne, Huxley e Orwell, todo se andará, de momento non temos tecla intro, e as cousas son bastante máis complicadas para os nosos discos duros e ram's ca para as dos nosos portátiles, moito máis dóciles e guiados. Sexa como for, é claro que, tendo confiado aburridas e onerosas rutinas pero tamén especializadísimos traballos técnicos ás máquinas informáticas, vivimos afeitos a un nivel moi elevado de competencia , efectividade e, mesmo, unha sorte de robótica pureza.
Non sei se vostede o percibe coma min, pero sinto que a nosa é unha sociedade que odia o defectuoso. Nun movemento de dirección paradoxal (no senso da plasticidade da que falaba hai uns días), ao tempo que se refina a sensibilidade colectiva a respecto dos discapacitados, marxinados, anciáns…, a sociedade sataniza a enfermidade, o olor corporal, a fealdade, a gordura… no entanto sacraliza, dun xeito por veces intolerable, a beleza, a delgadez, a mocidade, e esa perfección física que se quintaesencia nos modelos de pasarela, que, cando desfilan, semellan que se van escarranchar.
Creo que as cousas antes non eran así. Viviamos reconciliados cos defectos e, trocando o comido polo servido, dabamos por bos indesexables efectos colaterais. O defecto era, ademais, consubstancial ao afecto. A neve dos vinilos­, por exemplo­, ese ruído chasqueante e característico dos elepés de toda a vida, derivado da electricidade estática, ía acrecentándose canto máis nos gustaba o disco. O deterioro ennobrecíase ao adquirir algo así como a marca do amor. O afecto polo disco medraba, ademais, coa espera. Lembro con canta ilusión recibía os paquetes de Discoplay semanas despois de ter cursado por correo postal o pedido. Hoxe a música, coma tantas cousas, non se fai esperar ­-eMule, Ares, MySpace, YouTube…­ -e, no seu soporte dixital, é perfecta, sen o máis mínimo ruído de interferencia; se escoitas un piano, dá a sensación de que tes o pianista e o Steinway alí ao ladiño.
O outro día o maior meu, 14 anos, interesouse, sorprendentemente, pola miña colección de vinilos. Faleille con afecto dos meus inicios musicais e do desenvolvemento progresivo dunha melomanía indisolublemente unida a esa colección de elepés. Seleccionei algún, especialmente amado por min, e, expectante polo resultado, puxen no phono Marions les roses do grupo Malicorne, un «maio» a capella autenticamente escalofriante, que talvez vostede recorde. Ben supoñía eu que a diferenza xeneracional había ser barreira infranqueable para que lle chegara ao rapaz sequera unha parte mínima do meu fetichismo, pero o resultado foi peor do que agardaba. Díxome, simplemente:
-Pffff, se oye fatal.

3 comentarios:

Ana Bande dijo...

Ja...ja...ja...¡presionante migo Valdés! as súas teimas de cada día son as miñas e coido que tamén a cara de parvo que se nos queda cando os fillos nos miran coma se lles falasemos en sánscrito.

Anónimo dijo...

E que ti tamén llo pos difícil ao rapaz... Non tiñas outro disco? Manda huevos, que diría o outro. Vaille coller unha manía aos vinilos... Ti máis que tender pontes para salvar a diferencia xeneracional, daslles aos cativos dinamita para facer máis fondo o precipicio.
Despois de escoitar a Malicorne, lembrei o que dixo hai tempo unha amiga miña a proposito dun concerto de jazz ao que a invitaran dous ou tres anos antes: "todavía me estoy aburriendo ahora".

juan l. blanco valdés dijo...

De gustibus non disputandum, como dixo o outro amigo. Hei de recoñecer que, como herdo dunha época na miña mocidade de celtismo (cultural, non futbolístico) exacerbado, ficoume un enorme afecto pola música folk (Chieftains, Gwendall, Steeleye Span, Alan Stivell, John Renbourn, The Pentangle...), nomeadamente por Malicorne que en absoluto me parece un grupo aburrido. Pero, en fin... Talvez buscaba no neno unha reacción "extrema" cunha proposta musical tan radicalmente diferente do que está afeito a oír. Tomo, en calquera caso, en consideración o seu punto de vista.
Saudos.