A combinación do meu nome co meu segundo apelido deu pé, como xa sinalei nestas páxinas, a un choteo relacionado con certo produtor de café de tierra caliente que popularizou un spot da caixa tonta. Tampouco son alleo á coña ―esta de corte máis erudito― que evoca a homonimia parcial do meu nome co daquel humanista, valente, moderno e profundamente europeo, que foi Juan de Valdés. Nunha estada por motivos laborais na fermosa cidade de Cuenca, e con motivo de aloxarme nun pequeño hotel no corazón do casco antigo, imaxinaba, en hora nouturnal e facilitado pola escasa iluminación, o meu dobre tocaio haldeando pola ruela arriba, tal vez na compaña do seu irmán Alfonso, tratando das últimas novas que sobre os progresos de Lutero lles enviaba un grande amigo dende a lonxana Rotterdam, en terra de Flandres.
Cando impartía titorías de Historia da Lingua Española na UNED referíame a Juan de Valdés, con ironía pero tamén con agarimo, coma mi pariente e ao herdo familiar da afección filolóxica, non sen provocar desconfiado estupor nos meus alumnos.
Nalgunha outra ocasión falaba eu aquí do escasísimo inventario de libros aos que lles recoñecemos unha influencia indiscutible na perfilación das nosas inclinacións, no meu caso filolóxicas e bibliofílicas. O número de veces que teño usado, lido, consultado ou simplemente folleado por gusto o Diálogo de la lengua de mi pariente humanista é, alén de proba obvia de estar incluído no selecto inventario devandito, manifestación do valor inmanente de certos textos non só no que atinxe á riqueza, rigor e oportunidade dos seus contidos, senón aínda ao testemuño perenne dun xeito de reflexión intelectual -e mesmo, mutatis mutandis, científica- de honestidade, coherencia, altura de miras e laxitude de criterio que, catrocentos anos despois de escritos, seguen emocionando. Honestidade, coherencia, altura de miras e laxitude de criterio que, por certo, empurraron aos Valdés a viviren lonxe do seu país, baixo a permanente e odiosa suspicacia da Inquisición.
Atopo na biblioteca do avó unha deliciosa edición do Diálogo. Trátase dun volume en oitavo e tapa dura, con belísima estampación art déco en ouro na cuberta, exemplar característico da colección literaria da nunca ben ponderada Editorial Saturnino Calleja, S.A., Casa fundada el año 1876. No prólogo, o polifacético erudito José Moreno Villa salienta unha apreciación de Valdés que dá a medida da súa estatura intelectual, podendo sevir, ademais, de oportunísimo espello en que mirarse todo xénero de patriotas, patrioteros e nacionalistas: Que sea de mi tierra o no, esto importa poco pues, cuanto a mí, aquel es de mi tierra cuyas virtudes y suficiencia me contentan, si bien sea nacido y criado en Polonia.
Nós, os Valdés, é que somos así.
1 comentario:
Ourense, 5 de novembro de 2008
Prezado/a amigo/a:
Unha comisión organizadora radicada en Ourense estamos a preparar unha serie de actos en HOMENAXE ao noso común amigo MARCOS VALCÁRCEL. A desculpa próxima é a publicación dun novo libro da súa autoría sobre a historia de Ourense –que se presentará o día 29 de novembro ás sete da tarde no Liceo– e outra a necesidade de buscar formas para expresar a gratitude e cariño que moita xente quere comunicar a Marcos, nestes momentos complicados para a súa saúde.
Non é este o lugar para glosar detidamente o gran contributo de Marcos Valcárcel á cultura galega. Chega tan só con lembrar algunhas das súas facetas: os seus traballos de investigación e divulgación sobre a historia de Galicia e en especial nos eidos cultural e xornalístico, a súa constante presenza na prensa galega dende hai trinta anos (hoxe en día en Galicia Hoxe, La Región, A Nosa Terra), o seu desinteresado labor de organizador e dinamizador cultural na cidade de Ourense, ou o seu blog As Uvas na Solaina . E todo sempre desde posicións galeguistas, progresistas e dialogantes.
En consecuencia, gustarianos contar coa túa presenza e colaboración no seguinte acto:
CEA HOMENAXE a MARCOS VALCÁRCEL .
Ourense, SÁBADO, 29 de NOVEMBRO de 2008 , ás 21:00 horas, Restaurante San Miguel.
RETIRADA DE TARXETAS:
As tarxetas para a asitencia á Cea poderanse retirar en Ourense, desde o venres día 7 de novembro, en tres lugares: No Liceo, na Casa da Xuventude e no Restaurante Sanmiguel. O custo da cea é de 30 euros.
Para aquelas persoas de fóra de Ourense que queiran asistir, habilitamos unha conta de Caixa Galicia (2091 0400 88 3040045410 ) na que poden facer o ingreso desa cantidade indicando o nome do participante. Posteriomente, o mesmo día da Cea pódese retirar a tarxeta no restaurante co resgardo da transferencia.
Dada a previsión dunha nutrida concurrencia, rógase efectuar estes trámites canto antes. En calquera caso, pecharanse as listas de asistencia o día 25 de novembro.
INVITACIÓN ABERTA:
A Cea Homenaxe está aberta a todas as persoas interesadas, polo que che pedimos fagas extensiva a invitación a quen consideres oportuno.
Unha cordial aperta e moitas grazas a todos.
César Ánsias / Xoán Fonseca / Benito Losada / José Carlos Martínez-Pedrayo
Eustaquio Puga / Xosé Ramón Quintana / Xosé Trebolle / Afonso Vázquez-Monxardín
Publicar un comentario