15.5.07

Longos de máis

Un bo amigo e lector asiduo destas páxinas, en exercicio de agarimo e construtiva crítica, dime que os posts desta bitácora lle resultan longos de máis, apreciación que non é a primeira vez que se me fai. Deste xeito -opina el- abruma un pouco a cantidade de aspectos distintos que os artigos conteñen, producindo un efecto similar ao de entrar nunha gran libraría e non saber por ónde empezar perante tan inatinguible oferta. Ben sei canto hai de certo nisto e eu mesmo teño por veces abominado de tal exuberancia. Direi no meu descargo que o propio deseño dos blogs (de lectura vertical e scrollica, toma adxectivo!) favorecen que aquel que en Word semellaba texto breve, editado no blog devén un fárrago que convida ao abandono a media lectura. Pero isto é feble excusa. Acaso aos blogs lles pase como aos cans, que rematan por parecerse aos seus donos, e estes fragmentos galácticos sexan fiel reflexo do barroquismo expresivo do seu propietario (á parte de condicións innatas para darlle á sin hueso, sabido é que o 50% do traballo dun editor é rajar). Vacinaríanme de pequeno coa agulla dun gramófono?
O acto de contrición feito, fago tamén propósito da enmenda. A ver se é verdade.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Non se corte. É certo que son longos (os meus tamén, supoño que as razóns son as mesmas que vostede ofrece), pero son lexibles e amenos. Vivimos nunha cultura da rapidez (aqueles míticos 72 planos da ducha de Psicosis en escasos segundos son agora dunha lentitude extrema, cando temos a visión deformada por videoclips e videoxogos varios) que nos leva a desenvolver unha atención sumamente fragmentaria. Presta ler reflexións rápidas, motivos, flashes, pero tamén presta pousar a mirada nos seus pos. A min, particularmente, agrádanme. Gustaríame que a xente que le os meus disfrutara como eu disfruto dos seus.

juan l. blanco valdés dijo...

Vostede sempre tan gratificante. Fondamente obrigado, como decote.