29.5.07

Eu, nun corto

Aí van, coma quen di dando tres cuartos al pregonero, os resultados da analítica que hai días suxeriume facer As uvas na solaina. Conste que a idea deste strip-tease non foi miña.

O principal risco do meu carácter?
A pregunta agocha unha curiosa homonimia: risco pode ser ‘característica’ ou ‘trazo’ e ‘risco’ (cast. riesgo). O lirismo, unha especie de perigosa hiperestesia, o entusiasmo, que son armas de gume dobre (rasgo y riesgo), esan son as características principais, creo, do meu carácter.
A calidade que prefiro nun home?
A honestidade e a coherencia.
A calidade que desexo nunha muller?
A honestidade e a coherencia.
O que máis aprecio nos meus amigos?
Que o sexan de verdade, por riba de intereses e circunstancias concretas.
O meu principal defecto?
A impaciencia.
A miña ocupación preferida?
Vivir.
O meu soño de dita?
É un segredo.
Cal sería a miña maior desgraza?
É unha pregunta tan pouco orixinal coma a resposta: a enfermidade propia ou dos meus.
Que quixera ser?
Paciente, máis frío para algunhas cousas.
Onde desexaría vivir?
Convénzome todos os días de vivir no lugar máis fermoso do mundo (trátase dun elemental exercicio de reconciliación coa miña hipoteca).
A cor que prefiro?
O azul.
A flor que prefiro?
Gústanme moitas. A gardenia tal vez, por textura, cor e olor.
O paxaro que prefiro?
Nunca fun moito de paxaros. O peto é un animal que sempre me fixo graza.
Os meus autores preferidos en prosa?
Atribuír a un autor a capacidade de gustar na súa totalidade é excesivo. Lin contos, relatos, páxinas, libros marabillosos de Baroja, Chesterton, Juan Manuel de Prada, Roald Dahl, George Borrow, Hardy, Poe, Clarín, Kafka, Tolkien, Kazuo Ishiguro, Sciascia, Lovecraft, Blanco Amor, CJC, Heinrich Böll, Saramago, Fole, Mika Waltari, Milan Kundera, Scott, o anónimo autor de Lazarillo de Tormes, Defoe, Cunqueiro... (segue un interminable etcétera que muda cada día).
Os meus poetas preferidos?
Aínda que a escribo, son infrecuente e mal lector de poesía (de xeito que pouca intertextualidade poderá acharse na miña). Wilde dicía que todo poema malo é sincero. Paso da poesía como artificio, escola, militancia, espectáculo. A poesía é fundamentalmente apátrida e arrautada. Creo con Hölderlin que habitamos poeticamente a terra de xeito que a poesía non é cousa (ou non o é exclusivamente) de poetas. Quen chora a desaparición dun ser querido ou quen ri de ledicia está escribindo un poema.
Amor constante más allá de la muerte de Quevedo y las coplas que Manrique escribiu pola morte do pai son creacións belísimas, escalofriantes, inzadas de dolor e dúbida, como debe ser. Machado, Neruda, Valente escribiron poemas tremendos que, cando lidos en alta voz, póñenlle a un a pel de galiña, e, de por aquí, Manuel Álvarez Torneiro paréceme un poeta sincero, sen imposturas e tenme emocionado máis dunha vez.

Os meus heroes de ficción?
Son pouco mitómano. De neno flipaba cos superherores de Marvel, especialmente con Iron Man. De feito, estou un pouco ofendido co éxito esaxerado de Spiderman (sempre considerei a Peter Parker un papaostias).
As miñas heroínas de ficción?
Aos oito ou nove anos estiven namorado de Samantha Eggar, a prota feminina de El coleccionista de Wyler. Pero xa se me pasou.
Os meus compositores preferidos?
Quen me coñece sabe que son un melómano patolóxico. Oio (e creo) música permanentemente. Levo (por herdo familiar de dúas xeracións) a música nas veas. Toquei e toco a batería (en dous grupos, con maquetas gravadas e todo) e a guitarra (teño tres na casa: clásica, acústica e eléctrica) e coqueteo permanentemente co piano. A respecto dos gustos, pásame como cos libros. Algunhas indicacións e alicerces, necesariamente fragmentarios e incompletos: case todos os autores asociados ao selo ECM (Egberto Gismonti, Chick Corea e Keith Jarrett con mención especial); algunha xente de Tamla Motown e o jazz-rock; todo o pop nunha complexa e rica evolución que vai dos Beatles a Coldplay, con calas moi especiais en The Who, The Stranglers, Prefab Sprout, Lloyd Cole and the Conmotions, Inmaculate Fools, The Police, Smashing Pumpkins, Radio Futura e algún máis); o rock sinfónico (Camel, E, L & P, Focus, Yes, Genesis con mención especial); King Crimson e Bob Fripp son un caso á parte; o heavy (mención especial para as orixes: Black Sabbat, Led Zeppelin, Deep Purple e outras cousas brutais, e pouco comerciais, como Motörhead, Van Halen, Saxon; sempre odiei a insinceridade e o histrionismo de cousas como AC-DC, Iron Maiden ou os Scorpions); Pink Floyd; Udo Lindenberg; Rodgau Monotones; The Pretenders; Crisis what crisis de Supertramp (logo maleáronse); algunhas cousas de Queen (News of the World); o folk céltico (Alan Stivell, Clannad, Loreena McKennit…); a música atmosférica e electrónica (Tangerine Dream, Kraftwerk, Klaus Schulze) e unha infinidade máis de estilos, tendencias e músicas.
Actualmente convivo moito co minimalismo (todo Windham Hill; Ryuichi Sakamoto; Michael Nyman; Philip Glass, Vollenweider; Mertens…); música medieval (lembro traballos irrepetibles de Atrium Musicae ) e clásica (Bach e Beethoven, xenios por antonomasia de todo melómano, e a maior parte do barroco italiano; Schubert; Schumann―meu pai sempre me dixo que, musicalmente, estaba moi xermanizado―; Chopin; Satie; Heitor Villalobos).
Cousas que á xente lle gustan moito e a min non me gustan ou me gustan pouco: Mozart, a ópera, a salsa, a música de baile. Odio os musicais.
Os meus pintores predilectos?
Como melómano, teño certas dificultades e limitacións para a percepción doutras artes. Non sinto grandes predileccións na pintura. Pero Vermeer, Friedrich, Watteau, Durero, Holbein, Leonardo e Velázquez farían parte delas. Unha vez (creo que foi nunha antolóxica na Kunsthalle de Bremen) vi El grito de Munch e crín que caía de cu.
Os meus heroes da vida real?
Xa dixen que son pouco mitómano. Creo que é malo ter heroes. Están moi preto dos deuses.
As miñas heroínas históricas?
Idem.
Os meus nomes favoritos?
Hai moitos que me gustan. Laura, Clara, Ana, en nomes de muller, e Miguel, Gabriel, de home, parécenme nomes eufónicos.
Que detesto máis que nada?
A falta de rigor, a deshonestidade, a incoherencia, a estupidez pertinaz, a grosería, a mala educación.
Que caracteres históricos desprezo máis?
A prepotencia, que conduce á dominación.
Que feito militar admiro máis?
Creo que en Normandía se escribiu, co sangue de milleiros de rapaces aliados na flor da vida―fundamentalmente norteamericanos― o futuro de Europa.
Que reforma admiro máis?
Todas as que derivaron do principio fraternité, liberté, égalité.
Que dons naturais quixeras ter?
Menos vertixe.
Como me gustaría morrer?
Non me vai gustar de ningún xeito.
Estado presente do meu espírito?
Permanentemente inquedo. Creo que iso que chaman "sabedoría" é un conto chino.
Feitos que me inspiran máis indulxencia?
Os que derivan da pobreza.
O meu lema?
Amanece, que no es poco.

E, como dicía o superheroe do tempo PeMán, e máis nada, ata mañán.

1 comentario:

Marcos Valcárcel López dijo...

O mundo dos blogs ten algo de striptease sentimental que, sempre que se controle, non ten por qué derivar en nada negativo. Polo demais, moi interesantes todas as respostas e descubro a súa fonda melomanía, que descoñecía ata agora.