
Ora, a asunción do argumento de vivirmos consonte a evolución dos tempos non debe conducirme tampouco, penso eu, a non recoñecer a inmanencia de certos principios, a desexable perennidade de determinadas actitudes e posicións. O respecto cara aos demais é un destes principios, actitudes ou posicións. Porque, unha vez perdido o respecto pérdese todo, como moi ben saben os maltratadores de mulleres e/ou nenos. Vale que desapareza o amor, mesmo o afecto, que son sentimentos, pero o respecto non é un sentimento libre, que se ten ou non se ten. O respecto é unha actitud perante os demais que se ensina, se aprende, se interioriza e se cultiva. E o respecto ten, ao meu modo de ver, unha manifestación externa que se chama boa educación e aínda urbanismo.
Nun contexto social onde todo se mestura e mixtifica, onde a indixestión de democracia ten conducido á máis lamentable equivocación de valores, propoñer que sexa unha norma de obrigado cumprimento que os rapaces en idade escolar se poñan en pé cando entra o profesor na aula é pouco menos que suxerir volver a dependurar da parede da clase o crucifico, e a vera effigies de José Antonio e Su Excelencia. As declaracións de Sarko están alentadas, é evidente, polo mesmo populismo que estimula toda a súa retórica de político novo que xoga a estar alén do ben e do mal e por riba das mañas habituais da clase política. Pero, con todo, fixéronme reflexionar.
Eu, e ao mellor vostede, levantabámonos ―eu cando menos durante toda a primaria e bacharelato― cando o profesor entraba en clase, e creo ter sobrevivido con ben a unha tan devastadora experiencia de submisión. Igual ca hoxe, se estou sentado, me poño en pé para saudar a alguén ou trato de Vde. a quen non coñezo, trátase de actitudes que non agochan nada especialmente reaccionario nin significan outra cousa ca unha manifestación externa do respecto debido aos demais. Entre estes, nomeadamente, a aqueles que profesan o sufrido oficio de ensinar á mocidade o que saben, oficio, por certo, ben nobre e merecente en toda época do máximo respecto. En calquera caso, nunca merecente de acosos, vexacións, insultos e, mesmo, agresións físicas. A tal chegamos.