Cantas veces terei invocado o pensamento impecable de Borges?: a infinita plasticidade dos clásicos. Cantas máis veces o invocarei? Malia o risco de ser vítima propiciatoria de dous irmáns Malasombra que, de cando en vez, visitan este furancho para, cando falo de música, poñerme a caer dun burro, vou falar de música, pois revisitar certas creacións e sentir indiferenza sería case criminal. Xa teño declarado a miña devoción polo rock sinfónico. Por música clásica entendemos, de feito, unha cousa que, en rigor, non se concilia coa realidade, nin cronolóxica nin conceptualmente. Aloxar baixo unha etiqueta común a Corelli, Schubert, Satie, Stravinski e Berg non é máis que unha manifestación extrema da pura convencionalidade das etiquetas. Indo para alén dunha semántica artificial a artificialmente admitida, eu proclamo -porque, creo, cronoloxica e conceptualmente podo facelo- a absoluta clasicidade de, por citar creacións case canónicas, Fragile (Yes), Hamburger Concerto (Focus), Starless and Bible Black (King Crimson) ou Trilogy (EL&P). The Endless Enigma, o número en dúas partes, que abre o extraordinario álbum de Keith Emerson, Greg Lake e Carl Palmer (Trilogy, 1972) é un argumento musical per se para reivindicar con toda xustiza a inclusión de toda unha xeración de compositores na máis sublime categoría da música clásica. Tocado de graza divina, o piano, órgano e sintetizadores de Emerson corren veloces, tépedos como o veludo unhas veces, brutais e metálicos outras, debuxando solos de incrible axilidade e facendo guiños a Purcell, Bach ou Beethoven. A voz xuvenil, case branca, de Lake desgárrase, sen embargo, cunha sinceridade poucas veces percibida. Os soportes rítmicos do baixo e a percusión, definitivamente agresiva, de Palmer acoutan, a xeito de mouteiras de basalto, de atroz contundencia en ocasións, a incontible catarata dos teclados.
Unha vez, falando de literatura ás mozas dun colexio, eu aseguraba que para extraer o zume a certas lecturas, hai que facelas en sazón. Quero dicir que non é o mesmo ler a Fenimore Cooper ou Twain por vez primeira con catorce anos ca con corenta e cinco. Do mesmo xeito, sinto unha enorme satisfacción retrospectiva de ter oído por vez primeira The Endless Enigma cando a miña alma musical era un terreo virxe e por sementar. Agora, con máis de medio século nas costas, comprobo a calidade da colleita. A infinita plasticidade dos clásicos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario