29.1.12

Cousas que inevitablemente se erosionan

Con todos os respectos para o por tantos conceptos ilustre corpo de galenos, é unha cousa que chama a atención o pouco coidado que conceden os médicos á calidade da escritura, e non me refiro inxenuamente á súa proverbial mala caligrafía, senón á maioritaria ausencia de vontade de estilo na escritura científica e académica. Para alén do tremendo influxo dos hábitos e estilos anglosaxóns, entendo que hai unha razón de peso, común a moitas das ciencias consideradas duras ou, por usar do argot, da "bata branca": cando se manexan magnitudes físicas, de contundente empirismo, o que importa (por veces dun xeito fundamental para a saúde e, mesmo, a vida das persoas) é o que se di e non como se di, cuestión esta da floritura, o ornato e o embeleco sintáctico máis propia do tipo de disciplinas relacionadas co pensamento, onde acaso o que se di ten, en punto a convencer, unha íntima relación con como se di. A vella discusión que C. P. Snow sistematizou nun texto clásico (The Two Cultures, 1959; o Consello da Cultura publicou no cincuentenario a edición galega) acerca do diferente estatuto das ciencias exactas-naturais e as sociais-humanísticas non é, porén, o obxecto central desta reflexión, pero si o seu estímulo. Sempre digo que, como editor, estou disposto a revisar de bo grao os textos académicos dun médico pois o que realmente importa é a saúde que reparte no exercicio da súa profesión e as vidas que eventualmente salva nos quirófanos, grandeza perante a cal escribir artigos científicos non excesivamente puristas antóllaseme unha futesa. Iso non quere dicir que o cultivo dunha correcta, e aínda estética, expresión escrita deixe de resultar desexable. Figuras de grandísimos galenos humanistas como Cajal, Marañón ou Nóvoa Santos veñen a poñer o contrapunto na cuestión. Pero si resulta indubidable que a hipertrofia tecnolóxica e a superespecialización viñeron alentando no devir dos anos a perda dun sempre desexable compoñente humanístico aínda nas ciencias máis áridas, que levou ao desenvolvemento de dispositivos expresivos funcionais, si, pero asépticos, impersonais e, por que non dicilo, faltos de atractivo.
O que segue é a explicación da sedimentación por efecto do mar nun texto didáctico moderno (2005):
Los depósitos debidos a la acción del mar son acumulaciones de los sedimentos transportados por las olas, las corrientes y las mareas. Aparecen en zonas tranquilas y protegidas de las costas bajas. Hay diversos tipos de depósitos debidos a la acción marina, como las playas, los tómbolos, las barras de arena y las flechas, Las playas son depósitos de arena en la misma línea de costa. Frecuentemente la arena está formada por partículas de las rocas erosionadas en zonas cercanas, aunque en su composición también intervienen partículas de carbonato cálcico procedentes de la fragmentación de las numerosas conchas de moluscos que se acumulan en el fondo marino.
Sobre o mesmo tema, dunha marabillosa colección de "Libros de la naturaleza" publicada por Espasa entre 1928 e 1931, o consagrado a La vida de la tierra di:
Las olas que rompen, llenas de espuma y con gran estrépito, en la arena menudita, fina, de la playa, arrastran arenas sutiles, fangos impalpables, conchas, enteras y rotas, y algas. Es un placer singular buscar en las playas, a medida que el mar baja y se retira, las brillantes conchitas y caracoles que, vacías ya, privadas del animalito desventurado que las habitó, el mar lanza como despojo muerto e inerte sobre la playa. ¡Cuántas exclamaciones de alegría no nos ha arrancado el hallazgo inesperado de alguna conchita nacarada, refulgiendo al sol, húmeda todavía de las últimas espumas que la mojaron, o el de algún caracol, cuyas espiras no podría imitar el tornero más hábil!
Fuxo como da peste do discurso, de seu reaccionario e inmobilista, de que calquera tempo pasado foi mellor. Pero un convencemento radical ao respecto non pode ocultarme cantas cousas se perden no camiño. Si, hoxe podemos consumir vinte tipos de mazáns: Red Chief, Fuji, Granny Smith, Golden, Royal Gala..., pero, dentro de cada categoría, observou Vde. que son invariablemente clónicas, perfectas, sen unha enruga, brillantes, apetitosas á vista... insulsas?
Nota: outro post irá adicado á fantástica colección "Libros de la naturaleza" de Espasa, un prodixio de honestidade e bo facer editorial.

No hay comentarios: