9.1.09

De gálica nación

Un disco que teño da premiére dame Carla Bruni non concita excesiva unanimidade. Para uns, a señora de Sarkozy é unha cursi rematada que non sabe cantar e disimula con ridículos susurros e gorgoritos unha obvia incapacidade vocal. Pola miña parte, aprezo nela a mesma sensualidade explícita e consciente que transmitían as súas compatriotas devanceiras na arte feminina da chanson, nomeadamente Françoise Hardy —de quen de rapaz estiven platónica pero perdidamente enamorado (miren a foto e comprenderán por que)— e Catherine Ribeiro, e seguen transmitindo as actuais, como Pauline Croze (mesmo, con hijuelas españolas como Christina Rosenvinge). Penso, en efecto, que as cantautoras francesas delimitan un xénero característico, que xogou, como un dos seus elementos fundamentais de transacción comercial, coa sensualidade cando non cun velado erotismo, un erotismo obviamente relacionado co atractivo das artistas e a tépeda caricia da súa voz, pero nomeadamente incrementado polo especial efecto sonoro que produce o idioma francés, con tanto trémolo, redondeo labial das vogais e o característico efecto gutural dos seus erres. Esta natureza prosódica contribúe de xeito moi notable, creo, á configuración que no imaxinario popular hispánico adquiren os franceses (e sabido é que non hai veciños que se leven ben): unha delicadeza e estiramento social que rozan a ridícula finura (e que teñen o seu correlato fonético na parodia de rematar todo en e agudo: le libré, la botellé, le vasé, perfecté…); unha frivolidade mundana e superficial, pero, sobre e ante todo, unha tendencia universal á sensualidade e o erotismo. Non é, ao meu xuízo casual, que o maior monumento da perversión xamais concibido e escrito o fora en gabacha lingua. Francés é, como todo adxectivo substantivable, lexicamente xenérico. Ah! Pero se o acompañamos de certos adxacentes a cousa cambia: mal francés e francés profundo, por exemplo, son nocións que non é preciso explicar aquí. Alguén dixo que o francés é a lingua do amor.
Lembro, ao respecto, un delicioso equíovoco que un amigo me contou. A un emigrante en Francia morreulle a nai. O home quere mercar un chapeu negro para o sepelio, pero, non manexándose ben coa lingua, trabúcase de palabra (capote, ‘condón’, por chapeau, `sombreiro`) e pregunta a un gendarme:
-Où est-ce que je peux acheter une capote?
Monsieur l’agent, amoscado, respóstalle:
-Une capote? À la pharmacie, naturellement!
O tipo estrañado vai alá, pensando no rariños que son os franceses, que mira ti onde van vender os sombreiros. Chega á farmacia e pídelle ao dependente une capote noire. Este, máis estrañado aínda, solicita unha aclaración:
-Noire? Mais, pourquoi noire?
E o emigrante dille:
-Parce que ma mère est morte.
E, comprensivo, o dependente recoñece:
-Oh, oui, je comprends!
E, xuntando as puntas dos dedos das súas mans con expresión beatífica, exclama:
-Quelle délicatesse!

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Magnífico e redondo post, amigo Juan Luis. A anécdota que conta é fantastica. Mais podería explicarme esas expresións tan raras? É broma, naturalmente. Algo me contaron... ;)

Saúdos.

FrancisMR dijo...

Antes de nada, Feliz 2009!
Levaba eu moito tempo se visitar o seu espazo e non por falta de ganas senon de tempo (que lle imos facer!).
Noraboa polo seu post que me fixo sorrir nesta mañá xélida de Compostela.

juan l. blanco valdés dijo...

Grazas polos comentarios, e tamén para vostedes os meus mellores desexos. Apertas.

R.R. dijo...

xD

Boísimo