16.11.08

Tónicos da vontade

Teño para min que a dúbida existencial debe ser de enorme prevalencia na blogosfera, ao punto probable de constituír unha pandemia. Aínda que non teño datos fiables ao respecto (e seguro que existen), o número de blogs que se abandonan, sucumbindo os seus propietarios ao efecto letal da patoloxía devandita, debe ser moi, moi superior ao de blogs que sobreviven. Ao igual que os nazis falaban de darwinismo social, podiamos nós troquelar o concepto de darwinismo blogosférico. Non entendan que me inclúo implicitamente nese grupo, pero semella que só sobreviven -ou, de momento, sobrevivimos- os máis fortes, aqueles que gradúan o interese que espertan no número de seareiros que son quen de estimular (o que, mutatis mutandis, don Santiago Ramón y Cajal chamaba, en fermosísima e afortunada expresión, los tónicos de la voluntad). Entendo que sobre o convencemento de que nadie, día tras día, o le a un, pois claro, un remata por caer vítima da dúbida existencial e manda todo ao carallo. Eu mesmo teño sufrido algunha crise e reflexionado sobre o particular.
O amigo Lándoa -venturosamente reposto dun lixeiro e recente acceso- pregunta, moi atinadamente, de quen é un blog? Déixenme preguntar: unha vez inaugurado este local e mantido durante vai para catro anos, xerado algo así coma un público fiel (por pequeno que sexa), e estimulados centos de comentarios e intercambios de puntos de vista, ¿ata que punto é só meu o dereito de botarlle o peche? Sería eu tan malsín e felón de privalos da extraordinaria calidade destas páxinas, de furtarlles a sublime lucidez das miñas reflexións, o agasallo inestimable de tan excelsa prosa?
As preguntas do millón de dólares. A fin de contas, un blog non é máis ca un diario de a bordo, unha transposición da vida real, na que a dúbida existencial vén activada por defecto. Para que escribir, para que vivir? Para quen escribir? Compensa? É unha adición? Pois, mira, dáme que si, que debe ser adictivo, pois, coma os paraísos artificiais, é posible que non produzan moita satisfacción -en troques, mesmo por veces algo moi próximo ao fastío- pero non somos quen de deixalos despois de probalos. É como disque lle pasa ao tigre, que unha vez que come nun cristián, logo non quere doutra carne. Debe ser pola finura da vianda humana, tan regalada.
En fin, que hai xente para todo. Pero resúltame meridianamente claro que no deserto de estupidez e frivolidade no que decorre a vida pública que nos arrodea (esa é, cando menos, a miña percepción), se a tecnoloxía nos ofrece a posibilidade de sinalar no mapa oases de reflexión serea, desapaixonados relanzos de pensamento alleos a toda obriga de responder ante ningunha liña editorial nin de opinión, non serei eu quen, mentres poida, desperdicie a oportunidade. A ver ata cando hai folgos.

8 comentarios:

Anónimo dijo...

Pois o da pandemia existencial pode ser, non estou seguro. Con todo, supoñer que o feito de lanzar un proxecto de blog é algo calculado e pensado para unha duración máis ou menos eterna non me convence. Ben sei que vostede non afirma isto, pero coido que é unha presunción estendida entre os lectores de blogs esa idea.
Por se servise de ilustración, direille que cando botei a andar o blog tiña idea de facelo durar dúas ou tres semanas, o tempo xusto para aprender a montalo. A idea era puramente instrumental: interesábame desde había moito tempo o medio, frecuentábao con verdadeiro pracer e moita curiosidade, pero descoñecía o que había ao outro lado do espello. Montei así o recurso do conto de Inone Depretto, con idea de acabaren xuntos conto e blog trasladando a idea de que era a obsesión da presenza a que desequilibraba o ánimo e a vontade de ambos autores: o/a do conto e o do blog (en realidade, o de todo blog). Porque debo confesar o meu prexuízo inicial: case todo blogger ou é un narciso ou emprega a ferramenta como extensión dunha dada mercadotecnia profesional. Sería petulante afirmar agora que por entrar eu na confraría cambiei de opinión. O único que ocorre é que esa "opinión" deixou de interesarme. A escrita actuou cun poder insospeitado, co erotismo grande da inmediatez comunicativa, todo iso que vostede sabe ben. A partir de aí houbo dúas forzas de signo inverso, que talvez conecten coa pandemia existencial que describe con exacta maquinaria: irse e ficar. O número de lectores non estou seguro que sexa unha preocupación tan xeral. Ás veces é preferíbel a proximidade dalgún en concreto. O máis estimulante é a existencia do lector que non tratamos e simplemente intuímos, calada case sempre, ou sempre e mais despois. Logo, queda aínda crer na compañía, como nos vellos tempos da radio, cando a radio estaba soa para a soidade. Vostede sabe tamén de que estamos a falar. O seu blog acompaña e equivale ás veces a ese güisqui mentres soa a música de D e miramos directamente para o corpo dun delicto. Como antes.

Anónimo dijo...

Eu son un deses que entrou e saliu. Na blogosfera, quero dicir. Por qué? Entrei por casualidade, sen pensalo, simplemente porque se deu a circunstancia. Prácticamente non tiña nin idea do que era un blog. Salín porque me aburría. Pasado un tempo xa non lle atopaba a gracia. É certo que lle deu algunhas alegrías ao meu ego, e que aprendín moitas cousas que non sabía, pero á fin resultoume un, vouno dicir, coñazo.
Di lándoas de hai moito narciso: non hai máis que darse unha pequena volta para ver que é así. "Mira que listo son" podería ser o título do 90% dos blogs, vía "canto leo (e incluso filosofía)", "canto viaxo (e a que sitios máis guais)", "canta música escoito (e que rara), "cantos idiomas falo (e que ben)", etc...
O máis triste é que quedar de listo nun blog (mesmo como comentarista, que conste) é o máis fácil do mundo. Primeiro, porque certas cousas, só polo feito de estar escritas cunha pouca de gracia, xa parecen interesantísimas: esas mesmas cousas (unha viaxe, por exemplo) contadas nun bar quedan en absolutamente nada, nunha vulgaridade máis. Segundo, porque calquera persoa, cun pouco de pericia no uso da rede e algo de(mala) intención, pode pasar por un connaiseur en calquera campo, mesmo un experto, sen ter nin puta idea. Tan fácil como facerse pasar por teenager nun chat de adolescentes. E tan aburrido, claro.

juan l. blanco valdés dijo...

Non quixera eu converter este post nunha sorte de sofá do psiquiatra onde atopar explicacións, orixes, formas, remedios, estímulos, síntomas e demais, da dúbida existencial de todo blogger. Eis, nos comentarios precedentes, dous puntos de vista diferentes. Un supervivente e un ex-blogger aburrido. É moi complexo atopar receitas universais. Que o ego anda detrás de todo blog? O ego, queridos, anda detrás de todo, de absolutamente todo o que facemos (madia a levabamos sen ego!). Cousa distinta é o pundonor co que o tratemos o noso ego, como o xestionemos e como o graduemos.
O que non entendo é o punto de vista tan negativo do amigo anónimo/da amiga anónima, case a (perdóeme se erro) implícita xenreira contra o fenómeno blog en xeral. Home (muller), o que di vostede dos blogs (quedar de listo nun blog é o máis fácil do mundo. Primeiro, porque certas cousas, só polo feito de estar escritas cunha pouca de gracia, xa parecen interesantísimas: esas mesmas cousas (unha viaxe, por exemplo) contadas nun bar quedan en absolutamente nada, nunha vulgaridade máis. Segundo, porque calquera persoa, cun pouco de pericia no uso da rede e algo de(mala) intención, pode pasar por un connaiseur en calquera campo, mesmo un experto, sen ter nin puta idea ) pode aplicarse con total exactitude a o que se publica en calquera xornal ou dominical (remítome, de feito, á inxente cantidade de tonterías que se escriben, mesmo por sinaturas do máis prestixioso do país). Persoalmente, non escribo (e agardo que ese ton se perciba no blog) para presumir de nada nin tirarme o moco, ben en troques, creo poder ponderar o tipo de lector (supoño que non alén de dez ou quince, pero ben pouco me importa) que menudea estas páxinas e así establecer unha comunicación interesante. Como teño recoñecido noutras instancias, creo que o que escribo, razono e reflexiono nestas páxinas sería simplemente impublicable noutro medio, e non porque estean especialmente mal escritas senón porque as cousas sobre as que razono, escribo ou reflexiono téñoas eu por moi, moi minoritarias.
En fin, en calquera caso, a min ponme isto de escribir cando me peta e soñar (e así seguir dourando a lume doce o meu ego) que algún día gañarei o pulitzer.
Saúdos.

Anónimo dijo...

Como non podía ser doutro xeito, as intervencións de Lándoas e de Juan Luis son abondo suxestivas e establecen matices interantes (agora son consciente de, ao dicir isto, non estou a dicir nada que valla a pena: pura palla).

Teño para min que se se quere sobrevivir, co paso do tempo, terá que producirse unha sorte de concentración vertical (ou horizontal) de blogs nuns poucos blogs de referencia feitos en comandita por varios blogueiros, nos que cada un achegue de cando en vez as súas reflexións. Iso, ou a gran maioría morrerán de inanición, sen visitantes e sen lectores.

Porque hoxe no blogomillo hai demasiados, e boa parte deles carentes de interese. Todo isto tende a dispersar a atención e o interese. O do ego e o narcismo sería, a estes efectos, irrelevante.

(Tampouco dixen, son consciente, ningunha reflexión sesuda, xaora).

Saúdos.

Anónimo dijo...

Narcisismo, pois comín letras.

Anónimo dijo...

Sinto que resultara tan negativo. É certo. Paseime. Debín expresarme doutro xeito. Pero tamén dixen cousas positivas inda que vostede non o suliñara: que me deu moitas alegrías e que aprendín moito, o que é claramente positivo, creo eu.
O feito de que entre aquí, nun blog, a diario (o 90% dos anónimos que asinan nesta páxina son eu) tamén é algo positivo ao respecto do blogs (quizais pensou que era un troll deses: nada máis lonxe da realidade. Algo tocahuevos, si).
Pero tamén penso o que dixen e me reafirmo: o 90% dos blogs (ou máis) non teñen outra función máis que a pura e dura masturbación pública do seu escritor/a.

juan l. blanco valdés dijo...

Interesante debate, pardiez.
Non, fiel amigo (amiga) anónimo (a) -cando menos decláreme como debo tratalo(la)-, non se pasou e, en efecto, eu só relevei o negativo, sen enfatizar os valores positivos cos que vostede retruca no seu último comentario verbo da súa propia experiencia. Como tónico da vontade dun blogger, paréceme moi interesante o apuntamento de Lándoa
de que o máis estimulante é a existencia do lector que non tratamos e simplemente intuímos. A min, cando menos, me funciona. Se además, como na G, hai debate, pois mel sobre filloas (mala tradución, concedo). En fin. Talvez o amigo Api, tan incisivo -e tan modesto- coma decote, puxera o dedo na chaga: hai demasiados blogs (o fenómeno, e sobre todo a súa eclosión, son relativamente recentes) e o tempo marcará unha inevitable dirección na blosfera, coma el apunta, cara a unha sorte de concentración vertical (ou horizontal) de blogs nuns poucos blogs de referencia feitos en comandita por varios blogueiros, nos que cada un achegue de cando en vez as súas reflexións. Agardo estar aí, se as forzas non fallan e o caletre non seca de tanto espremelo (que calquera día).

Anónimo dijo...

Non se preocupe, meu, que ten vostede zume de sobra no caletre. E son un anónimo.
Saiba que a estas alturas o seu é un dos dous únicos blogs que visito a diario. Nin un nin tres: dous. Despois, de cando en vez visito outro par. E logo, moi de tanto en tanto outros dous o tres (confeso que estes dous ou tres non me gustan nada, visítoos por puro morbo, buscando a miña ración de adrenalina. Qué quere! Outros escoitan a COPE ca mesma fin!). Antes caían máis, bastantes máis, pero foron pechando ou foron aburríndome tanto como o meu propio. Quedan vostedes: a ver quén cansa antes.