23.12.06

Nadal

O que celebramos estes días é unha sorte de San Xoán de inverno. Explícome: cristianizamos o solsticio de verán, un dos ritos máis ancestrais e paganos da humanidade, adicando o lume a un semideus (é dicir un santo). O Nadal é a cristianización do solsticio de inverno. O de menos, claro, é se o fillo dun carpinteiro arameo —que cunha incrible (e historicamente inexplicable) baraka, por certo, foi quen de rematar con dous mil anos de harmonía relixiosa politeísta (despois mal chamada mitoloxía clásica)— naceu ou non en decembro.
Pero o que en estío resolvemos cunha noite de farra, viño e sardiñas e facer o burro saltando por riba do lume, no inverno tense transformado, por arte ignoto, nunha orxía consumista de case tres semanas de duración. O mellor de todo é que é precisamente co trasfondo desta bacanal de paparotas, gastos mastodónticos en regalos inútiles, esmorgas sen fin e convencións tan absurdas (lencería vermella para San Silvestre) como alleas (agora tamén hai que regalar en Papa Noël, hai que joderse), se quintaesencia a nosa máis prístina humanidade e non só lembramos aos desposuídos do mundo, contribuíndo ao seu benestar con todo o que nos sobra pola casa, senón que facendo profesión de bondade, reconciliación e amor ao próximo desexámonos o mellor para o ano entrante, empuxando á recámara o molesto convencemento —ai! tantas veces reiterado— de que tras o primeiro de xaneiro, agás tal vez unha resaca monstruosa, non hai nada. Nada. Un ano máis.
Pero, en fin, críticas á parte, eu, que son fundamentalmente un optimista e non un augafestas, non quero deixar pasar tan sinaladas datas sen agradecer a todos os lectores deste blog as súas visitas e comentarios, e facerlles chegar os meus mellores desexos para o 2007 que xa vén asomando a cabeciña. Grazas polo agasallo da vosa amizade.

5 comentarios:

Anónimo dijo...

Bo Nadal e Feliz Aninovo para ti tamén. Moita sorte no vindeiro ano 2007.

Marcos Valcárcel López dijo...

Bo Nadal, ante o frío que nos asolaga, ben abrigadiño con libros...

juan l. blanco valdés dijo...

Moitas grazas polo agarimo. Co frío imos curar coma os xamóns!

Anónimo dijo...

Unha aperta, Juan, e que 2007 non sexa peor para ti nin os teus. Anxo Tarrío.

juan l. blanco valdés dijo...

Querido Anxo:

Encantado, coma sempre, de verte polo meu local! Unha aperta e os meus mellores desexos para 2007 (ano impar: ha ser bo!).