30.11.06
Sobre o argot editorial
O outro día referíame aos pasos en que se ve o editor enfrontado ás erratas, que son xeralmente fonte de anécdotas, por veces cómicas. Un comenatrista anónimo dicíame que a vida do editor parece divertida e eu respostáballe que, en efecto, visto o asunto coa distancia que é preciso poñer perante a imperfección (que, queirámolo ou non, é consubstancial á toda industria humana), ata a machada máis impresentable pode resultar cómica. Que nunca chegue, nesta profesión, a hora de botarmos en falta a capacidade de rir! Ora, outra cousa, e esta ben seria, é dispoñer o arranxo do erro en cada caso, co eventual cargo de conciencia de ter xerado gastos inútiles. Ben certo é que esta continxencia dáse en poucas ocasións, pois co oficio un chega a non fiarse da súa propia sombra e somete os orixinais a toda sorte de revisións. Aínda así, é imposible ceibarse das formigas no estómago cada vez que dá o nihil obstat: imprimatur á imprenta, ese momento de non retorno tras o cal haberá que apandar co que veña.
Outra peculiaridade do labor de edición é o nivel de especialización da jerga que chegamos a usar no cotián. Botamos o día pronunciando cousas como pedeefe, epeese, opcións de postscript, saír de caixa, ilustracións a sangue, bodoni, pantone, lapelas, selección de cor, freehand, fotolitos, palatino, bitono, oceerre, escaneo, maculaturas, directo a plancha, plotter, futura, ferros, inDesign, interliña, tramas, masas, quark, frutiger, blancas, cabeceiras, voladitas, bandeira, bloque (referencias estas dúas últimas tras as que non hai a menor intención ideolóxica). Un nivel de especialización así leva a xogos de palabras non exentos de humor.
Nas maquetas nas que non hai material gráfico usamos nós —ben certo é que cada vez menos— dun procedemento para aforrar en fotolitos (que, como é sabido, desperdician moita película), procedemento consistente en imprimir a páxina invertida ou en espello sobre papel vexetal (hoxe poliéster), de xeito que este soporte faga as veces do fotolito para a preparación da prancha. A este sistema che chamabamos vexetal invertido. De aquí a rematar chamándoo grelo maricón (perdón pola incorrección política!) non había máis ca un paso.
A especialización léxica, aliada coa metonimia, pode dar pé igualmente a expresións curiosas. A tripa é, como sabe todo editor, todo o papel que constitúe o conxunto de páxinas do libro, e que, fronte ás cubertas ou tapas, implica un labor editorial específico. Algunhas veces téñome sorprendido dicindo Hai que revisar con coidado a tripa de Maquiavelo ou oíndo Temos problemas coa tripa de Erasmo. "Maquiavelo" é a tradución que no seu día fixemos de O príncipe. "Erasmo" a do Eloxio da loucura. O mesmo ocorre coa sobrecuberta que, normalmente nos libros en tapa dura, serve de protección e tamén para levar diversa información. Esta sobrecuberta chámase no argot camisa. Pois ben, a metonimia pode producir expresións curiosas como xa está preparada a camisa de Freud (é dicir, a sobrecuberta do libro de Freud). Cando falamos de acurtar o apéndice de Barreiro non nos referimos a unha intervención cirúrxica no aparello dixestivo de tal señor, senón a reducir páxinas no apéndice do libro da súa autoría (a este respecto, son habituais na edición universitaria e científico-técnica os autores adoecidos de verdadeira apendicite aguda cando se presentan cun orixinal).
Publicamos hai anos a edición facsimilar —por certo, premiada e celebrada pola crítica— dunha folla literaria e satírica de vida efémera que, como tantas da mesma pelaxe, menudeaba na España de remates do XIX, redactada integramente por estudantes composteláns da época; a cabeceira da publicación, chocalleira e chispeante, era Café con gotas. A miña compañeira de traballo, un día ás 9 de mañá pediu polo teléfono interno ao conserxe que lle subira un Café con gotas. Aínda bo é que non había ninguén alleo a nós ao redor, porque a linguaxe oral non coñece de cursivas. Que pensaría sobre os seus hábitos laborais?
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
2 comentarios:
impresionante
Estimados amigos,
Obrigado pola visita e comentario. E parabéns polo blog!
Publicar un comentario