Comprobo neste meu caderno que non hai cousa que poña máis ao persoal e o mobilice á hora de expresar a súa opinión que a política, con mención especial, dentro desta, a certos asuntos especialmente espiñentos como a lingua (52 comentarios provocou un post recente ao respecto). Eu xa quixera que non fose así, pois se algo menudea no país son opinadores (algúns, como vostede saberá, moi cercanos a este menda) e para saturarse de política non hai máis que abrir un xornal (en efecto, nunca máis ca agora, xornalistas e políticos son os amos das pomada). Anóxame a fealdade da realidade inmediata e, entre outras andanzas e ensoñacións, percibo esta bitácora como unha sorte de válvula de escape ao noxento espectáculo da area política na que, como patéticos gladiadores, se baten homes e mulleres de bandeiras diferentes cunha saña que está en relación lóxica e directa cos emolumentos que, de venceren na contenda, lles agardan. Ética e vontade de servizo e 5000 euros ao mes son magnitudes que llo poñen ben difícil ao fiel da balanza.
Pero bueno, estando como estamos en día de reflexión, imos á política e, se mo permiten, tamén eu quero achegar o meu graíño por se alguén tena feliz ocorrencia de achegarse por aquí nesta sabatina xornada.
Opino que, mentres sigamos tragando co pildorazo de que PSOE e BNG representan o progresismo e o que chaman por aí cambio necesario imos simplemente jodidos. Sinto unha fonda mágoa e unha insondable decepción desta malfadada lexislatura de goberno "progresista" (aspas miñas). PSOE e BNG no ideolóxico, e aínda no persoal, están a enorme distancia. É, por exemplo, tremendo ter que finxir un apaixonado interese en problemas tan candentes como o estatuto de nación ou a cuestión lingüística e de afianzamento do galego cando, no fondo, iso che importa tres gordas. E cando se deduce que tal finximento e a hipócrita apariencia dun casal harmonioso veñen impostos como única vía de subir ao machito, o persoal, que non é tonto, ve claramente o calote. Xa sabe, a la fuerza ahorcan. No único que socialistas e nacionalistas parecen ter deixado na marxe diferenzas é na compartición dunha patente de corso á hora de dispendiar diñeiros que non son seus en beneficio propio e, con grande xenerosidade, dos seus abandeirados, acólitos e amigos. Algo que xa sabiamos facía a "dereita" (aspas miñas) pero que non podía concibirse que seguira facendo, en edición corrixida e aumentada, a "esquerda" (aspas miñas). En fin. Unha pena e unha enorme decepción. De progresistas líbreme Dios que de conservadores me libro yo.
12 comentarios:
Tamén estaría ben poñer un pequeno matiz ético (sen aspas) sobre quen levou a campaña electoral máis suxa que se recorda, tanto de partido como por parte de medios. Máis ca nada por ser algo ecuánimes.
Api: de verdade que non sei de cal dos tres partidos me fala.
O fume non debe cegar os ollos.
Amigo don Juan: canto celebro a súa opinión! Pensei que era o único rarito.
Deus os cría...
Y ellos se juntan. Pluga al cielo que seamos bastantes.
Amigos Arume e Blanco Valdés: hoxe por hoxe, o dilema pode ser doroso, mais para min a elección aparéceseme como meridianamente clara. Ou a reedición do bipartito que vostedes denostan (sí, o das liortas entre administracións paralelas e o malfadado concurso eólico, pero tamén o da valente moratoria dos 500 metros na costa ou o ilusionante banco de terras), ou volver escoitar arrepiados esta noite ó fulano ese do trombón que oficia de presidente total ourensano ad maiorem gloriam do seu propio bandullo e do da súa prole: "Y si no eres del pepé, jodeté, jódeté, y si no eres del pepé, te vuelves a joder". Se cadra é unha simple cuestión estética, pero a estampa ponme a carne de galiña, personalmente. A data de 1 de marzo de 2009, non hai outra cousa á vista.
E sí, xa sei que acolloa.
Estará contento, claro.
Moitas felicidades, xa poden durmir tranquilos.
Meu home, isto non son cousas persoais. Eu alégrome de ter saúde e de que a teña vostede e os meus amigos, alégrome dos éxitos da xente que quero, alégrome de que me baixen a hipoteca e durmo tranquilo cando lles dou un bico aos meus pequenos e os vexo felices.
Canto ao demais, arrieritos somos y en el camino nos veremos.
Agardo que, en consecuencia, tamén vostede estea contento e durma en paz. Saúdos.
A min me gustaría que gañara o Barça, pero, se xoga coma hoxe, perdemos a liga. Fijo. Pero polo que se ve, sendo do Barça, non podo dicir que Valdés (o porteiro) canta que nin diola e que Puyol anda un pouco parvo?
Ay meu amigo Arume, vaia baño vos dimos.
Publicar un comentario