Traduttore, traditore: que a tradución é un mal menor o saben ata as pedras. Que non dariamos por ler a Shakespeare en inglés, a Zola en gabacho ou a Tolstoi en caracteres cirílicos? Ademais dun mal menor, é un mal, polo tanto, necesario. Lembro aínda, co estupor que produce a sima de tontería na que por veces caemos neste paisiño noso, a que se armou cando o Centro Dramático Galego quixo representar a Valle en castelán. Anatema! Condenación! Herexía! Hai que traducilo a galego ou non representalo!! Ninguén, creo, se parou a pensar no privilexio de entender a Valle na lingua na que orixinalmente escribía e no estéril e absurdo dunha tradución tan innecesaria. Canto ao pecado mortal de que o CDG representase obras en castelán (dun autor galego de sublime galeguidade e que logrou co idioma un híbrido artificio inimitable), para non me meter en camisas de once varas, prefiro reservar a miña opinión. Aló cada quen.
A técnica da tradución, tan complexa e extremadamente sofisticada que se recolle innúmeros tratados e manuais, así e todo, atópase en ocasións con eses especimes que o sufrido tradutor deixa na lingua orixinal e envía a nota explicativa no pé baixo o piadoso rótulo de intraducible. Será a alma do pobo, o Volksgeist que se filtra, a xeito de vasos comunicantes, á súa lingua? A hipótese de Sapir-Whorf, como creo ter referido xa algunha outra vez, establecía na súa formulación máis radical que a lingua determina a estruturación das categorías mentais coas que percibimos o mundo. Secomasí, razoaban os insignes antropolingüístas, dábase o caso de tribos de indios norteamericanos nos que coincidía teren divindades duais e xénero dual para os substantivos.
Retomando o argumento precedente, e aínda sen outorgar á devandita hipótese un valor tan radical, non cabe dúbida de que unha determinada Weltanschauung, difusa pero colectivamente asumida por un continxente humano, trasládase ao longo dos séculos e a lombos das mutacións sociais e históricas tamén ao código lingüístico no que tal continxente se desenvolve e comunica, enchoupando, por así dicir, moitos aspectos do seu léxico e semántica. Nunha visión panorámica —que, como toda visión panorámica, en beneficio da funcionalidade, fai tabula rasa de moitos matices e reservas— digamos que onde hai unha lingua diferenciada hai unha cultura diferenciada.
Certos especimes do noso léxico máis enxebre abonan, na miña opinión, toda a argumentación antecedente, resultando cando menos moi difícil atopar cabais equivalencias en castelán, sen recorrer, en calquera caso, a perífrases. Aí van algúns.
O verbo revirichar —derivado de revirar cun precioso sufixo palatal— equivalería a algo así como «plegarse o doblarse involuntariamente algo, ya de forma antiestética ya produciendo alguna molestia o inconveniente», pero nin con arrodeo tan longo chegamos, creo eu, á intensión semántica específica do verbo. Un bo amigo suxíreme para este inventario o fantástico adxectivo doente, que pide, ademais, unha solidariedade léxica co verbo andar. Non se está doente: ándase doente. Fíxense no abismo semántico que se abre de recorrermos ao falso amigo doliente, en castelán. Qué é andar doente? Pois desde «estar sobremanera excitado sexualmente», a «sentirse muy ofendido o molesto», «quejica, enfermo imaginario» ou mesmo «cabreado, amargado, en permanente estado de mal humor». Aqueloutrar é, ademais do que en lexicoloxía se coñece como un parasintético, un prodixio de creatividade lingüística, absolutamente indefinible de xeito concreto. Xa o dicionario da Real Academia Española recolle un vello vocábulo español, curmán do noso enxebre verbo: quillotro, formado de aquello otro, describindo o seu valor semántico de maneira moi "galega": voz rústica con que se daba a entender aquello que no se sabía o no se acertaba a explicar de otro modo. Aqueloutrar é... que demo é aqueloutrar? «Arreglar, apañar, acicalar, preparar convenientemente, conformar con el gusto de uno...». A gama de palabras que reflicte na nosa lingua o valor xenérico do «mal feito» ou, máis intensamente, do que é «resultado dunha chapuza» é rica e especialmente expresiva. Probe vostede a buscar unha equivalencia concreta ao adxectivo charramangueiro. Trapallada, chafallada, trangallada son substantivos que van na mesma liña, para os que resulta complexo atopar equivalentes. E que dicir de pataqueirada? Adoptar para a antonomasia do que é ruín e de nulas calidades un simbólico icono do país non deixa de ofrecer campo abonado a interesantes inferencias.
10 comentarios:
Dende que morreu miña nai non escoitaba a palabra pataqueirada; xa lle direi o senso que ela lle daba que é moi curioso e orixinal
*Fruncir: Revirar (o bico, o fociño). 'A avoa rifoulle ao Joshua, e o Joshua revirou o fociño'.
*«estar sobremanera excitado sexualmente»: Ser (ou estar) adoecido: 'A Maruxa era adoecida dos (polos)homes'.
*Hortera: Charramangueiro.
*Badanas: Trapalleiro.
Pataqueirada? Ufffffff
Agardo, Iacobus, polo seu senso idiolectal do fermoso especime pataqueirada. De por parte, penso que o cast. patatada, malia non andar nos dicionarios, ten un valor semellante.
En efecto, Fripp, adoecido ten un sentido semellante a doente, curiosamente, no terreo do sexual...
Pataqueirada: Bufffff! Precisamente! A iso me refiro no post!
Saúdos, Bob, de John Blanco Wetton.
Son un trapalleiro, debería dicir que cando me lembrara do senso en que usaba miña nai que lle lo ía contar.
E falando de todo un pouco Sr. Blanco Valdés, eu teño unha entrada para ver a King Crimson e a Roxy Music no campo de fútbol de Moscardo o día 7 de Julio de 1.979, e que polo que fora non se celebrou. Se está en contacto con Robert Fripp e se leva con él, por que non acordan facer algo en Compostela que do Bryam Ferry xa me ocupo eu
Nao cure, que já falo eu com o Bob (Medela Fripp).
Iso eran concertos, meu home! King Crimson e Roxy Music, quen os pillara!!
Cumprimente da miña parte, don Juan, a don Juan Blanco-Valdés Wetton.
E, ao 'lexical' fío do que se está a falar, onte, en Piñeira d'Arcos, na Limia... Unha señora na altura dos sesenta e máis anos...
"Dantes, aquí facían entroido mozos e vellos... Agora, toda a xente PASA DA MOVIDA".
Si, amigo don Juan, non lle botaron LSD no café. Así, textualmente.
Son os seus influxos Medela, por onde anda -merodea- nótase liserxicamente. Estando vostede diante, todo o mundo se quere face-lo fino.
Coidado con pasarse de fino! Unha señora que quería profiteroli para o postre, pediu despois da misa de doce na confitaría da vila, ateigada de xente, moi requintada ela, unha docenita de profilácticos (verídico, certificado e patentado). O da patrona que pasa da movida é simply fastuoso. Best regards,
Bill Percussive Bruford
jajajajajajajajajajajajajajajajaja
E a señora dos profilácticos tropezou nunha focha que deixaran media aberta os da Deputación e dixo:
"Hube caer"
juajuajuajuajuajuajuajuajua
moi bó, D. Juan, farei por velo na festa da filloa profiláctica de Lestedo
Publicar un comentario