2.10.08

Zonas intermedias

Percíbome cada vez máis blindado nunha sorte de elitismo sociocultural, blindaxe que, por certo, non me gusta moito pero á que irremediablemente me empurra a terca realidade circundante. É deplorable comprobar como a peña funciona maioritariamente a base de lugares comúns —cocidos polo xeral na TV, na radio ou nos xornais—, etiqueta sectariamente ás persoas e desenvolve unha actividade —moito peor se tal actividade é pública— co único estímulo do politicamente correcto, ponderando con todo o coidado o que fan ou din na resposta que o que fan ou din produce nos medios de comunicación, preocupación esta última hoxe pandemicamente obsesiva. Fronte a tan tremendo panorama, o meu elitismo, supoño —e o digo co ánimo menos elitista do mundo— baséase na independencia das ideas, no radical rexeitamento do sectarismo, no convencemento de que todo ten zonas intermedias e de que, por baixo do discurso politicamente correcto, non hai moitas veces máis ca tópicos e frases feitas, no mellor dos casos, e, no peor, a máis crasa indocumentación. Aquí equivócase todo, mestúranse churras e meiriñas, vívese a lombos dun progresismo de guardarropía e o pensamento e a reflexión son de tan baixa calidade que —como lóxica inferencia— o que se di e o que se escribe dá medo. Para mostra un botón (acaso un chisco extremo).
Vou dar un exemplo do que digo. Atopándome en ocasión de desfacerme de varias bolsas de roupa usada, pero en bo estado, póñome en contacto telefónico cos servicios sociais do concello no que vivo. Unha voz feminina indícame que preto do centro social hai un contáiner ao efecto. Como bo cidadán, cargo as bolsas no coche e diríxome ao punto indicado. O espectáculo de bolsas rompidas, de roupa reseca e podrida ateigando a teórica pero invisible entrada do contáiner é desolador, lamentable, repulsivo. No pé e arredor do enorme contedor máis bolsas de roupa aínda máis podrida e reseca. A sociedade civil.
Ao día seguinte diríxome coas bolsas ao cottolengo do Pai Alegre en Compostela. No gran hall do cottolengo recíbeme unha monxa de manual: contra os sesenta e tantos anos, gafas de cu de botella, pulcra, de pel finísima e arrugada. Dende un recanto da instalación, sentadas nun banco e ataviadas coas clásicas batas de guatiné, tres ou catro mulleres de idade provecta e un retraso mental obvio debuxado nas súas faccións, observan a operación. Cheira a legumes fervidas e produtos de desinfección. Para o descargo das bolsas, as monxas teñen disposta ata unha pequena cuña que atranca a porta. A sor explícame, con esa fonética monxil tan característica, que lavan, desinfectan e empaquetan coidadosamente a roupa. A que lles serve para as súas internas queda alí e a que non se va para las misiones. Cando remato tomo cordialmente a man da irmá e lle dou as grazas polo gran labor que desenvolven. Ela indícame que non llas dea a ela, senón a Xesús Noso Señor. A punto estou de lle indicar que, por favor, llas dea ela da miña parte porque eu non o trato, pero calo. A boa monxa indícame que elas son felices así, e engade que cre que hoxe debe ser moi difícil ser feliz ahí afuera [sic].
Cando marcho, penso que o interior do cottolengo é outro mundo, descoñecido, socialmente case marxinal, sen o máis mínimo recoñecemento colectivo. Polo que sei, a institución —adicada a acoller mulleres con deficiencias mentais e sen recursos— non ten a máis mínima subvención pública.
Hoxe o que funciona, o que viste politica e mediaticamente, é que a cousa remate en sen fronteiras. Imaxinan a Pérez Touriño visitando o cottolengo ou a cociña económica? Inimaxinable. Non vaia ser…
O máis acojonante do caso é que, moitas veces, os máis duros críticos contra a institución católica están casados pola Igrexa, bautizan os seus nenos e fanlles a primeira comuñón. Ningunha destas circunstancias é, por certo, o meu caso. E digo isto último para que se me entenda.

13 comentarios:

Anónimo dijo...

Aí falou, amigo Juan Luis, aí falou.

Saúdos.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

O botón que vostede elixe coma mostra está incluso bordado.
As persoas que se dedican a tales mesteres, por moito agnosticismo e ateísmo que proclamemos, merecen o noso recoñecemento e admiración. Sobre os que gobernan esas institucións corramos un tupido veo, despois de recordar ao ecónomo de Valladolid.

juan l. blanco valdés dijo...

En efecto, Arume, entre as persoas que se dedican a tales mesteres e o ecónomo de Valladolid hai, coma en todo -iso sabémolo as persoas de xuízo independente-, tal como rezaba o título deste post, zonas intermedias, as que non acepta o sectario e/ou o indocumentado e/ou o ignorante con responsabilidade.
Saúdos.

Ana Bande dijo...

Uf, con esto non podo, non podo, supérame o cheiro a alcanfor e polvos de talco, se xa o digo eu, non hai como estudar nas monxas/curas/afín, para saír correndo. Teño que superar aínda o efecto do cura ese da peli do Cuerda e esquecer que aínda manda a Mafia Santa, como dicía a grande Maruja Mallo. E dende hai escasas horas, ademáis nen sequera podemos "borrarnos" porque agora resulta que onde nos teñen apuntados non é un ficheiro, e claro sobre a profundidade e a xurisprudencia do concepto de ficheiro, xa se sabe...en fin, que non me borren, pero que non conten comigo, menuda xentalla. Eso si, o post, como sempre, "con laúde". Deste bar sempre sae un cun puntiño....voume para o Hipólito que é venres e que non podo apostatar, ¡joder (con perdón) agora que quería facer algo pola igrexa!
¡apertas!

Anónimo dijo...

Estou con Ana Bande en todo: laúdes pola prosa e talcos para o calcañar monxil. Creo, doutra parte, que todos contribuímos, querendo ou sen querer, para que estas institucións se manteñan en pé. E unha cousa máis. Na mentalidade dun crente, non digamos de alguén tan feliz como a muller que con tan bo pincel retrata, esa entrega e ese amor son tamén, polo menos en parte, unha inversión para o futuro. De aí a felicidade e a renuncia ao mundo exterior (de novo en parte, desde logo; de novo, considerando a excepción). Remato: o ollo inscrito no triángulo, ou o seu contrapoder, deparou unha sorpresa última para este comentario. Teño que teclear para que zarpe nada menos que kkceo. Aperta grande, cacho Fragmentos.

juan l. blanco valdés dijo...

E que hai alguén que faga algo nesta vida con auténtico desprendemento e sen agardar unha recompensa, por mínima que sexa?
Alguén díxome unha vez que non lle preocupa a relixión da xente, senón o que fai con ela. Mellor coidar parviñas pobres por Deus que despanzurrar inocentes por Alá, non?
En calquera caso, creo que a capacidade de descubrir zonas clarescuras en todo é a mellor profilaxe contra o sectarismo e cousas aínda peores.
Dar as grazas de corazón á monxa pola súa amabilidade e entrega e aborrecer a institución católica? Por que non?

Anónimo dijo...

Estou de acordo con Bande e o do bus. A min as monxas danme arrepíos e a súa bondade non a dou crido nin a tiros. Seguro que é defecto do animal. Ao 100%: traballan para un futuro no que se sentarán á dereita do pai. Non ten mérito. É como quen rouba cando non o ben.
Agora: paréceme ben a súa postura. Defender ás monxas é politicamente incorrecto e vostede faino a cara descuberta. Non agardaba menos.

Anónimo dijo...

Agradezo (só a amabilidade, non a entrega) e aborrezo (full time) con vostede como guía. De acordo.

El Gachupín de Garibaldi dijo...

Profundando no tema teolóxico, permítome recomendarche o último libro que me está lendo a miña nai por capítulos como contos para durmir, chámase "Dios no es Bueno", de Christopher Hitchens, publicado por Debate. Non fai distincións entre o "Deus" (Jesús) que coida ás parviñas pobres co "Alá" que despanzurra infieis inocentes... Hai moitos "Jesuses" e moitos "Aláses". Esa comparativa é demasiado xeral e partidista. Tamén en nome de Alá fanse moitas cousas boas, e tamén en nome de Jesús hase masacrado (e se masacra). Coido eu que Deus é o mesmo en todas as fes, un invento do home.

Nese libro, un ensaio divulgativo sobre antropoloxía das relixións, que é marabilloso, explícase esto moi ben. Até un bebé como eu o entende (e faise ateo ipso facto ;-)).

E xa que estamos, cómo non recomendar tamén un par de reportaxes de Richard Dawkins que podense ver en Internet subtitulados ao español: "The God Delusion" e "The Virus of Faith"... Vale a pena botar un ratiño na noite véndoos.

Bicos babosos desde a outra beira!

juan l. blanco valdés dijo...

Precisamente, como corolario do seu razoamento, amigo Elías Javier, volvo ao lapidario aserto do meu intelixente amigo: non me preocupa a túa relixión senón o que fas con ela ou no seu nome. Que é a relixión, a fin de contas, senón un código ideolóxico? Digamos, chegados a este punto, que, como todo, en efecto, a relixión e o seu uso poden ser algo nobre e algo ruín. En nome de Alá, Manitú, Shiva, Pazuzu, Xesús ou o Gran Mufti pódense facer cousas marabillosas e cousas horribles. No meu post só quería facer fincapé en cousas marabillosas feitas por membros dunha seita da que, por moitas e ben fundadas razóns, abomino: zonas intermedias.
Saúdos.

Anónimo dijo...

Vostede non le o periódico, pero bótelle unha ollada á Voz de onte (xoves). Alí sae unha nena que se criou os 7 primeiros anos da súa vida coas monxas. Mire o que di desas boísimas mulleres de mans brandas e brancas e de cómo a trataban a ela e aos outros orfos e o agarimo que lles ofrecían.
Repito: danme arrepíos.

Anónimo dijo...

Perdón. Foi no Pais, nas páxinas de Galicia.
Unha mala tarde tena calquera.

Anónimo dijo...

Outra vez perdón por dar a lata, pero é que xa atopei a nova (http://www.elpais.com/articulo/Galicia/tenia/nadie/quisiera/elpepiautgal/20081009elpgal_15/Tes?print=1)

Por se non lle apetece lelo, aquí a frase definitiva:
"Cosas como las que vivió con las monjas del último internado en el que estuvo. "Me mandaban hacer la habitación, lavar los platos, los servicios y barrer el patio, pero yo era tan pequeña que no podía con la escoba y me hacía daño. No tenía a nadie que me quisiera".
Dese internado a nena saíu con 7 anos. Edificante, sen dúbida.